Coanhadeira, música asentada en Ourense
EN CONFIANZA
7.273 son os kilómetros cadrados que abrangue o territorio da provincia de Ourense, unha extensión na que conviven dende hai anos as tradicións coa paisaxe, a música cos ríos e as cancións cos montes. De todo iso beberon os membros do grupo Coanhadeira para o seu novo disco, ó que lle puxeron por título esa cifra que se extende polo mapa da provincia. A piques de cumprir os 20 anos de traxectoria musical oficial, o conxunto mantén intactas as bases da música tradicional da que proceden a maioría dos seus membros engadindo toques de fusión con outros xéneros coma o jazz para seguir reivindicando a riqueza do folclore galego. “7273” é o título do seu cuarto disco de estudio, que estrearon hai uns meses e co que foron nominados recentemente ós premios Martín Códax da música. Óscar Freire é un dos seus membros fundadores e fala deste traballo e de como perciben o panorama da música en Galicia.
Pregunta. Que é 7273, o voso novo disco?
Respuesta. Este novo traballo de Coanhadeira é un pouco unha homenaxe a toda a nosa provincia, unha homenaxe a toda a xente que leva currando de recolleitas por todo o país, pero sobre todo nesta provincia, que é de onde somos. É algo que realmente levamos facendo dende sempre, porque a maior parte dos temas de todos os nosos discos están recollidos aquí en Ourense, como non podía ser doutra maneira, que é o que máis coñecemos. Desta volta quixemos facelo explícito e que mellor que cos kilómetros cadrados da provincia como título.
P. Xa levades rodando un tempiño con el, que tal acollida está tendo?
R. Ben, boa. Presentámolo en febreiro ou marzo e de momento bastante ben. Á xente parece que lle está gustando porque polo menos bailan, que é o máis divertido para un músico, ver que todo o mundo está bailando case todas as pezas e a verdade é que non nos podemos queixar. Ata unha nominación para os premios Martin Codax.
P. Precisamente sobre os premios Martín Códax, que supuxo esta nominación para o grupo?
R. A verdade é que é desas sorpresas agradables que che dá a vida. Da cantidade de proxectos que hai, que seleccionen o teu entre os tres finalistas pois dáche enerxía e gañas de seguir aí coa loita.
P. A nivel musical, que significa este disco dentro da vosa traxectoria?
R. Creo que é unha evolución lóxica dentro do noso camiño. Creo que o que levamos facendo ata agora levounos por este camiño, mesturando un pouquiño a música tradicional, un pouquiño de jazz, improvisacións…, algo que realmente xa vai en case todos os discos, sobre todo dende o terceiro.
P. Que significa para vós ese momento de poñervos a gravar? Como o xestionades?
R. Desta volta para nós foi un proceso demasiado longo. Era un disco que estaba pensado para gravar xustiño en pandemia, estaba todo preparado e de feito empezamos coas primeiras gravacións a semana que nos pecharon. Despois parouse todo e case catro anos despois foi cando nos metemos a gravar, ou sexa que todo o que tiñamos pensado foise un pouco ó lixo. Porque aínda que os temas basicamente eran os mesmos, algún entrou a maiores, démoslle unha volta total. Empezas a tocar e vas limando cousas novas. Tamén supuxo un pequeno cambio de músicos porque cando empezamos a gravar tiñamos outro acordeonista e despois veu Badín e evidentemente entra unha persoa nova e hai cambios, sobre todo co acordeonista que é a nosa base harmónica máis importante. Todo iso levounos a outro camiño.
P. Tedes todos a vosa traxectoria individual e xa levades un tempo traballando xuntos. Como vos complementades?
R. Eu creo que xa nos coñecemos bastante ben. De feito non temos moi claro cando empezou o grupo, pero marcamos o 2006 que foi cando pasamos de ser gaiteiros a o que estamos a facer agora. Foi cando entrou Patri, antes había algunha voz pero non tiñan tanta presenza, case eran unhas colaboracións en pouquiños temas. E dende que entrou Patri volcámonos un pouco máis cara voz. Vinte anos case, xa nos coñecemos ben, sabemos de que pe coxeamos cada un, xa nos aguantamos, soportámonos e incluso nos queremos (risas).
