A escola rural recibe a Diego, o seu director máis novo

VIDA

Tras aprobar as oposicións á primeira con só 24 anos e sen experiencia previa na docencia, este xove mestre converteuse no director máis novo de Galicia ao asumir a xestión do colexio do Bolo, onde exerce como responsable de centro. Unha transición lóstrego que o levou das aulas da universidade e da preparación de oposicións a liderar un centro rural en Valdeorras, onde agora combina a xestión burocrática coa posta en marcha de proxectos pedagóxicos innovadores e unha aprendizaxe personalizada que busca situar a escola como o corazón social da comunidade.

Diego Luezas junto al cartel de O Bolo.
Diego Luezas junto al cartel de O Bolo. | La Región

Pregunta. Acabas de rematar a carreira, aprobaches a oposición á primeira e incorporácheste ao corpo docente. Como viviches esa rápida transición?

Respuesta. Realmente, aínda non creo de todo o que me foi pasando nos últimos meses. A mediados de xullo, estaba preparando a defensa da programación didáctica e da unidade didáctica na segunda fase da oposición e, de repente, agora, a mediados de setembro, estou nun cole a 250 kilómetros da miña casa nun sitio que non coñecía e sendo o responsable do centro. Entón diría que non teño claro se teño todo ben asimilado porque de repente a miña vida cambiou, pero sobre todo síntome moi feliz. Quero facer cousas innovadoras, ir máis alá, lograr unha identidade de centro e que cada vez máis xente abogue pola educación rural, que penso que ten moitísimas vantaxes, en especial a individualización da aprendizaxe. Neste cole podo chegar a todos dunha forma moi directa e creo que para min como mestre cada día ao saír da aula tes esa sensación de autorrealización, de traballo conseguido, de traballo feito; é unha sensación moi gratificante que en coles máis grandes, con ratios máis extensas, é moi complicado de conseguir. Especialmente creo que poder traballar do que me gusta e ver o meu soño feito realidade despois de loitar moitísimo durante todo o ano é unha sensación que non podería describir con palabras.

P. Tes constancia de ser o director máis novo de Galicia?

R. Non o sei oficialmente, pero diría que seguramente si, porque é unha situación totalmente excepcional. Eu non tiña experiencia e, de repente, teño que xestionar economicamente o centro, tamén de maneira administrativa, de maneira propositiva... porque teño que propoñer diferentes ideas e proxectos de centro. Entón, penso que é unha situación excepcional, xa que a maioría de responsables de centro, directores, directoras, incluso xefes e xefas de estudos, só collen o cargo cando xa levan un tempo na docencia e na vida dun centro e xa observan moitísimas situacións e casuísticas.

Diego Luezas, un profesor de récords
Diego Luezas, un profesor de récords | La Región

P. Como foi o teu proceso de opositor?

R. Unha montaña rusa de sensacións, de emocións, de etapas. Cando comecei, moita xente dicía, de maneira, teño que dicir, equivocada, que á primeira non o ía poder conseguir por falta de baremo en comparación con outros profes que, sacando unha peor nota ca min na fase de oposición, logo no concurso por eses méritos de ter traballado moitos anos terminarían superándome á hora de conseguir a praza. Pero realmente non é así. Así que, desde aquí, ánimo a todo o mundo, a todas esas persoas que pensan que isto non se pode sacar á primeira, que é posible. A verdadeira clave é estudar. Soa un tanto cliché, pero é así. Pero tamén a constancia, a autoesixencia e a disciplina. E creo que tamén para superar unhas oposicións de educación outras das dúas bases esenciais son que se note a túa vocación docente cando estás expoñendo e tamén ter creatividade. Porque, aínda que non son cousas de todo obxectivas, ás veces demostran moito máis que un discurso demasiado preparado. En especial creo que non podería ser posible todo isto senón contase coa academia Janza de Caldas de Reis, que me axudaron moito. Ademais, tiñan un montón de ideas creativas para as defensas e creo que iso, sen dúbida, tamén foi diferencial. Sempre lles estarei agradecido porque me cambiaron a vida. De feito, emociónome porque agora vou traballar do que me gusta e do que desfruto cada mañá. É un verdadeiro pracere facelo con tan só 24 anos recén cumpridos.

P. Chegar a un centro educativo como docente novel xa supón un reto en si mesmo, pero asumir a dirección no primeiro ano é algo excepcional. Como xurdiu este nomeamento?

R. É totalmente excepcional. O nomeamento xorde porque só somos dous mestres, a miña compañeira é interina e eu son o único funcionario en prácticas, entón xa de por sí tiña preferencia. Ademais, intento asumilo como un reto e, sobre todo, creo que vou aprender moitísimo, algo que xa estou facendo. Vou saír cuns coñecementos incribles deste curso académico, así que esa é unha das miñas motivacións.

Diego Luezas emocionado tras aprobar a oposición.
Diego Luezas emocionado tras aprobar a oposición. | La Región

P. Como foi a túa chegada ó Bolo?

R. Cando cheguei ao cole do Bolo, o primeiro que me chamou a atención observando as súas instalacións foi a gran cantidade de materiais e de espazos que hai. Como había dúas plantas, un montón de aulas e moitísimos recursos, eu imaxinaba que ía ser un cole pequeniño e foi todo o contrario, un cole grande. Realmente o primeiro día foi un pouco de buscar a vida, de investigar, de curiosear e de propoñer. Pouquiño a pouco voume facendo ao centro e dándolle tamén o meu estilo e o meu criterio. Agardo que sexa un curso inesquecible. A acollida en xeral foi moi boa e creo que se poden facer cousas moi guais para o pobo.

