Moda e vida en familia, os piares do retorno á terra de Elena Tourón

EMPRENDIMIENTO

Ugli naceu en Verín para cubrir o espazo de roupa para mulleres activas e modernas con prendas a prezos asequibles

Publicado: 02 nov 2025 - 16:43 Actualizado: 02 nov 2025 - 17:01

Elena Tourón, na súa tenda Ugli de Verín.
Elena Tourón, na súa tenda Ugli de Verín. | La Región

A historia empresarial de Elena Tourón, ourensá da capital con fondas raíces na Ribeira Sacra, é un testemuño de resiliencia, adaptación e paixón pola moda. Tras forxar unha sólida carreira de dez anos como coordinadora de escaparatismo en Adolfo Domínguez, a súa vida profesional experimentou unha transformación motivada pola maternidade e a necesidade de atopar un equilibrio vital máis sólido.

O traslado a Portugal, onde xa vivía a súa parella, e o nacemento do seu fillo, puxeron de manifesto a complexidade da conciliación, especialmente nun país estranxeiro. Este desafío, agravado pola pandemia e os esixentes horarios do escaparatismo, serviulle como punto de inflexión. Deste xeito, decidiu regresar ás raíces e voltar para Galicia coa idea tamén de “aproveitar un pouco máis a vida familiar.” A decisión levounos a Verín, terra da súa parella. Tras buscar emprego sen éxito, Elena Tourón decidiu converter a súa necesidade nunha oportunidade de negocio, emprendendo cunha visión clara.

Un nicho de moda activa en Verín

O xerme de Ugli foi un rigoroso estudo das cousas que faltaban no comercio local e que Elena identificou na necesidade dunha oferta de moda para unha franxa de idade activa e moderna que buscaba alternativas accesibles. “Foi despois de estudar o que faltaba, que tipo de moda, de sector e vin que era a moda para muller nova; estamos falando de trinta, corenta, cincuenta, sesenta, non rapaza nin maior, ou si, pero polo menos máis moderna, moda máis actual, un look moi romántico”.

Así naceu Ugli (un nome escollido por xogar co seu significado en inglés, “horrible”, pero co cambio da letra y por i para buscar un toque fresco, xa que ugli é tamén o nome dunha froita), unha tenda multimarca cunha imaxe coidada, etiqueta e logotipación propias, orientada a ofrecer un prezo intermedio que non competise coas grandes marcas.

A diferenza da compra por necesidade, a filosofía de Ugli, que leva xa un ano en marcha, céntrase en crear unha experiencia cómoda e acolledora. O local é amplo e está deseñado para o goce, ofrecendo un espazo onde “podes escoitar música boa”.

Agora, da man do programa Retorna, Elena Tourón ten como próxima meta a creación dun espazo de cafetaría gourmet anexo á tenda. “A idea tamén con o programa Retorna é abrir un espazo de cafetaría pequeniño, como se fai nas grandes cidades para estar e gozar un pouco, un café un pouquiño mellor tipo gourmet, coas túas cookies, que poidas ter unha charla, que poidas presentar un libro...”. Mentres se forxa este novo obxectivo, Ugli salienta polo seu servizo personalizado. Elena ofrece o servizo de personal shopper, abrindo fóra do horario comercial para clientas con problemas de tempo e mesmo axudando a buscar combinacións para pezas que xa teñen no seu armario, demostrando un compromiso total coa clienta.

Apoio institucional

O proceso de creación de Ugli estivo directamente ligado ó programa de axuda para retornados da Xunta de Galicia, impulsado dende a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Un elemento fundamental para optar a esta axuda foi a necesidade dun informe de viabilidade, que lle foi proporcionado polo seu Polo de Emprendemento. Deste xeito, Elena Tourón valora a iniciativa como crucial, especialmente en contextos de dificultade. A axuda supuxo un “impulso moi grande” nun verán particularmente duro para Verín, afectado por grandes incendios.

“Todo o que sexa fomentar e axudar para que as pequenas cidades ou pobos como Verín non decaian é moi positivo, que teñas oportunidades de volver e ver crecer isto, porque non todo o mundo ten que vivir na gran cidade para ter oportunidades”, explica Elena. A empresaria subliña que calquera axuda orientada a manter e fomentar o comercio é beneficiosa, e no seu caso a subvención será reinvertida na mellora e ampliación da tenda.

Na súa experiencia, Tourón identifica dous grandes retos para calquera novo emprendedor. En primeiro lugar, o financiamento, un obstáculo inicial e “fundamental” para sacar proxectos adiante. Por outra banda, sinala a planificación e lexislación. De feito, a falta de conciencia sobre a planificación detallada do negocio -desde a rendibilidade do mobiliario ata o posicionamento e o tipo de produto- é, segundo a súa visión, o que frea a moitos emprendedores que non son conscientes da burocracia e das implicacións legais de arrincar un proxecto de maneira sólida.

En definitiva, Elena Tourón non só abriu unha tenda de moda, senón que creou un punto de encontro e servizo en Verín, apostando por un modelo de comercio que transcende a venda e contribúe a revitalizar o tecido social e económico da comarca.

Máis de dúas mil familias retornadas atendidas en Ourense

Galicia consolídase como unha terra de oportunidades para o emprendemento e conta cunha estratexia clara para que as persoas emigrantes que desexen retornar poidan realizar os seus proxectos de vida e de negocio. Este colectivo supón un activo estratéxico para a comunidade, e por iso, a Xunta de Galicia implementa apoios específicos baixo a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 para consolidar o asentamento de proxectos con futuro.

O centro neurálxico de todo este sistema de apoio é a Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno. Esta oficina é fundamental para a integración, como o demostra o caso de Ourense, onde desde a súa apertura en decembro de 2019, xa facilitou a integración social, laboral e administrativa de máis de dúas mil familias retornadas, ademais de atender máis de catro mil consultas. Este labor de asesoramento continuo complétase cunha serie de axudas económicas e programas de acompañamento específicos.

Para fomentar a inserción sociolaboral, a Xunta destina axudas para impulsar o autoemprego, das que se concederon máis de douscentas desde 2018, cun investimento total de arredor de un millón e medio de euros. A estas súmanse as achegas extraordinarias ao retorno, un apoio directo para a instalación na comunidade, con máis de mil trescentas concedidas en Ourense desde 2018, superando os tres millóns de euros de investimento. Ademais, ofrécense bolsas BEME, das que máis de sesenta beneficiaron a galegos e galegas do exterior que regresaron para estudar un mestrado no campus de Ourense.

No eido do apoio empresarial, as persoas retornadas poden acceder a dous programas clave. Por unha banda, está a mentoría específica que se brinda a través do programa Merlo, que se centra no acompañamento personalizado para desenvolver e consolidar negocios en Galicia. Por outra banda, o programa Retorna Cualifica Emprego está deseñado para conectar directamente o talento retornado coa inserción laboral en empresas galegas, facilitando a súa integración no mercado de traballo.

Todas estas ferramentas e apoios céntranse e complétanse co labor de proximidade e asesoramento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Na provincia de Ourense, esta rede conta con catro oficinas en Baños de Molgas, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Verín. Desde o nacemento da rede en xullo de 2022, estes polos levaron atendido uns novecentos cincuenta proxectos, o que contribuíu á creación de cento dez novas empresas. Cabe destacar o seu impacto no retorno, xa que preto dun seis por cento das persoas emprendedoras atendidas nos polos ourensáns son retornadas.

Contenido patrocinado

stats