Víctor Baladrón, candidato á Alcaldía: “O PP de Verín debe medrar e volver ser maioritario”
ENTREVISTA COMPLETA
O parlamentario Víctor Baladrón, candidato proposto pola xestora do PP de Verín para as próximas eleccións municipais, afronta o reto de recuperar a Alcaldía de mans do bipartito PSOE-BNG nun momento de profunda renovación da formación a nivel local
Víctor Manuel Baladrón Lamas (Verín, 1980) é a aposta do PP de Verín para recuperar a Alcaldía, en mans do bipartito PSOE-BNG desde 2015. Vencellado durante anos á política municipal, foi concelleiro de Deportes, Xuventude e Festexos entre 2007 e 2015 e permaneceu na oposición ata 2023. A súa traxectoria tamén está ligada ao ámbito social, como vicepresidente da Cruz Vermella comarcal durante 17 anos e traballador do centro ocupacional de Verín.
Técnico superior en Integración Social e en Actividades Físicas e Deportivas, dende 2024 exerce como deputado no Parlamento de Galicia. Agora, a proposta da xestora do PP de Verín, afronta unha nova etapa política cun dobre reto: recuperar para os populares a Alcaldía e reconstruír un partido que atravesa un proceso de renovación interna.
Pregunta. Foi decisivo o apoio da dirección do PP para dar este paso?
Respuesta. Afrontar un reto así co respaldo do partido, dende a comarca ata as direccións provincial e galega, dá forza e confianza. Agradezo especialmente as palabras de Luis Menor e a súa confianza. Pero o que me convenceu realmente foi Verín e traballar pola súa xente.
P. Como pensan recuperar os votantes que confían no PP nas eleccións autonómicas e xerais pero non nas municipais?
R. A confianza non se recupera pedíndoa, recupérase merecéndoa, Temos que volver conectar con moitas persoas que confían no Partido Popular noutros procesos electorais. Iso obríganos a facer autocrítica, estar máis na rúa, escoitar e construír un proxecto recoñecible, próximo e útil. O obxectivo é que o PP de Verín volva representar unha maioría social ampla.
P. A recente dimisión dos catro concelleiros volveu pór sobre a mesa as divisións internas do PP de Verín. Considera que se pechou en falso a etapa do exalcalde Jiménez Morán?
R. Eu respecto profundamente a etapa anterior. Entrei en política formando parte dun equipo no que aprendín moito, e creo que todos os que pasaron polo partido, con acertos e erros, achegaron cousas. Non hai un axuste de contas co pasado. Simplemente houbo persoas que tomaron decisións, outras que decidiron continuar e tamén compañeiros que se están incorporando. Agora a miña responsabilidade é reconstruír, sumar e unir, é o que espera de nós a xente de Verín.
P. Disporá de tempo para construír ese proxecto ou o partido agarda resultados inmediatos?
R. Temos ambición, pero un proxecto serio non se constrúe dun día para outro. É evidente que perdemos tempo e non teño ningún problema en recoñecelo, pero aínda temos tempo por diante para facer as cousas ben. Eu non estou pensando en resultados inmediatos nin en titulares dunha semana, senón en chegar a maio de 2027 cun equipo forte, unido e cunha proposta crible para gobernar Verín.
P. Como ve o Concello actualmente?
R. Creo que Verín necesita un novo impulso. Preocúpame especialmente a situación económica e financeira do Concello, porque condiciona a capacidade de prestar servizos e de pensar no futuro. Pero tamén a limpeza e o mantemento, os nosos pobos, a atención aos maiores, a conciliación familiar, as actividades deportivas, a seguridade e a Policía Local, o comercio e a falta dunha planificación ambiciosa a medio e longo prazo. Despois de tantos anos de goberno bipartito hai problemas que seguen sen resolverse. A nosa obriga non é só sinalalos, senón explicar que faríamos nós de maneira diferente.
P. Que proxectos ve imprescindibles para que Verín recupere peso como capital comarcal?
R. Por encima de proxectos concretos, Verín necesita recuperar unha idea clara de futuro e exercer de verdade como capital dunha comarca con enormes posibilidades. Un dos grandes eixos debe ser o turismo, aproveitando todo o que temos: o Entroido, a gastronomía, o viño, o patrimonio, a natureza e o Castelo. E a relación con Chaves e o norte de Portugal debe ser unha fortaleza. Tamén debemos crear condicións para atraer actividade económica e emprego, mellorar os servizos, os espazos públicos e as instalacións deportivas e culturais.
P. A situación do hospital volveu mobilizar este verán aos veciños.
R. Entendo perfectamente a preocupación dos verinenses porque eu tamén quero o mellor Hospital de Verín posible. Pero tamén coñezo a realidade e creo que é necesario manter un equilibrio: recoñecer os problemas que existen e, ao mesmo tempo, explicar os avances e o traballo que se está facendo. Hai dificultades para cubrir determinadas especialidades, un problema que afecta ao conxunto do sistema sanitario pola falta de facultativos. Dende o ámbito local vou defender sempre o hospital, reclamar o que sexa necesario e colaborar para que teña máis profesionais, máis servizos e unha mellor atención.
P. Gerardo Seoane confirmou que se volverá presentar. Se o Supremo ratifica a súa condena, poden cambiar as opcións do PP?
R. Eu non vou facer cálculos electorais en función dunha resolución xudicial nin de quen encabece as outras candidaturas. Respecto as decisións xudiciais e se Gerardo Seoane volve ser candidato, terá todo o meu respecto como adversario político. O meu obxectivo seguirá sendo o mesmo: convencer unha maioría de verinenses de que existe unha alternativa mellor. As eleccións gáñanse conseguindo que a xente confíe no teu proxecto.
P. Que resultado sería positivo en 2027? E de quen dependerá a confección da lista electoral?
R. Non saio para conformarme. Cando un acepta encabezar un proxecto coma este ten que facelo coa ambición de gañar e gobernar. Despois decidirán os verinenses e a súa decisión será absolutamente respectada. A nosa obriga é medrar de maneira importante, recuperar persoas que deixaron de confiar en nós e conseguir que o PP volva ser unha opción maioritaria en Verín. En canto á lista, será unha lista do Partido Popular de Verín, construída falando, escoitando e buscando o mellor equipo posible. Quero persoas con experiencia, xente nova e, sobre todo, persoas con capacidade, ilusión e compromiso con Verín.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
UN DINOSAURIO SAURÓPODO
Hallazgo histórico al encontrar restos de huesos de un dinosaurio Diplodocus en Teruel