CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Polda Ferreiro, a custodia dos presos
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Ata que decidiron sacalo á rúa, o libro de homenaxe formou parte do tesouro familiar e no ámbito doméstico dos únicos herdeiros -os fillos do poeta- foi onde se conservou, coma tantas outras cousas resultantes da actividade social dos seus catro irmáns -que non deixaron descendencia- e do activismo político galeguista, onde Celso Emilio Ferreiro, xunto con Pepe Velo e outros mozos da vila de Celanova, se centraron nos tempos da república, así como da posterior actividade poética.
Pero, vexamos primeiro o contexto familiar. O vello impresor e comerciante Venancio Ferreiro e a súa dona Obdulia Míguez trouxeron ó mundo na rúa Curros Enríquez (a carón da casa familiar de Manuel Curros), a catro fillos.
Por orde de chegada estes foron José, Gumersindo, Maria e Leopolda e cando xa non contaban con máis ninguén, coa nai devalando por uns xa serodios 46 anos, dous días antes de Reis de 1912, completou o cadro filial o neno Celso Emilio que se atopou cunha familia un tanto singular no sentido de que a diferenza de idade (José leváballe 21 anos e Gumersindo 16) dos seus irmás facía que mais ca irmáns semellasen seus tíos, e cando se refería a seus pais acostumaba a dicir que sempre se sentiu un pouco descentrado, xa que logo, mentres os seus amigos tiña pais que tiñan idade de ser pais, os seus semellaban máis avós ca pais.
O recente falecemento de Luís Ferreiro, fillo do poeta Celso Emilio e responsable ata hai pouco da fundación que leva o nome do autor de “Longa noite de pedra”, dáme pé para traer a colación a Leopolda Ferreiro Míguez, máis coñecida no seu entorno como “Polda Ferreiro” e que, aínda que a súa popularidade non traspasou fronteiras, si foi admirada -e querida- polos presos do penal celanovés. Máis de medio milleiro deles dedicáronlle un fermoso libro coas súas sinaturas e que foi publicado en edición facsímil e non venal, en 2012.
José estudou bacharelato e fíxose procurador, profesión que exerceu ata o seu falecemento en 1967 e coa que soubo gañar un gran prestixio entre as xentes da bisbarra, non só polo bo facer á hora de evitar pleitos, senón tamén pola súa afabilidade e bonhomía.
Pepe Ferreiro -que así era coñecido-, non casou e non consta que tivera descendencia.
Gumersindo, pola súa parte, centrou a actividade laboral no Banco Hispano Americano, onde se xubilou na sucursal de Ourense e aínda que casou con Pura Gómez Justo, viviu na cidade de Ourense, onde exerceu de concelleiro e procurador síndico a finais dos anos corenta e filtreou coa falanxe, pero non tivo cargos de relevancia e tampouco tivo descedencia.
Finalmente, tanto María como Leopolda, centraron a súa actividade na colaboración social e na organización e mantemento de colaboración coa Igrexa.
Polda, ben nova, en marzo de 1909 xa aparece como organizadora dos “asaltos” que tiñan lugar no Casino durante festas das Marzas.
Chegada a guerra civil, a actividade humanitaria que desenvolve dende as filas de “Acción Católica”, colaborando, primeiro, co exército sublevado, tal como recolle este xornal o 27 de setembro de 1936, felicitando a “Polda Ferreiro y otras, por la labor patriótica hasta ahora realizada, esperando no desmayen en su empresa”.
Sen embargo, o pobo de Celanova vai sufrir unha implosión social a finais de 1938, cando a “caída” da fronte de Asturias provoca a chegada ó convento celanovés de centos e centos de presos republicanos debido á instalación dun penal provisional que logo pasou prisión central e durante os cinco anos seguintes viu pasar por Celanova a máis de sete mil condenados con penas, incluso de cadea perpetua.
A partir deste momento, Polda intégrase como colaboradora no sistema de atención ós presos e encárgase, entre outras xestións, de conseguir produtos alimenticios para a poboación reclusa, nun tempo no que se era difícil conseguir “rancho” para unha familia calquera, canto máis para fornecer de alimentos a milleiros de comensais diarios.
O esforzo de Polda para atender a todo aquel que precisaba dalgunha axuda non caeu en saco roto e tan pronto rematou a guerra, 544 dos presos confeccionaron un fermoso traballo coas sinaturas de todos eles, agradecéndolle á súa benfeitora a custodia que fixo deles.
O traballo desenvolto por Polda Ferreiro no transcurso do tempo no que estivo aberta a prisión política celanovesa, non se centrou só na procura de alimentos para os presos, indo mercar no nome do director do penal, non só produtos da horta, senón incluso porcos, becerros, pitas e ovellas, senón que tamén se dedicou a atender as necesidades de moitos familiares que se achegaban a Celanova para poder visitar ós seus e que precisaban un lugar onde durmir e onde comer, incluso un sitio onde poder traballar se decidían botar en Celanova longas tempadas para estaren preto dos seus maridos, noivos ou fillos.
Este episodio relatouno en 1993 a escritora asturiana Concha López Sarasúa nun fermoso libro que se titula “Celanova 42” e que retrata a vida cotiá da vila nese ano vista ós ollos dunha nena que ven coa súa avoa a visitar a un tío.
Pois ben, neste caso, Polda non só trataba de procurarlle o acubillo na casa dalgunha familia -loxicamente o pobo non contaba daquela con fondas suficientes como para albergar a tanta xente-, senón que moitas acabaron traballando con esas familias.
Ó mesmo tempo tamén trataba de axudalos a facilitarlles o contacto cos seus familiares, intermediando co director da prisión, Vicente Fonturbel, quen a tiña en gran estima.
É certo que nesa época foi costume entre os presos de tódolos cárceres do franquismo, que utilizando papel reciclado, cartóns ou o que tiveran a man, se escribiran postais, cando algúns deles eran liberados, ou elaboraban artesanalmente pequenos libros con dedicatorias entre os propios presos, coma o que en edición facsimilar publicou a filla do preso asturiano Luís Alonso, Dolores Alonso Reverter, que casou en Ourense coa filla do preso ourensán Estanislao Reverter, a que coñeceu cando esta ía visitar á seu pai a Celanova.
Sen embargo, a elaboración dun traballo tan diverso, coa implicación de 544 internos non era, nin moito menos habitual, o que revela o efecto paliativo que a ben querida Polda Ferreiro supuxo para todos eles.
Pechado o penal de Celanova en setembro de 1943, Polda Ferreiro, regresa ó anonimato local e á súa actividade colaborativa con todo canto de carácter social e humanitario acontecese na vila, sendo, polo tanto unha pioneira denantes de que aparecesen as ONGs, ata 1960, cando faleceu.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Polda Ferreiro, a custodia dos presos
HERRAMIENTA DE APOYO
Europa, ante el reto de financiar la IA en salud y evitar desigualdades
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 29 de diciembre