P. Sen que dea vertixe, botando a vista atrás destes vinte anos, como ten sido a evolución do grupo?
R. Pois a verdade é que botas a vista atrás e non che dá a sensación de todo o que fomos conseguindo, porque realmente creo que tocamos en todas as prazas grandes do país e algunha das prazas grandes de fóra e non tes consciencia de ter tido esa repercusión. Levamos un bo camiño feito. Dá un pouco de vertixe pensar que xa levamos tanto tempo, pero como segues tendo case a mesma ilusión, vante motivando novos retos, ves que todo vai funcionando e vas pulindo algunhas cousiñas. Ó mellor algúns discos anteriores eran para sentarse e escoitar e desta volta quixemos darlle un pequeno toque e que non só valga para escoitar, que si que vale. De feito o que mola é que moitas veces despois dun concerto a xente di se me apetece estar bailando estou bailando e se estou canso e non me apetece bailar séntome a escoitar o concerto. Cada día atópaslle unha cor nova ás cousas, entón iso é case o que te leva a seguir, conseguir ese matiz, que a xente baile e que ó mesmo tempo tamén lle guste escoitar, que non sexa só festa, que por suposto a festa é case o máis importante.
P. Tedes algo en mente para celebrar ese vinte aniversario?
R. Aínda non. Case depende máis de falar cos programadores ca de ti, porque moitas veces dependes de que te escoiten e por sorte ou por desgracia vivimos onde vivimos e é moito máis complicado. Porque é moi complicado facer música dende Ourense. E encima ves que estás nunha cidade que antes aínda te valoraba, podías tocar nela e agora... Acaban de ser as festas de Ourense e non se viu un gaiteiro pola rúa, non houbo nada de música en galego nin música tradicional. Saías por viños e nin unha charanga, xa non digo un gaiteiro, pero nin unha charanga. Esta cidade tivo vida cultural, pero ultimamente dá medo. Vendo o panorama galego, se estás fóra de Santiago é complexo que se che recoñeza. Non sei se é por casualidade pero de todos os grupos finalistas dos premios Martín Códax de Ourense non se veu ningún premio para aquí e hai grupos cos que eu contaba que gañaran. Ó final estamos facendo música dende un recuncho no que case xa nin nos valoran e iso é o peor.
P. É unha pelexa de fondo.
R. Si, pero bueno, xa levamos vinte anos e no fondo xa o temos asumido. Estamos curtidos xa. Dá pena pola xente que está empezando, que se ten que armar de paciencia. Pero vense grupos de Santiago que se asentaron hai un ano e están tocando en todos os lados, con moito menos percorrido que moitos dos grupos que levan moito tempo tocando fóra. Ás veces non é facelo ben senón ter a sorte de que te escoiten os que te teñen que escoitar.
P. Como ves o panorama da música tradicional?
R. Eu penso que o panorama non está mal, seguen saíndo proxectos, ves que hai moita xente que segue apostando pola música tradicional. O que pasa é que si que temos que ter claro é que necesitamos máis apoios, máis sitios onde poder tocar, que as administracións aposten por nós e non por artistas consagrados ós que ás veces non lles fai falta tanto apoio porque coas entradas xa poden vivir. Pero hai grupos que como non se dean a coñecer e teñan algo de apoio ou polo menos un circuíto onde tocar, téñeno moi complicado. Pero ves que grupos están aparecendo por todos lados, segue habendo gaiteiros, cada vez hai máis pandereteiras. Isto está moi ben porque ó final a pandeireta é o instrumento do país, non a gaita. E ves grupos de xente nova e grupos de xente máis maior que o colleu tarde pero que o colleu con moitas gañas e seguen indo a foliadas ou buscan actuacións por aí. Se me dis da música tradicional máis profesional, aí a cousa xa está máis complicada, porque vivir da música é complicado. Pero o entorno pseudoamateur véxoo con futuro, vense escolas por todos lados, non ves as grandes bandas de gaitas que había antes, pero ves moita máis xente tocando e participando da festa.
P. Iso quere dicir que a música tradicional volve ás súas orixes?
R. Si, eu creo que si. Non cabe duda que as Tanxugueiras e o seu éxito axudaron, pero antes delas vías que nas escolas había moita xente tocando a pandeireta, gaita menos porque leva máis tempo aprendela, pero si que ves que as escolas seguen funcionando. Entón dache alegría. E nos concertos cando vas por aí cada vez ves máis xente bailando solto. Non está todo perdido, ou ó mellor é que sempre imos os mesmos (risas).
Contenido patrocinado
También te puede interesar