Elena Gallego, o legado dunha historia familiar
Elena Gallego e os seus irmáns vían como cada día súa nai escribía nunhos cadernos. Unhos cadernos con etiquetas de “cousas de mamá”, “vivencias de orfa” ou “privado”. Co seu falecemento fíxolle a promesa de contar a historia que recollía nesas anotacións, e o que descubriu con elas foi a vida dunha nena orfa da posguerra acollida por unha familia que a encheu de penurias. Un fío do que tirar que levou a autora a unha extensa e meticulosa documentación que lle fixo descubrir a dor dunhos anos moi duros dos que aínda moitos non se atreven a falar. Pero é preciso contalo para deixar un legado, para dar a coñecer a historia daqueles que sobreviviron vencendo obstáculos
Con “El legado de la niña de la sal”, Elena Gallego conseguiuno. Ao igual que logrou espertar o que ela define como “efectos secundarios”, e decir, espertar o interese por escoitar aos nosos antepasados
“El legado de la niña de la sal” é o seu último libro. A grandes rasgos, que nos podemos atopar nel?
É a historia da miña nai. Da dura infancia que pasou na posguerra e que foi recollendo nunhos cadernos.
Coñecía a existencia deses cadernos?
Todos sabíamos deles. Lembro perfectamente a miña nai escribindo mentres os catro irmáns facíamos as tarefas da escola na cociña. Pero estaba prohibido tocalos. Estaban aí con etiquetas que puñan “cousas de mamá”, “privado”, “vivencias de orfa”… e nós nin curioseábamos neles nin preguntábamos nada sobre o que contiñan.
Cando descubriu o que había neles?
Cando miña nai pasa os seus últimos días ingresada no hospital. Alí prometolle que vou escribir a súa historia, a historia que recolle nos seus cadernos. Era algo que me pedira milleiros de veces, dende as primeiras novelas que eu publicara. Unha vez que miña nai xa non está, fai oito anos, os meus irmáns achéganme eses cadernos para cumprir a miña promesa. Esa caixa de memorias que aínda tardei unhos meses en ser capaz de abrilos.
E cando o fixo…
O primeiro que me encontro é que o que hai neses cadernos é brutal. Unha denuncia dunha nena que é esclavizada por unha familia cando queda orfa. Ela conta como era a súa vida na posquerra, o estraperlo, o que vivía coa súa nai… pero chega un momento no que ese se torna completamente negro. Aí comeza a contar unha serie de cousas que eu, como xornalista, non era capaz nin de escribir. Todos sabemos que durante a Guerra Civil e a postquerra se viviron momento moi duros, con moitas penurias e inxustizas… pero sentíndoo en alguén tan cercano… parecíame increíble e non sabía moi ben nin como contalo.
Aí foi cando comecei cun longo e intenso proceso de documentación, algo imprescindible, ao longo de oito anos. Decidín buscar a maneira de poder escribir unha novela coa base tiña, os cadernos, dun xeito que non levantase moitos receos. Sabía que había xente á que non lle ía gustar, e así foi, pero tiña que cumprir a promesa que lle fixera a miña nai.
Unha documentación imprescindible para poder levar a cabo este libro do xeito máis fiel posible.
Aínda co apoio dos cadernos, a investigación foi continua e aínda a día de hoxe sigo facendoa. Con todo, tiven que medirme moito con esta novela. Hai cousas escritas pola miña nai que optei por non contar porque aínda hai datos máis fortes do que xa aparece contado na novela. Pero por respeto optei por deixalos gardados.
O que si me gustaría deixar claro é que nin os fillos, nin os netos dos protagonistas desa historia temos culpa nin responsabilidade de nada. Nin temos que sentirnos mal polo que aconteceu nesa época. Había unha sociedade determinada, unhos cánones e estructuras determinados, xente que tiña poder e xente que non… eso todo afortunadamente mudou e temos unha democracia que manter. Ninguén debe pedir responsabilidades aos descendentes do que fixeron pais ou avós neses anos.
Todos coñecemos historias do cruenta da Guerra Civil e a posguerra. Pero vivindo este período tan preto de vostede, como se sentiu?
Horripilada, desolada… non hai palabras. Ata incluso hoxe en día, en pleno século XXI segue habendo ameazas; xente que non pode falar; persoas que “mandan recados” agora que saíu a novela… imaxina como puideron ser eses anos 40, 50, 60, 70…
Coa súa nai, nesa “casa da bruxa” como ela lle chamaba ao fogar de acollida, tamén había outra nena que puido coñecer.
Miña nai citábaa nos cadernos como “María José de Málaga, unha amiga”. Pero non sabíamos quen era realmente. Tamén ela fora recollida pola familia porque era orfa e sufrira todo tipo de vexacións e malos tratos. Ela é a memoria viva desa época e conseguín atopala. Tivemos varios encontros nestes anos e falamos a miúdo. Pouco a pouco contoume cousas que non lle contara a ninguén. O que viviu. O que nesa casa viviron. A súa historia. Ela é moi importante porque é a testemuña viva que conta en primeira persoa o que viviu. Xunto a ela hai máis persoas que estiveron nesa casa en momentos puntuais, ou que viron ou oiron cousas. A ela quérolle moitísimo. Como se fora unha irmá da miña nai.
