Graciela Diéguez: “Ser a primeira alcaldesa de Viana é un orgullo”

ENTREVISTA

A súa chegada á alcaldía culminará o acordo de goberno co PSdeG e terá como prioridade a recuperación tras a riada do 17 de xuño

Graciela Diéguez, futura alcaldesa de Viana do Bolo.
Graciela Diéguez, futura alcaldesa de Viana do Bolo. | Concello Viana do Bolo

Graciela Diéguez (BNG) asumirá a alcaldía de Viana o próximo 18 de agosto tras o acordo alcanzado co PSdeG, que permitiu a Germán García-Ávila ocupar o cargo durante os primeiros 11 meses do mandato. Con esta toma de posesión converterase na primeira muller en gobernar o Concello de Viana. Diéguez xa ten experiencia na política municipal, tras exercer como concelleira de Cultura, etapa na que deixou unha importante pegada pola súa xestión.

Perfil

Nome e apelidos: Graciela Diéguez

Cargo: Futura alcaldesa de Viana do Bolo

Grupo político: BNG

Lugar de procedencia: Viana do Bolo

Pregunta. Converterase na primeira muller alcaldesa da historia de Viana. Que significa para vostede asumir esta responsabilidade e que valor lle dá a este fito histórico?

Respuesta. Doulle moitísimo valor. Por primeira vez unha muller accederá a alcaldía de Viana, é un orgullo e unha alegría ser a primeira alcaldesa do meu pobo. Lémbrome de todas as mulleres que están na miña memoria, e gustaríame que se sintan representadas por esta alcaldesa ao igual que tódalas veciñas e veciños de Viana. Trátase dunha responsabilidade enorme que afronto con moitas ganas e moita ilusión.

P. Chega á alcaldía froito dun acordo de goberno co Partido Socialista. Como valora estes primeiros meses de mandato compartido e como foi o proceso para chegar a este entendemento?

R. Nas eleccións municipais do ano 2023, Viana falou e quixo que gobernara unha maioría de progreso. O entendemento co PSdeG non foi doado, pero finalmente logramos chegar a un acordo de goberno para a recta final de esta lexislatura, xa que a parálise na que estaba sumido o goberno do PP facía necesario este pacto. Penso que a veciñanza o agradece, e que se conseguiron desbloquear asuntos moi importantes para os veciños, como por exemplo o SAF. Valoro positivamente o acordo, no que o BNG demostrou que é un socio leal e fiable.

P. Asume o cargo a poucos meses das próximas eleccións municipais. Que obxectivos se marca para esta etapa ata maio?

R. O obxectivo prioritario é ser un concello de portas abertas, que escoite a veciñanza e que traballe e solucione os problemas dos veciños, sen esquecerse de ningún e acordandose de tódalas nosas parroquias e aldeas. Tamén gobernar con diálogo, transparencia e respeto, poñendo sempre por diante o interese xeral de Viana.

P. Volve á primeira liña municipal despois da súa etapa como concelleira de Cultura. Que aprendizaxes lle achega aquela experiencia para afrontar agora a alcaldía?

R. Sempre estiven. Foron anos de moitísimo traballo, xunto aos meus compañeiros de goberno, pero tamén anos moi ilusionantes porque conseguimos reverter a situación de desleixo na que o PP tiña sumerxida a Viana. Durante eses anos, dende o goberno do BNG puxemos a Viana no lugar que se merecía en tódolos aspectos, tanto na mellora de infraestruturas como na humanización da nosa vila e os seus pobos, así como nas miñas competencias de goberno, asentando as bases dunha política cultural e social das que agora se recollen os froitos: creación das escolas deportivas e musicais no noso concello, programación cultural que nada tiña que envexar a dunha cidade, colaboración e posta en valor das asociacións deportivas, culturais e veciñais; así como cos centros educativos.

P. Cal considera que é actualmente o principal reto de Viana?

R. O primeiro reto de Viana é, por desgraza, a recuperación das zonas do noso concello afectadas pola riada do 17 de xuño. Ese será o meu primeiro e máis importante reto. Pero non podemos olvidar que Viana ten un enorme potencial, cunha paisaxe excepcional, unha cultura viva, patrimonio único, e sobre todo persoas traballadoras que nunca deixaron de loitar pola súa terra. Temos que darnos a coñecer e favorecer as posibilidades de vida aquí, temos que traballar en fortalecer o rural, impulsando os servizos públicos necesarios, a creación de oportunidades para a mocidade e garantir que as persoas maiores poidan vivir con dignidade.

P. Mirando cara ás eleccións de maio, que balance lle gustaría poder presentar cando remate esta etapa?

R. Serán as veciñas e os veciños os que teñan que facer ese balance. Espero que sexa positivo. Neste curto espazo de tempo espero levar a cabo a maioría dos proxectos que temos, e pola miña parte non quedará. Serei a alcaldesa de todas.

P. Se tivese que resumir nunha frase o espírito co que chega á alcaldía, cal sería?

R. Traballarei por e para unha Viana mellor.

Las frases

“Traballarei por e para unha Viana mellor”.

“Nas eleccións municipais do ano 2023, Viana falou e quixo que gobernara unha maioría de progreso”.

“O obxectivo prioritario é ser un concello de portas abertas”.

Contenido patrocinado

stats