Iris Justo: "Recollo os pequenos detalles visuais e sonoros porque son os que fan o Entroido"

ENTREVISTA

Iris Justo Rodríguez, a fotógrafa e produtora verinesa, fala sobre a súa mostra fotográfica, "Sons e máscaras", que se expón todas as fins de semana de febreiro.

A fotógrafa verinesa Iris Justo.
A fotógrafa verinesa Iris Justo.

A fotógrafa e produtora verinesa Iris Justo Rodríguez (@irissjusto) expón tódalas fines de semana de febreiro a súa mostra fotográfica “Sons e máscaras”, unha exposición que recolle imaxes, vídeos e sons gravados por ela nun percorrido multisensorial polos diferentes entroidos de varias parroquias da comarca, e tamén do resto de Ourense. A través da fusión entre imaxe e son, Justo convida a mergullarse na esencia e atmosfera do Entroido. A mostra pódese visitar no baixo do Concello de Laza hoxe e mañá, así como os días 15, 16, 22 e 23 de febreiro. Organiza a asociación cultural enLAZAdos.

Multitude saltando e berrando no Entroido de Laza, trala baixada da Formiga
Multitude saltando e berrando no Entroido de Laza, trala baixada da Formiga | Iris Justo

Pregunta.De que entroidos sacaches fotografías e durante que anos?

Respuesta.En total son 60 fotos recollidas entre 2015 e 2024. Comecei co de Verín, e despois ampliei a Laza e Xinzo. Nos últimos anos comecei a ir a entroidos rurais, primeiro por curiosidade. Fun hai tres anos á Xironda e foi todo un descubrimento, coas súas mázcaras. Tamén amoso as bonitas de Sande ou o follateiro de Lobios, e teño moitas imaxes das Mascaradas, como unha en Campobecerros (Castrelo do Val) en 2018, ou as últimas ViBoMask en Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

P.A túa proposta vai máis aló da imaxe e ofreces tamén vídeos e sons relacionados, non si?

R.De cada sitio recollín unha peza de audio e de vídeo. A exposición está dividida por localizacións e, mediante códigos QR, pódense ver e escoitar eses minutos de gravacións no móbil. No de Laza aparece un folión, mesturado co son da Picota e dos peliqueiros. Tamén hai audio de Cimadevila, na baixada das formigas. No caso da Xironda, quixen amosar como paran e saúdan, os seus berros e como se preparan. En Verín recollín sons na estatua do Cigarrón, gústame moito como se vive aí o Entroido, mentres se colocan en filas. Os boteiros de San Cibrao, no Bolo, fan a comparsa con diálogo retranqueiro, repasando o ano, e tamén o incluín.

P.Que tratas de transmitir do Entroido coa túa fotografía?

R.Aínda que hai moita máscara nas miñas fotos, outras moitas son de veciños ou de xente de fóra, que veñen vivir o Entroido e están polas rúas das aldeas, facendo o seu “pequeno Entroido”, celebrando e bailando. Amoso a un grupo de rapaces despois de baixar a formiga e as formigas, saltando na Picota. Ou o sangue que lle queda nos bombos os boteiros de Vilariño, como se colocan as tiritas. Eses pequenos detalles tamén son o Entroido. Quixen fusionar as máscaras destas zonas coa vivencia en si, para non centralo todo só nas figuras.

P.Que ves nos entroidos rurais que os diferenza do resto?

R.Vexo nelas un ambiente distinto, moi de estar nas vilas e de coñecer á súa xente, ademais do que supón a recuperación de diversos traxes. Penso que os entroidos “pequenos” son quizás os que máis se viven entre a veciñanza, son por e para eles.

Contenido patrocinado

stats