Alba García, a alma da trompeta

EN CONFIANZA

Dedicarse á música profesional esixe un gran sacrificio. Un sacrificio que Alba García comezou de cativa cambiando as horas de parque por horas de conservatorio onde deu os seus primeiros pasos no instrumento que a engaiolou dende o momento que o probou: a trompeta. Un instrumento complicado, onde aínda o número de mulleres é minoritario, pero que ela tomou como un reto. Membro da “Joven Orquesta Nacional de España” con sede en Madrid, pode presumir, dende a súa total humildade, de contar cun curriculum que só teñen aqueles que aman a música desde o seu profundo ser e teñen a seguridade de que ese é o futuro polo que queren transitar.

Alba García.
Alba García.

Pregunta. A pesar da súa xuventude ten claro que a trompeta é a súa paixón. Como naceu?

Respuesta. Na miña casa non hai ninguén músico, pero un día meus pais leváronme a unha escola de música como actividade extraescolar, o que non imaxinaban era que ese pouso ía ser tan grande que finalmente, cos anos me ía querer adicar a elo.

P. Cantos anos tiña?

R. Probei a trompeta con só seis anos e, desde ese momento, a pesar de haber outros instrumentos, namorei dela.

P. E tras eses primeiros anos, como seguiu a súa formación?

R. Outro deses días que recordo moito foi cando un compañeiro de clase me dixo que o ían apuntar ao Conservatorio. Eu, sen saber moi ben, o que iso significaba, funlle preguntando e indagando. Ese mesmo día, fun correndo a casa para decirlle aos meus pais que me apuntaran ao Conservatorio Profesional de Música. E así foi. En Ourense estudiei 10 anos co mestre Rubén Freire, e logo fixen a proba para seguir a miña formación na “Escuela Superior Reina Sofía”, un centro de referencia internacional para a ensinanza de música, e lugar onde estou actualmente por terceiro ano. Se todo vai ben, quedaríame un ano máis.

No Auditorio de la Real Casa de la Moneda, Madrid.
No Auditorio de la Real Casa de la Moneda, Madrid.

P. Como foi a experiencia de pasar do conservatorio ourensán á“Escuela Reina Sofía”?

R. O cambio máis impactante foi o de cidade. Ourense é un lugar pequeno e Madrid… é Madrid. Pero teño que dicir que ademais de Ourense, Madrid encántame. En canto ao nivel de esixencia da escola, é moi alto. Hai que adaptarse e traballar moito. Pero quen algo quere…

P. Cóntenos, como é o seu día a día?

R. Non temos horarios fixos (risas). A programación vai case de semana en semana. Son moitas horas de estudo. Hai días de 12 horas de traballo intenso. Combinamos parte teórica con parte práctica e diferentes análises.

P. Dende a escola tamén fan concertos?

R. Si. Ás veces como solistas, ás veces como pequenas agrupacións -eu formo parte dun trío de trompeta- e, outras, formando parte da “Joven Orquesta Nacional de España” coa que ofrecín diferentes concertos durante o mes de xaneiro. É un gusto poder compatibilizar estas tres posibilidades: tocar de solista, nunha agrupación e en orquestra.

P. Cal das tres opcións lle gusta máis?

R. A de orquestra. De solista ao final, é o teu mérito e estas moi exposto e ten moitas cousas positivas. Pero en orquestra é un traballo en equipo. Gústame estar tocando e cruzar olladas cos compañeiros e estar desfrutando todos xuntos. Todo se constrúe en grupo e o resultado é incríble.

No Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense.
No Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense.

P. Que cree que foi o que a enganchou da trompeta?

R. Non recordo moi ben, creo que o seu son. Cos anos tamén se sumou o reto de que non había, nin hai, tantas mulleres trompetistas. Era un modo de demostrar que eu tamén podía lograr o que facían os trompetistas referentes que eran só homes.

P. Nese senso, que factor considera que poida ser o causante da desigualdade?

R. Hai uns anos a trompeta e os instrumentos de vento metal asociábanse á forza bruta, pero para nada é así. Un home pode tocar igual que unha muller, ou viceversa. Fai folta forza, pero non “brutalidade”. O que si fai falta é moito corazón e moito sentimento para interpretar a música. Ao igual que calquera instrumento. E neso non hai ningunha diferenza física entre un home e unha muller para tocar un instrumento.

