ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 21 de marzo
ENTREVISTA
Nome
Rodrigo Costoya Santos
Nacemento
Nado en Torrelavega en 1977
Profesión
Profesor de Educación Física no IES Rosalía de Castro en Santiago e escritor
Traxectoria
Percorreu en máis de trinta ocasións o Camiño de Santiago e é un dos grandes divulgadores da teoría da orixe galega de Colón
A orixe de Cristobal Colón foi motivo dun documental que foi emitido fai uns días e que analizaba as diferentes hipótesis que se coñecen ata o de agora. Alfonso Philippot Abeledo, falecido en Vigo fai tres anos, foi o impulsor da teoría da orixe galega do navegante e o plasmou na súa publicación “La identidad de Cristobal Colón”. Desa teoría da orixe galega de Colón tamén forma parte o escritor santiagués Rodrigo Costoya.
Unha das teorías sobre a orixe de Cristobal Colón o sitúa en Galicia. Cal é esa teoría? Na súa primeira novela,“Portosanto”, xa fala de esa orixe.
A teoría do Colón galego ten 135 anos de historia e acumula máis de cen indicios a favor, froito da investigación de numerosos estudosos galegos. É, sen dúbida, a teoría máis sólida de cantas hai, e a que conta con máis probas a favor. Na miña primeira novela, Portosanto, recreo a través da narrativa histórica o que sostén . En concreto, dentro dela, a póla que vincula a Colón coa figura de Pedro Álvarez de Soutomaior.
Qué probas reais poden soster esa orixe galega de Colón?
Máis de cen, algunhas dunha solidez fóra de dúbida. Pontevedra é o único lugar do mundo onde existe o apelido Colón no século XV. O almirante adxudicou máis de douscentos topónimos ás terras que ía descubrindo alén o oceáno propios das rías galegas. Por exemplo, chamoulle Miño ao meirande río de Xamaica, e Xallas a outro, que desemboca en fervenza. Falaba un castelán da época con moitos xiros galego-portugueses. Por exemplo, chamáballe cons ás pedras mariñas, como nas rías baixas. E a súa fala náutica era propia do atlántico. Pero a lista, como digo, é moi extensa: a nao Santa María foi construida en Pontevedra co nome de La Gallega, a Pinta regresou a Baiona, terras de Soutomaior, amizades, parentescos, heráldica... ata se fixo unha peritaxe caligráfica que determinou que os escritos de Pedro Madruga e Colón pertencían á mesma persoa. Por todo isto dicimos que a proba do ADN, no caso de dar uns resultados fiables, será unha máis. Pero sobran indicios a favor da teoría galega.
Nun documental fai uns días falouse de varias teorías sobre a orixe de Colón e nunha delas facía referencia a Galicia, pero todas descartarónse polo ADN.
Nese documental non se aportou nada. Faltou rigor científico, e as conclusións extraídas case semellan unha burla para calquera persoa con sentido común. O ADN non pode determinar se unha persoa comerciaba con seda, por exemplo. Foi un espectáculo moi decepcionante. E non o digo eu: a comunidade científica leva dende ese día denunciándoo nos medios de comunicación.
Por qué sempre damos por feito que Colon era Xenovés?
Colón supón un caso inaudito, pois fixo todo o posible por ocultar a súa auténtica identidade. Normalmente é ao revés. Pois ben, ante a ausencia de datos, colléronse como válidos os primeiros que apareceron. É curioso, porque el nunca dixo que fose xenovés, e os documentos onde se afirma tal cousa xa se consideraban falsos no século XVI.. Pero, cando non hai outra opción, cóllese a única que anda de boca en boca. O caso é que hoxe xa ningún investigador serio sostén a teoría xenovesa. Eu mesmo estiven en Xénova, e case dá risa ver a casa onde din que naceu...
Chegaremos a coñecer a súa verdadeira orixe o a estas alturas é misión imposible?
Coido que hai tempo que se sabe. A teoría galega acumula tal cantidade de indicios que resulta incomprensible que aínda non fose validada de xeito oficial. Outra cousa é saber que persoa en concreto foi a que ocultou a súa identidade tras ese nome inventado de Cristóbal Colón, pero que foi un nobre galego está fóra de dúbida para calquera persoa que coñeza os estudos. Por iso é frustrante que se antepoña un estudo coma o que presentaron en TVE a eses 135 anos de investigación seria e rigorosa.
Creo que xa está a ultimar a súa quinta novela. Pode adiantarnos algo?
Está rematada, agora estamos en proceso de revisión. Esperamos que sexa publicada a principios de 2025, e vai ser unha novela moi compostelá. Nela contaremos como unha pequena vila do Finis Terrae galaico, que non tiña máis que un pequeno santuario e unha reliquia demasiado dubidosa, se converteu en todo un faro da cristiandade, competindo e mesmo superando a Roma e Xerusalén como meta de peregrinación e chegando ata os nosos días. E, sobre todo, contaremos como todo iso foi obra dunha única persoa. O meirande xenio político da nosa historia e un dos máis grandes de todo o mundo. O que construiu a catedral, coroou reis, mandou elaborar o Códice Calixtino, inventou o Voto de Santiago, entronizou papas e creou novos reinos que chegaron aos nosos días. Esa é a próxima novela.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 21 de marzo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: viernes, 20 de marzo
Lo último