A Botica de Doade garda a esencia da farmacoloxía
REPORTAJE
A Botica de Doade, Concello de Beariz, é agora un espazo aberto a todo aquel que queira descubrir como era unha botica de finais do século XIX e principios do século XX, nunha viaxe no tempo a través dos innumerables frascos de porcelana e cristal con compoñentes simples e compostos, dispostos en grandes estanterías, e do mesmo local cos seus robustos mobles de madeira de castiñeiro e mesas de mármore. Todo elo convertendo este espazo nun lugar de grande significado cultural e científico. Recuperada por iniciativa do Concello gracias á concesión da familia Doade, na figura da súa herdeira, María Fe Fernández Somoza, a botica é un espazo senlleiro que enche de recordos aos veciños, atrae a médicos e farmacéuticos que buscan un pasado non tan lonxano nas fórmulas farmacéuticas, e incluso expertos en marketing e publicidade que atopan no desexo antigo unha fonte de inspiración. Tomás Sancho, é o responsable, sen prescripción médica pero si de mentes curiosas, da Botica de Doade.
Cal é a historia da Botica de Doade?
O primeiro boticario de Doade fora Don Darío Janeiro Ramos, pai de Don Pepe Janeiro Ramos, quen atendeu a botica ata a súa morte. Tras eles quedouse á cargo da mesma, Darío, que era veterinario, non farmacéutico, polo que a farmacia pasou a ser atendida pola farmacéutica Carmen Couso. Tanto Darío, como Pepe mercaban aos rapaces as prantas para facer os compoñentes, curaban feridas e daban os tratamentos que prescribía o médico. Ademais, foron persoas moi involucradas no día a día de Doade e do concello. Moi queridos por todos e cunha gran iniciativa e agarimo polo porvir da localidade.
Durante a súa apertura ao público desempeñou unha destacada labor sanitaria en toda a comarca desde desde finais do século XIX ata máis de mediado o século XX, cando pechou ao redor do ano 80.
O establecemento marcou a historia sanitaria da zona sendo un centro de atención sanitaria referente que se achegaban ata a localidade, a pesar do seu illamento, de diferentes localidades, conscientes da boa labor que realizaban aqueles case “alquimistas” de remedios terapéuticos con coñecementos científicos.
Unha vez rematado o relevo xeracional e a xubilación da última farmacéutica, botou o peche durante décadas. Pero chegou o momento da súa recuperación para a súa posta en valor, como xurdiu?
A Botica de Doade era un lugar coñecido por todos. Sabíamos que era a casa “dos da botica” e que abranguía unha historia familiar e tamén toda unha historia vencellada á localidade e a todo o concello. Sabíamos o seu significado, e da importancia que tiña para veciños, médicos e farmacéuticos que atestiguaban o seu valor. Pero, como pasa moitas veces, foi cando se empezou a falar de que todo o seu contido podería destinarse aos fondos do Gaiás, o Museo Etnográfico de Ribadavia ou a outra institución cando se decidiu dar un paso o frente. Así, puxémonos en contacto coa súa herdeira, María Fé Fernández Somoza coa que se acordou o establecemento e a conservación dun museo na botica de Doade. Este acordo asinouse no 2014 cunha cesión de 25 anos.
Como foi ese primeiro contacto coa botica?
Teño ese momento e o arrecendo que se desprendeu perfectamente gravado. Íamos o alcalde, Manuel Prado, María Fé, eu e algúns acompañantes máis. Primeiro abríronse unhas pesadas portas de madeira. Tras elas estaba unha porta de dúas follas de vidro, con tiradores modernistas. Ao empuxalas, un bafo cun cheiro no que se mesturaban os compoñentes dos tarros, a madeira antiga e a humidade que resultaba realmente evocador. Como se a imaxe e o olor nos levasen a outra época.
Persoalmente, que pensou cando a viu por primeira vez?
Nunca pensei que puidera conter o que vin. Esas vitrinas cheas de tarros identificados, as mesas de mármore, as diferentes dependencias, as balanzas de precisión antigas… foi como se entrase noutro tempo ou no decorado dunha película.
A botica ten varias dependencias, como se divide?
O primeiro que se atopa é o despacho da botica. Alí hai vitrinas cheas dos frascos que contiñan a base para as fórmulas, un mostrador de mármore branca onde se despachaba aos doentes, mobres de madeira de castiñeiro para diferentes usos e dúas portas. Unha delas conduce á rebotica e a outra ao obrador.
E era nese obrador onde se compoñían os remedios que os médicos prescribían.
Si. Os boticarios facían alí mesmo as menciñas onde se preparaban os compoñentes simples e se elaboraban os compostos. Un lugar onde tamén está todos os utis precisos para a realización do seu traballo: morteiros, cazos, alambiques, decantadores, básculas de precisión, fogóns para destilacións e outros procesos nos que era preciso empregar o calor do lume… o que sería hoxe en día un laboratorio.
E a rebotica?