P. Cales diría que son as principais dificultades de tocar a trompeta?

R. Non é por desmeritar outros instrumentos. O violín e o piano, por dicir dous instrumentos, o primeiro día de clase tes as mesmas notas que ten o teu profesor. As que ves diante. En trompeta temos que ilas construíndo e o proceso é moito máis lento. Ten en conta que desde pequena, caen os dentes, volven saír, igual tes que levar ortodoncia, fórmanse os músculos da cara… así que nese proceso hai que ir construíndo todo o rexistro técnicamente.

P. Hai algún estilo polo que se decante?

R. Gústame tocar de todo, pero son moi fan do barroco. A música contemporánea digamos que é o que máis me costa.

P. É posible que a trompeta soe actual, alonxada desa imaxe clásica que se ten dela?

R. A xente asóciaa moito a marchas militares, sobre todo, pero, baixo a miña opinión, é o máis parecido á voz humana. Un instrumento moi complicado, pero do que podes sacar moito partido. Desde melodías moi bonitas a improvisacións de jazz.

P. Que supón querer adicarse á música a este nivel?

R. Un sacrificio moi grande. Un sacrificio que comeza xa dende cativa. Os meus compañeiros remataban as clases e ían ao parque xogar toda a tarde e logo facían as súas tarefas da escola. Eu acababa as clases, ía para o conservatorio para pasar dúas, tres ou catro horas de clase, para logo chegar á casa e facer os deberes antes de cear e a cama para descansar para o día seguinte ir a clase. Eu polo parque moito non pasei… (risas). Pero se te queres dedicar a isto… é como unha carreira de obstáculos e ao final ten a súa recompensa e merece a pena.

P. Con todo, a música considérase un factor destacado na formación educativa.

R. A música aporta moito e, baixo o meu punto de vista, non está todo o explotado que debería para sacarlle un maior proveito as súas cualidades. A música é como un deporte, o teu instrumento é un deporte, aprendes a traballar en equipo para que unha obra saía adiante, e aprendes individualmente que tes que traballar para que o grupo saía o mellor parado posible. Ademais, a nivel persoal, ademais do compromiso e rigor… vaime ser difícil de explicar con palabras o sentimento, porque a relación que se forma entre músicos é incrible.

P. A estas alturas, é imprescindible nomear algúns dos premios que xa ten recibidos.

R. No 2017 obtiven o primeiro premio no concurso de trompeta “Lucio Octavio Magio IX” en Astorga, Castela León. Entre 2020 e 2023 recibín diferentes recoñecementos como o segundo premio no “XI Concurso Valeriano Machí Esparza” en Benimodo, Valencia; o segundo premio na categoría solística A e o premio especial á mellor interpretación de música do compositor galego Mestre Vide no “II Concurso de Interpretación Musical Mestre Vide” en Ourense; o segundo premio no “Concurso de Jóvenes Intérpretes Ciudad de Zamora” en Zamora, Castela León; e diversos premios nas edición do “Concurso Internacional de Trompeta José María Ortí Soriano” en Xixona, Valencia. Tamén fun seleccionada para realizar un recital no ciclo de concertos “Camiños Sonoros”, un proxecto que promove o Camiño de Santiago a través de actuacións musicais protagonizadas por artistas mozos. Tamén fun semifinalista no concurso “Intercentros Melómano”, representando a Galicia, e en outubre de 2023 acadei a semifinal do concurso “August Everding Musikwettbewerb für Trompete” en Múnich, Alemaña. Na actualidade formo parte da Jonde (Joven Orquesta Nacional de España), GMJO (Gustav Mahler Jungend Orchester), EUYO (European Union Youth Orchestra). Tiven a sorte de colaborar con orquestras profesionais como a Orquesta Sinfónica de Madrid (OSM, titular do Teatro Real) e a Orquesta de la Comunidad de Madrid (Orcam). Cabe destacar o meu paso por outras novas orquestras como a JOSG (Joven Orquestra Sinfónica de Galicia), Jorcam (Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid), Neue Philharmonie München e coa JOSS (Joven Orquesta Sinfónica de Soria). Tamén, recentemente fun becada por Jonde e Ferrer Salat.

P. Menuda traxectoria! E agora que lle queda o que resta de curso e o que vén para rematar a formación na Escola Raíña Sofía, cal sería o seu seguinte paso?

R. O que teño pensado é facer probas de orquestra, en España, a ser posible. E senón facer un máster en Alemaña, onde hai escolas referentes a nivel internacional. Alí, a música, e as artes escénicas, están moito mellor valoradas que aquí.

Contenido patrocinado

stats