Raquel Nogueira, arte e comedia dende Trives

VIDA

Dende os seus primeiros pasos nos obradoiros de teatro da Universidade de Santiago ata a consolidación na pantalla con producións de gran repercusión como “Animal” ou “El caso Asunta”, a traxectoria no mundo do espectáculo constrúese a base de constante traballo, talento e perseveranza. De orixe rural en Trives, o percorrido de Raquel Nogueira inclúe a aprendizaxe da adaptación dos xestos teatrais ao linguaxe minucioso do cine, a creación de proxectos persoais como “Historias vaxeniais” que lle valeron un Premio Mestre Mateo, e a exploración de novas facetas profesionais no ámbito do guión. Todo isto dende a perspectiva da comedia e sen perder de vista as súas raíces ourensás.

Raquel Nogueira,  o talento constante.
Raquel Nogueira, o talento constante. | Cedida

Pregunta. ¿Como foron os seus inicios no mundo da interpretación?

Respuesta. Pois eu sempre tiven a idea en abstracto de que quería ser actriz, pero como en Trives naqueles tempos non había ningún grupo de teatro nin nada semellante, era simplemente unha idea vaga. Con todo, marchei a Santiago a estudar Maxisterio Musical e foi alí onde me comecei a apuntar aos cursillos de teatro da Universidade de Santiago. Coñecín xente, formamos un grupo de teatro e aí piqueime de verdade. Cando rematei a carreira de Maxisterio dixen: “Veña, vou intentalo por este outro camiño”.

P. Entón xa tiña claro que o vía como unha saída profesional e non só como unha simple afición?

R. Claro, eu sempre pensei que me quería dedicar a isto. O que pasa é que na miña casa, aínda que sempre foron moi respectuosos e me apoiaron en todo, dicíanme: “Pois é mellor que fagas algo antes”. Entón tiven un camiño un pouco máis pausado, indo pasiño a pasiño.

Raquel Nogueira,  o talento constante
Raquel Nogueira, o talento constante | Cedida

P. Como recorda aqueles primeiros cursos e as primeiras representacións sobre o escenario?

R. Pois foron incribles. Para min, o mellor de marchar da casa foi precisamente atoparme co teatro. A carreira de Maxisterio estaba moi ben, pero eu vivía para ir ao teatro e para facer as representacións, que sempre tiñamos unha mostra en maio. Vivíamos por e para iso, e eu estaba moitísimo máis involucrada no teatro que nos propios estudos (risas).

P. Cine, teatro, series... Cales son as grandes diferenzas entre formatos e como foi descubríndoas?

R. Para min supuxo moito traballo de adaptación porque son unha persoa moi expresiva xa na miña vida cotiá; gustábame falar alto e facer xestos grandes. Para o cine e o audiovisual tes que adaptar todo iso, concentralo e reducir, reducir e reducir. Ao final, sempre é mellor ter que reducir que ter que meterlle chicha, e esa é a principal diferencia de estilo.

A actriz é natural da Pobra de Trives.
A actriz é natural da Pobra de Trives. | Cedida

P. E que ten o teatro que tanto atrapa aos actores?

R. É profundamente emocionante porque é o directo absoluto. Estás aí co público e o público está vivo; pasan cousas, a ti pásanche cousas, igual escoitas unha reacción, o público fálache... Estás nun presente absoluto, entón engancha moito. A min é algo que me apaixona.

P. Máis tarde chegou un dos grandes momentos da súa carreira coa serie “Animal”. Como recorda esa rodaxe e como viviu todo o éxito?

R. Cando me chegou o casting parecéume unha marabilla porque me encantan os animais e teño unha tendencia natural cara á comedia, así que me parecía demasiado bonito para que se fose facer realidade. O concepto da serie chamábame moitísimo. Cando me deron o papel e empezamos a rodar foi un proceso precioso; toda a equipa estaba moi sincronizada e os actores podiamos achegar moitísimo. Foi unha rodaxe de dez. Na primeira tempada a miña personaxe era pequeniña, pero logo tivo unha repercusión enorme. É moi impactante que te paren pola rúa, te feliciten e che digan que se identifican contigo.

P. Entón verémola nas vindeiras tempadas?

R. Si, si, estarei na segunda e na terceira tempada.

P. Xa participara noutras grandes producións de series como “El caso Asunta”. Como é o traballo neste tipo de grandes producións?

R. O orzamento que hai para unha produción audiovisual, por moito que custe unha de teatro, sempre é infinitamente maior, polo que son dous mundos completamente diferentes. No audiovisual sempre tes esa presión de que hai outro ritmo e tes que facelo todo ben á primeira, porque cada minuto de rodaxe custa moitos cartos. Son mundos totalmente diferentes.