Falo con ela o que non puiden falar ou preguntar a miña nai porque non sabía de todo iso. Tento transmitirlle que é querida, que está acompañada. Que hai moita xente que valora o paso adiante de facer pública a súa historia.
Para recoller a historia escolleu un título ben fermoso “El legado de la niña de la sal”.
Miña nai sempre me decía que se ía a Viveiro, dixese que era filla de Carmiña, a nena da sal de Colosía. Era a nena da sal porque traballaba no almacén de sal.
E é un legado, porque non é unha herencia material como pode ser unha finca ou un reloxo. A miña nai o que me deixou foi unha historia. A súa historia. E o deber de contala.
Entre tantos momentos de dor vividos pola súa nai, tamén hai espazo para outros recordos máis bonitos.
Neses cadernos hai dende xogos que facían a recetas da posguerra. Creo que tería para un recetario… pero non me daba a novela para tanto (risas). Na infancia ao fin e ao cabo hai momentos fermosos. E tamén gardou esas cousa bonitas entre todas as penurias que viviu. Cecáis para afianzarse neses momentos para tirar para adiante. As cousas boas son as que nos manteñen vivos.
Que recordos máis persoais ten da súa nai?
Era moi combativa. Era profesora, pero non exercía de mestra, sempre estaba axudando a xente, promovendo o asociacionismo, inquedabana as desigualdades… En Verín, onde meus pais residiron ao redor de 40 anos e onde repousan, nós somos “os fillos de Carmen Abad”. Con eso dígocho todo. Grazas a ela hoxe en día é posible o hospital de Verín. Foi ela quen comezou a recoller sinaturas pola necesidade de contar con este servizo nun lugar tan afastado da cidade de Ourense onde había que chegar por unha carretera moi perigosa. Daquela non había a autovía que temos hoxe. Tamén deu un pulo á creación do conservatorio. A miña nai sempre foi unha namorada da música. Estudaba ás escondidas, cantaba… e quería que os fillos tivésemos esa formación musical e ata nos mandaba a Ourense en taxi. Imaxina! Ata que finalmente abriu en Verín. Logo veu moita xente detrás para apoiar estas iniciativas, pero os principios foron grazas a Carmiña, a Carmen Abad.
Unha vez contada, como se sinte?
Por un lado liberada, porque cumprin coa miña nai. Pero tamén responsable por toda esa outra xente que non pode contar a súa historia.
Dise que a historia sempre a escriben os vencedores, pero as historias cotiás, dos que non venceron nada, simplemente sobreviviron, iso tamén é vencer. E a historia da miña nai, é a historia dunha vencedora. A miña nai ganou. E a novela é a miña aportación a que eses anónimos sexan unhos vencedores.
Foi por elo polo que puxo en marcha a iniciativa do “Legado de creación literaria”.
Trátase dun proxecto incluido nos servizos das Bibliotecas Públicas de Galicia que o soliciten. É un obradoiro co que queremos dar a importancia que ten recoller o legado familiar que moitas veces non nos atrevemos a contar. Guiar onde se pode acudir para investigar e formarse para ir tirando do fío e completar a historia. E, a partir deses vimbios, ver como transformamos esa historia nunha novela, nunha autoficción… ou simplemente para gardar na casa. E algún día, cecáis acabe vendo a luz. Penso que se unha persoa, cada tres xeracións, recolle un legado, esa memoria da familia nunca se perde.
Neste intre hai certa inquedanza por contar historias familiares, tanto en literatura como en cine, a que cre que se debe que sexa un dos argumentos máis recurridos?
Penso que hai moita xente que ve que a historia dos nosos antepasados estaba sen contar. Oculta. Nesta xeración na que vivimos estamos máis preparados e sabemos que hai cousas que son necesarias contar, dalas a coñecer porque son parte da nosa historia. É importante saber quen somos.
Hai xente que as descobre, pero non sabe como tirar do fío para contalas. De aí ese proxecto do que acabamos de falar, do “Legado de Creación literaria”, co que poden atopar as guías que os leven a tecer e darlle forma a todo o que saben.
A memoria dos nosos é importante recollela. Para tirar para adiante, é preciso botar un paso atrás para saber quen somos. A partir de aí escribir, e deixalo como legado aos nosos.
Verán, tempo de lectura, convídenos a converter este libro nun imprescindible do verán.
A súa lectura devolvenos a unhos anos pasados e esquecidos. Ubícanos nunha aldea galega e lévanos a descubrir como era a vida cotiá da xente, os xogos na rúa, o cataquese… hai moita xente que me escribe porque este libro lles recorda a súa infancia. Hai cousas moi moi duras, pero é bonito porque os leva a abrir a fiestra a unha realidade que está aí.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último