Alí era o sitio de traballo. Presidido por unha mesa de despacho coas súa Olivetti. Alí atopamos libros e numerosas notas manuscritas de diferentes fórmulas para a elaboración de menciñas. E dende alí aínda pasamos a unha terceira estancia. Unha habitación repleta de libros de medicina, farmacia, ciencias…, a enciclopedia Madoz, así como das propias María Fé, a súa irmá María de la Paz, Pacita, que eran mestras e tiñan alí os libros cos que impartían clases. Lembro a preocupación delas para que nada deso se perdese polo grande apego e agarimo que lles tiña.
E chegou o momento da recuperación. Que pasos seguiron?
Tras todos os trámites administrativos, e coa axuda da Deputación e da consellería de Cultura, fomos dando pasos ata convertela no que é hoxe en día, destacando a colaboración desinteresada de Miguel Álvarez Soaje, que é unha figura imprescindible para explicar todo o que se leva feito na botica, e que xa formara parte da recuperación da botica de Samos e de Oseira. Xunto a el, destacar a Nicanor Floro Andrés e a Luis Serantes.
O primeiro foi sacar todo aquelo para o que a botica non era o seu lugar, -como unha espectacular colección de novelas Estefanía do Oeste- xa que ao final fora sitio de paso para moita xente deixando tamén cousas persoais. Cousas que se devolveron á familia á vez que se ía limpando e facendo os primeiros tratamentos e arranxos.
A través dunha subvención de Cultura fíxéronse obras de restauración do chan e do mobiliario de madeira que estaba afectado por humidades e xilófagos, ademais de mellorar a instalación eléctrica e a iluminación do local. E, a través da Deputación, realizouse un completo inventario para que, pase o pase, quede recollido todo o que a botica contiña. Máis de 2.700 obxectos con fotografía e descrición en formato de base de datos. Para nós como concello é unha riqueza aínda que a botica siga sendo da familia.
E xa feito o inventario…
Tocou volver colocar todo (risas). Novamente coa axuda de Miguel Álvarez, Floro e Luis Serantes puidemos ordear todo nas vitrinas dunha forma temporal. A primeira etapa, cando abríu Don Darío. A segunda, con Don Pepe, e xa a última con Carmen, momento no que xa comenzaron a vir os medicamentos das farmacéuticas, sen o traballo do boticario no Obradoiro.
Que lle din os veciños e os visitantes en xeral que entran a este espazo case museístico?
Son moi diferentes unhas impresións doutras. Os visitantes sempre veñen por intereses, a veces ocultos, pero que acabas detectando. Os médicos buscan nas etiquetas os compoñentes, se ven alguén relacionado co marketing, fíxase no deseño dos tarros, incluso os restauradores veñen na búsqueda de inspiración… pero os veciños móvense máis polos recordos. Polas sensacións. Polas lembranzas de conversas mantidas alí, por remedios que lles “valeron a vida”, polo bo trato que sempre recibiron de todos eles. Unha maneira de volver a outros tempos e as experiencias alí vividas.
Algunha curiosa?
Chamoume moito a atención unha muller que non quixo entrar na botica nunca. Decía que solo pensalo lle entraban arrepíos polo moito que lle doera unha vacina que tivera que poñer alí (risas).
Se os nosos lectores a queren visitar, que teñen que facer?
Chamar ao Concello de Beariz e solicitar unha cita. Dende alí axustamos para que ninguén quede sen descubrir este recuncho tan importante, cheo de tesouros científicos, culturais, e tamén de recordos no medio do rural galego.
Coa venia
1.Unha afección.
- O estudo da historia de Beariz.
2. Un libro que nos recomendaría.
- Calquera de Santiago Posteguillo, en especial a triloxía de “Trajano”.
3. Na súa casa soa…
- O que pon a miña muller (risas). Non soa unha música en especial. Soa de todo.
4. Un obxecto especial para vostede.
- Todos aqueles que rodeaban o meu fogar e onde me criei. O canastro, as pías…
5. De maior quería ser…
- Escritor. E poida que aínda chegue a escribir algo.
6. Cando se mira ao espello, ve…
- Estas preguntas nunca mas plantexo… (risas). A verdade é que non me leva a reflexións máis alá de algo banal.
7. Un recordo da súa nenez.
- Meterme no río a coller as crías das ras e pasar horas buscando troitas e calquera bicho que puidese ver.
8. Unha manía.
- Non me recoñezo ningunha manía…
9. Un defecto.
- Defectos si que me recoñezo (risas). Por decir un, a desorde.
10. Unha virtude.
- A constancia.
11. Unha viaxe pendente.
- A máis inmediata, o País Vasco.
12. Un lugar para perderse.
- Beariz en concreto e a Terra de Montes en xeral.
13. Un vicio confesable.
- A comida.
14. Perde a calma con…
- A falta de respeto en xeral: o patrimonio, as persoas, a intimidade…
15. Recobra a calma con…
- Volvendo a o fogar e estar rodeado dos meus e da miña historia.
16. Un soño.
- Non son moi soñador, son máis pragmático do día a día.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REMONTADA Y TERCEROS
El Arnoia nunca deja de creer y logra el empate ante el Pontevedra B (2-2)
TERCERA FEDERACIÓN
El Barco paga sus errores ante el Montañeros (0-1)