P. En que difire a práctica diaria aquí do que se ensina na universidade?

R. No cole xa temos nove alumnos. En algúns momentos utilizamos unha aprendizaxe conxunta entre todos, de modo que os máis maiores ensinan aos pequenos e retroaliméntanse, e tamén os propios maiores aprenden cousas dos pequenos. E iso é impresionante. Chamoume moito a atención o nivel co que conta este alumnado. O feito de estar en contacto, por exemplo, os nenos de cuarto cos de sexto e traballar xuntos, fai que moitas veces, cando comezas un curso académico, uns contidos que ese neno tiña que adquirir nese curso xa os tiña practicamente adquiridos antes de comezar. Iso é unha das principais vantaxes que observei. Si que é certo que a práctica diaria é totalmente diferente á universidade. Creo que é unha profesión que se aprende facendo, errando, mellorando, pero non de tanta teoría. A docencia apréndese vendo a práctica. Por iso creo que nos graos de Educación se debería orientar cada vez máis a unha aprendizaxe máis experiencial e práctica, e que os períodos de prácticas nos centros durasen incluso máis, xa que son as aprendizaxes, as ideas, os recursos e a resolución de conflitos o que aprendes para logo no futuro.

Diego Luezas coa súa avoa de visita no Bolo.
Diego Luezas coa súa avoa de visita no Bolo. | La Región

P. A escola é un factor fundamental dos municipios pequenos. Como é a relación do centro coa comunidade?

R. Penso que sí, que a escola é un nexo entre os diferentes participantes da vida comunitaria e a comunidade educativa. A relación co Concello é constante; nós pouquiño a pouco iremos propoñendo cousas, tratando de facer accións polo pobo e por situar o colexio no pobo e na comarca de Valdeorras. Así que é unha relación moi boa. E tamén coas familias. Intentamos que formen parte da nosa comunidade educativa. Por exemplo, cando teñamos que celebrar o Magosto ou o Samaín, a idea é facelo todos xuntos. Creo que a relación é moito máis cercana, máis próxima e, en definitiva, máis bonita que en entidades máis grandes onde todo se volve máis frío.

P. Cos colexios desaparecendo progresivamente do rural, que vantaxes ofrece unha escola coma a do Bolo?

R. As vantaxes son moitas. A principal, como xa dixen antes, é a educación individualizada. Podemos chegar a todos, a todas e a todo. Tamén hai cousas que só son posibles nun cole rural; por exemplo, comemos no comedor todos xuntos como unha familia, con quendas para poñer e recoller a mesa e rutinas de hixiene. Por outra banda, o pobo, a contorna e a natureza, xunto co traballo na horta, forman parte do día a día. Penso que iso tamén é fundamental. Este ano decidimos desenvolver un proxecto de recuperación da memoria histórica que chamamos “As voces do Bolo”, no que cada mes faremos unha acción. Por exemplo, este mes cada un deles está investigando un lugar específico do Concello. Traballan a aprendizaxe na rede, as habilidades de investigación e recopilan información sobre ese lugar e fan un traballo visual. Desta forma traballamos de forma interdisciplinar moitísimas materias e contidos dun xeito situado e contextualizado co seu día a día. En outubro teremos o mes da música galega coas visitas para facer pequenos obradoiros do artista Mondra e Gaby Reboredo. No Magosto, no Nadal ou no Entroido faremos postais e visitaremos a residencia de maiores. Os xogos tradicionais tamén terán lugar e, no Entroido, recuperaremos a figura do Xosu, un artista do pobo. E así moitas outras experiencias.

P. Pero o cargo de responsable de centro implica unha importante carga administrativa.

R. A verdade é que non vou mentir. Ao principio si que me abrumei bastante coa situación porque, ao non ter coñecementos nin experiencia relativa a toda esta parte burocrática, é bastante complexo. Pero é certo que coa axuda da miña inspectora e tamén de Michel fun recopilando información, formándome, chamando á unidade de atención aos centros, curioseando e investigando. Pouco a pouco estoume afacendo a todo o proceso, pero sen experiencia previa é bastante complexo. Eso si, estou aprendendo moitísimo.

Nas redes sociais Diego Lueza conta como é o seu día a día no Bolo.
Nas redes sociais Diego Lueza conta como é o seu día a día no Bolo. | La Región

P. Aparte, fas labor divulgativa e educativa en redes sociais...

R. Últimamente en TikTok estou facendo esa labor divulgativa sobre todo porque quería mostrar como é deixar a túa casa atrás por esta profesión, pero facelo con ilusión. Tamén quero poñer en valor a educación no rural, dar a coñecer as súas vantaxes, como é por dentro e como se pode transformar un cole rural e facelo á túa maneira coas ideas pedagóxicas máis modernas. Espero que se poida conseguir que cada vez se escolaricen máis nenos neste centro, porque é unha aprendizaxe integral, completa e inesquecible. Pouquiño a pouco seguirei mostrando toda esta faceta.

P. Co curso xa en marcha, que é o que máis che sorprendeu de ti mesmo?

R. A miña capacidade de resiliencia e de adaptarme ás circunstancias e situacións que van xurdindo na miña vida. Sobre todo ensinoume que nunca me rindo, que sempre saio adiante. Últimamente teño moi presente iso de que “todo pasa por algo”, porque é certo. Creo que isto é unha oportunidade que nunca esquecerei e que me fará seguir aprendendo en todos os sentidos.

Contenido patrocinado

stats