Os maiores de Verín aprenden a evitar estafas e roubos

RECOMENDACIÓNS

A veciñanza maior de Verín recibiu unha charla por parte dunha axente da Garda Civil sobre precaucións nos fogares, nas redes sociais e por teléfono

A axente Vanesa Domínguez, durante a charla en Verín.
A axente Vanesa Domínguez, durante a charla en Verín. | C.L.M.

A Casa da Cultura verinense acolleu este mércores unha charla da Guardia Civil dentro do coñecido como “Plan Mayor Seguridad”, para a prevención e mellora da seguridade das persoas maiores da vila.

Máis de medio centenar de veciños ateigaron a sala e atenderon aos consellos e recomendacións de Vanesa Domínguez, axente da Benemérita, quen nun ton ameno e próximo contestou ás súas inquedanzas, e interesouse pola súas principais preocupacións.

Domínguez sinalou que os ladróns “case nunca” rouban en casas habitadas, pero recomendou ter precaucións ao marchar uns días, como non dar pistas nas redes sociais ou informar a descoñecidos.

Así mesmo, insistiu en non pagar “en metálico” supostas revisións de suministros como o gasoil ou o gas, nin contestar polo teléfono a persoas que se fan pasar por axentes das compañías, co fin de gravar a súa voz e contratar produtos sen consentimento. Neste senso, amosáronse un par de vídeos con estafas reais.

A axente falou de “sobreinformación” e de que malia a percepción da xente pola televisión, a comarca e Galicia son territorios “moi seguros”. Tamén pediu a colaboración veciñal: “Se vos enganan, non teñades vergonza de contalo. A Garda Civil non xulga a ninguén, pero cóstanos moito gañarnos a confianza da xente”.

Voluntariado sénior

Representantes institucionais e veciños que forman parte do Voluntariado Sénior.
Representantes institucionais e veciños que forman parte do Voluntariado Sénior. | C.L.M.

Á charla acudiron as concelleiras Rosario Rodríguez e Cándida Couñago. Esta é unha iniciativa do programa “Sabedoría Activa” de Benestar Social, no marco do Voluntariado Sénior da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e organizada por Blanca López, técnica de Xuventude, Consumo e Voluntariado Xuvenil e Sénior.

Contenido patrocinado

stats