Mónica Vidal Martínez: "O interese por contar cousas espertou cando estudiaba no Pablo VI"

Entrevista a Mónica Vidal Martínez, xornalista na Televisión de Galicia

Publicado: 03 feb 2024 - 08:20 Actualizado: 03 feb 2024 - 08:20
Mónica Vidal, xornalista e presentadora de informativos da TVG.
Mónica Vidal, xornalista e presentadora de informativos da TVG.

Vintesete anos de xornalismo na TVG e un traballo constante e profesional avalan a Mónica Vidal coma ponente das Xornadas de Orientación Profesional, organizadas polo Colexio San Pablo VI Fátima da Rúa. Tamén a súa condición de antiga alumna do centro e as súas raíces, das que garda un cariñoso recordo. As xornadas terán lugar do 5 ao 9 de febreiro no Pablo VI-Fátima.

Como xurdiu esta colaboración?

Desde 6º de EXB ata 2º de BUP eu fun alumna do Pablo VI, antes de de marchar para Trives de onde é a miña familia. Nunca perdín o contacto, coa orientadora Ángeles Terrón, e especialmente co seu home, Avelino García, que fora o meu profe de galego, seguíamos nas redes.

Aceptache o reto…

Aceptei porque son unha aventureira (di rindo). A verdade é que estou un pouco alonxada da docencia, do trato ca xente desa idade, a brecha xeracional é grande porque non teño contacto coa xente nova, e creo que nos ven un pouco antigos na nosa forma de facer as cousas. Pero eu gárdolle un cariño especial ao lugar onde me criei e estas cousas hai que facelas, sobre todo porque o intercambio vai ser, seguro, interesante.

Cal será o tema da súa ponencia?

Se son sincera, sinto a responsabilidade de ser quen de dicirlles algo que lles sirva. Ainda que non sexa unha cousa moi sesuda. Non é o mellor momento da nosa profesión. Non é fácil poñerse diante dos mozos e dicir que todo é bonito, estamos nun momento no que hai moitos problemas e deberíamolo facer mellor. Tamén falarei da facilidade que brindan as redes para obter información e comunicarse, algo que tamén xenera moitos problemas preocupantes.

Falará da vocación xornalista?

Por suposto. Nela teñen moito que ver os cursos de 1º e 2º de BUP que fixen na Rúa, no colexio Pablo VI. Eu vivía en Montefurado, estudiei ata 5º na Unitaria, e despois fun estudiar á localidade da Rúa. Foi neses anos, gracias a algunhas lecturas que nos propoñían os profesores, cousas que nos falaban da realidade, especialmente do terceiro mundo, tamén de política, de galeguismo; todo aquelo espertou o meu interés por ver as cousas directamente, e podelas contar. Dicíanme que redactaba ben, e fun collendo un pouco de autoestima porque publicabamos algún texto na revista do colexio. A vocación chegou así, pouco a pouco, porque na miña familia era unha extrañeza que alguén se adicase ao xornalismo. Ainda que sí que é certo que o meu avó contaba moi ben os contos.

Os primeiros pasos foron no xornal La Región…

Cando empecei no xornalismo, fixen as prácticas no periódico cando estaba no segundo curso da carreira, no 1994, acolléronme os compañeiros de La Región Jose, Guillermina e Monchi, era eu moi novatilla. Gardo moi bo recordo, e iso que xa pasaron case trinta anos!

Cal é a súa opinión sobre esta iniciativa?

Eu creo que ainda teño, e espero conservar, certa sensibilidade social, que ten que ver con aquela etapa da miña formación, porque as inquedanzas xurden na adolescencia, cando comezas a preocuparte polo mundo. Por iso é moi bo saírse dos libros de texto, porque ao mellor nesa lectura aparte, é onde xurden as ideas importantes.

Contenido patrocinado

stats