P. Outro dos seus proxectos clave é “Historias vageniales”.

R. Creo que foi o gran proxecto da miña vida porque xurdiu nun impasse no que me faltaba o traballo. Naceu da vontade de querer expresar certas cousas e falar de determinados temas, pero tamén de xerar traballo para min cando non o tiña. Para a miña sorpresa, funcionou moi ben e gustou moito. Penso que moitas cousas viñeron de aí, a propia oportunidade en “Animal” xurdiu porque se me empezou a considerar na comedia grazas ás sementes plantadas con Vageniales.

P. E conseguiu o Premio Mestre Mateo...

R. Si! Eu sempre digo que fun como o Steve Jobs do teatro, fedellando no garaxe ou no salón da miña casa con cero euros acabei conseguindo cousas inimaxinables para min naquel momento.

É Ángela na serie “Animal”.
É Ángela na serie “Animal”. | Cedida

P. Tralo paso á adaptación teatral, como está sendo a acollida por parte do público?

R. Moi boa. É un espectáculo que empata moito con todas as idades, dende preadolescentes ata xente máis maior. A xente sae encantada e, sobre todo, aprende moito e coñece historias que descoñecía. Para Iván Marcos, que é o director e tamén dramaturgo comigo, e para min, é algo que nos fai moi felices porque un dos propósitos da obra era precisamente dar a coñecer esa historia.

P. Máis alá da súa faceta de actriz, segue explorando a súa parte de autora?

R. Si. Hai algúns anos entrei a traballar no equipo de guión en CTV, en Santiago, para escribir unha serie para a TVG e gustoume moito a experiencia. Recentemente acabo de rematar un máster en guión grazas a unha beca do sindicato DAMA. É unha faceta que me gustaría ir desenvolvendo e á que me quero dedicar a longo prazo.

P. Móvese moito no xénero da comedia. Cre que se está a poñer máis en valor a calidade das actuacións cómicas fronte ao drama?

R. Penso que a comedia estivo un pouco denostada nos últimos tempos. España é un país de cómicos e as películas de Berlanga ou Cuerda tiñan actores cómicos de enorme consideración, pero despois perdeu un pouco de prestixio. Pero agora, na época na que estamos, onde a xente precisa rir e evadirse, está a volverse poñer en valor e a coller outra dimensión.

P. Volvendo aos seus inicios, como é abrirse paso nunha profesión tan saturada e con tanta competencia?

R. É moi difícil. Estudei e coñezo a moita xente con moitísimo talento que non ten oportunidades. Creo que pola miña parte estou tendo oportunidades porque traballei moito para telas, pero non podes dormirte nin esperar na casa a que che chamen por teléfono; tes que poñerte mans á obra, e aínda así moitas veces non é suficiente. A sorte tamén é fundamental, considero que, dentro de todo o traballo que levo ás costas, tiven sorte.

P. De que xeito inflúe na súa traxectoria o feito de ser de Trives?

R. Trives é un lugar marabilloso e precioso, pero supón unha dificultade engadida. Estar en Madrid fai que todo sexa moito máis doado para dedicarse a isto. O periplo para saír de alí e o esforzo dos meus pais para mandarme estudar fóra e axudarme en todo foi un obstáculo máis no camiño que houbo que superar.

P. E por outra banda, en que a beneficia esa perspectiva fronte a actores nados en grandes cidades?

R. Sinto que son profundamente afortunada de ter nacido e medrado alí. Todos os valores que me inculcaron, a cultura do esforzo e esa pulsión de levantarte e querer crecer máis alá das dificultades danche outro carácter moi especial.

Webserie “Historias vageniales”.
Webserie “Historias vageniales”. | Cedida

P. Unha película e unha serie que recomendaría sempre?

R. Que difícil! En película, tirando pola comedia española, recomendaría dúas. Unha moi coñecida, como é “Amanece que no es poco” e outra menos coñecida, da triloxía “Así en el cielo como en la tierra”, que é unha parodia da Apocalipse nun pobo manchego con Fernando Fernán Gómez facendo de Deus e Jesús Bonilla de Xesucristo. Sempre que estou de baixón poño esa película. En canto a series, nos últimos anos teño obsesión con Chernobyl. Paréceme unha serie brutal con actuacións incribles; vína unhas sete veces dende que se estreou.

P. Onde a poderemos ver proximamente?

R. Proximamente estrearáse a segunda tempada de “Animal”. Agora mesmo teño un par de proxectos entre mans que aínda non poto desvelar, e coa obra de teatro “Vaxeniais” seguiremos de xira por Galicia e comezando a saír a territorio nacional.

Contenido patrocinado

stats