Alexandre Cabanelas, unha vida a ritmo de jazz

VIDA

O saxofonista do Carballiño Alexandre Cabanelas presenta o seu novo proxecto discográfico a trío baixo o título Noitébrega, unha proposta coa que revisita os estándares clásicos do xénero para darlle un aire máis fresco, vivo e contemporáneo, ademais de incorporar composicións de colleita propia. Cunha sólida formación que combina o saxofón clásico e o jazz, o músico galego reflexiona sobre o valor da improvisación, o peso do estudo detrás de cada concerto e a necesidade de romper cos prexuízos que afastan ao público desta música, mentres compaxina a interpretación en directo coa súa vocación docente.

Alexandre Cabanelas, unha vida a ritmo de jazz
Alexandre Cabanelas, unha vida a ritmo de jazz | Martiño Pinal

Pregunta. Como chegou o jazz á súa vida?

Respuesta. O jazz gustoume xa desde moi pequeno. Tiven a sorte de medrar nunha casa onde a música tiña moita presenza; meu pai tiña unha boa colección de discos e sempre había música soando. Eu ía escoitando todo aquilo que tiña ao meu alcance e a verdade é que o jazz chamoume a atención dun xeito moi especial desde o primeiro momento, sobre todo polo son do saxofón. Atraíame esa sonoridade tan expresiva e por iso me decidín por este instrumento xa desde cativo. Practicamente dende pequeno tiña claro ese obxectivo e sabía cara onde me quería dirixir.

P. Iniciou a súa formación no Conservatorio do Carballiño. Que recordos ten daqueles primeiros anos?

R. Tiven a sorte de empezar no Conservatorio xunto a xente da miña idade. Formamos un grupo moi bo e moitos deses compañeiros seguen sendo os meus amigos a día de hoxe. É certo que ao principio ocorreu un pouco un choque, porque a idea que eu tiña na cabeza de como ía ser a formación musical non coincidía do todo coa realidade académica. O conservatorio estaba moi centrado na música clásica e non tanto no jazz ou noutras músicas máis creativas. Aínda así, esa base axudoume moitísimo. Ao final, de calquera maneira hai que empezar para ter un dominio do instrumento, e despois xa cada un decide o seu propio camiño. Recordo especialmente a un compañeiro, Ángel, que estudaba piano cando tiñamos uns doce ou trece anos. A el tamén lle empezaba a gustar o jazz, un pouco porque llo contaxiaba eu poñéndolle discos. Decidimos montar un grupo e intentabamos facer jazz á nosa maneira, sen ter nin idea de por onde empezar, puramente por intuición. Foi unha época moi bonita, un tempo de exploración e de tentar acadar uns obxectivos que nin nós mesmos sabíamos cales eran, pero que buscabamos coa ilusión de experimentar.

Alexandre Cabanelas, música e creatividade
Alexandre Cabanelas, música e creatividade | Martiño Pinal

P. A pesar de formarse noutros xéneros, que lle achega o jazz que non lle dan outras músicas?

R. Para min o jazz é unha vía de escape respecto doutros estilos. A música clásica, o rock, ou o que se toca habitualmente nas charangas e nas orquestras de verbena son xéneros máis pechados. Sen menosprezalos, para min en certo modo son músicas que non teñen esa “vida” do directo máis orgánica, senón que vas a un sitio e tes que tocar exactamente o mesmo, do mesmo xeito, nota por nota, un día tras outro. O jazz, en cambio, ten unha compoñente de improvisación enorme que deixa paso libre á creatividade no propio momento. Como dicía un profesor meu que agora é un bo amigo, o jazz é composición instantánea. Iso require un nivel de concentración e un esforzo mental moito máis grande do que esixe interpretar unha partitura xa escrita. Aínda que disfruto tocando noutros contextos e participando noutros proxectos, o jazz esíxeme unha entrega e unha presenza mental que non atopaba noutras músicas.

P. Que sexa unha música tan aberta á improvisación fai que tamén inflúan nela outras cousas como o estado de ánimo?

R. Existe esa falsa idea de que a xente do jazz se sube ao escenario e toca un pouco ao que vaia xurdindo sobre a marcha. Para nada é iso. Hai un traballo de estudo e de análise enorme por detrás, estudamos a fondo a harmonía, a rítmica, a estrutura dos temas e a linguaxe propia do xénero. Grazas a todo ese traballo previo, por moito que teñas un mal día, sabes perfectamente que cousas van funcionar e cales non. Sabes que se o baixista vai tocar un determinado acorde, hai certas escalas, frases ou notas que van encaixar aí con precisión matemática. Despois está o factor humano e, se tes un bo día, todo soa máis fluído, máis melódico e vas exactamente cara onde che apetece ir; pero se tes un día cruzado, estás acatarrado ou teches un problema persoal, podes tirar dese coñecemento técnico sólido para que o concerto funcione impecablemente. A inspiración e a creatividade son moi bonitas, pero nun escenario profesional ten que funcionar todo esteas na situación na que esteas.

P. Cales son as súas principais referencias musicais?

R. Nun primeiro momento eu escoitaba sobre todo aos grandes saxofonistas americanos, referentes clásicos como Michael Brecker, Dexter Gordon ou Stan Getz. Pero co paso do tempo comecei a prestarlle moita atención ao jazz que se estaba a facer aquí en Galicia. Tiven a enorme sorte de que algunhas desas figuras que eu admiraba profundamente remataron sendo os meus profesores e incluso compañeiros de escenario. Un deles foi Pablo Castaño, que foi realmente o meu primeiro profesor de saxo jazz como tal. E despois está Roberto Somoza, que para min é sen dúbida un dos mellores saxofonistas que temos en Galicia. Tiven a sorte de telo como docente no Conservatorio Superior da Coruña e, máis tarde, coincidir con el tocando en Big Bands e noutros formatos. Para min foi un orgullo enorme que aceptase escribir o prólogo do noso novo disco. Tampouco quero esquecer a toda esa xeneración de músicos que nos anos 80 e 90 comezaron a abrir camiño co jazz en Galicia cando era algo completamente novedoso e minoritario, como Alberto Conde ou Lorke, entre moitos outros.

En plena actuación.
En plena actuación. | Sander Ulloa

P. Agora ten en marcha o proxecto do Alexandre Cabanelas Trío. Como xurdiu esta formación?

R. Anteriormente eu tiña un grupo no Carballiño chamado 4mal Quartets, co que sacamos un disco no 2017 e despois algúns sinxelos. O problema era que os meus compañeiros tiñan as súas respectivas profesións alleas á música, un deles é enxeñeiro informático, outro traballa nunha oficina, e lóxicamente non podían dedicarlle ao proxecto o tempo que require avanzar a certo nivel. Eu, pola miña banda, teño a sorte de dedicarme profesionalmente á música desde hai anos, tanto no eido interpretativo como na docencia. Por iso, no ano 2023 decidín dar un paso adiante e montar esta nova formación a trío. Contactei con dous grandes músicos de Ourense, como son Héctor Pérez e Efrén Novoa. Eles tamén son profesionais en activo que tocan con proxectos moi diversos e de nivel como Sés, Carla Lourdes ou Dr. Slump. Apetecíame moito traballar con xente coa mesma dispoñibilidade e facer un jazz algo máis elaborado.

P. Que imos atopar neste traballo?

R. A proposta do trío baséase en coller estándares clásicos do repertorio de jazz pero pasados polo noso propio filtro, levándoos cara a un punto de vista moito máis moderno, vivo e actual. A iso sumámoslle varias composicións miñas de autor que seguen esa mesma liña estilística.

P. E por que Noitébrega?

R. Buscaba un nome que transmitise esa atmosfera nocturna á que sempre se asocia o jazz, ese ambiente de tocar en locais pequenos, recollidos, ao caer o día. Quería ademais que fose unha única palabra en galego e que non coincidise co título de ningún dos temas do propio álbum. Investigando no vocabulario atopamos esta palabra que fai referencia precisamente a algo que é nocturno ou propio da noite. Encaixaba ao cento por cento co que queriamos transmitir coa nosa música.

Concerto no Auditorio do Carballiño.
Concerto no Auditorio do Carballiño. | Sander Ulloa

P. Como foi a acollida do público na presentación no Carballiño?

R. A verdade é que foi unha sorpresa moi grata. O auditorio ten un aforo amplo, para case 500 persoas, e sendo un concerto de jazz e nunha vila pequena, eu pensaba que virían arredor de cen persoas. Ao final o auditorio estaba a máis da metade da súa capacidade, habería facilmente unhas 250 persoas escoitando o concerto. Ver a tanta xente reunida para escoitar jazz e recibir despois comentarios tan positivos sobre o disco é algo que nos dá moita forza para continuar.

P. Ademais de intérprete, tamén é profesor de música. Que lle aporta a docencia?

R. A nivel práctico, aporta unha estabilidade económica indispensable. A vida do músico en directo ten moitas oscilacións, no verán hai moito traballo e moitos bolos, pero despois chegan meses máis fríos como novembro onde a actividade cae bruscamente. A docencia permite compensar eses altibaixos. Pero máis alá do económico, dar clase é profundamente gratificante. Ver como evolucionan os alumnos, sexan nenos ou adultos, e comprobar que o teu traballo os axuda a medrar é moi satisfactorio. Ademais, supón un reto pedagóxico constante. Hai cousas técnicas no instrumento que a min me saíron de forma natural e que nunca me custaron, pero cando un alumno ten dificultades con iso, teño que facer o exercicio de analizar como funciona para podelo explicar de xeito claro. E ó revés. Actualmente dou clases nas escolas de música de Amoeiro e A Cañiza, e a verdade é que estou encantado coa experiencia.

Efrén Nóvoa e Héctor Pérez completan o conxunto.
Efrén Nóvoa e Héctor Pérez completan o conxunto. | Sander Ulloa

P. Moitas veces o público xeral ve o jazz como un xénero elitista ou complexo. Que claves daría para escoitalo sen medo?

R. O fundamental é desposuírse de prexuízos. Moita xente asocia o jazz á típica “música de ascensor” suave e aburrida, ou ben xusto ao contrario, a algo hipercomplexo e incomprensible que só poden entender os estudosos da música. Nin unha cousa nin a outra. O jazz é un paraugas xigante baixo o que caben estilos moi diversos, desde a bossa nova ata o bebop, pasando polo jazz fusión, o funk ou o soul. O meu consello para quen teña dúbidas é que vaia a concertos en directo sen etiquetas previas e que busque. Con total seguridade atopará algún subxénero que lle conecte. Non se trata de ir cunha libreta a analizar a teoría musical do concerto, senón de ir desfrutar da experiencia sonora e deixarse levar.

P. Onde os poderemos ver proximamente?

R. Iremos anunciando novas datas a través das nosas redes sociais. Temos previstos concertos no Carballiño nun formato máis íntimo de local, en Pontevedra e na Coruña. Ademais, quen queira escoitar o noso traballo xa o ten dispoñible nas principais plataformas dixitais como Spotify ou Amazon Music buscando Alexandre Cabanelas Trío.

Contenido patrocinado

stats