A festa chega co motocultor de Los Támega

ENTREVISTA

Los Támega están considerados "a Panorama das charangas" e levan a música dende Verín a todos os recunchos de Galicia

Publicado: 18 ago 2024 - 06:15 Actualizado: 18 ago 2024 - 07:46

7821448
7821448

Soan os primeiros acordes. Acordes de música de charanga. Aparece un motocultor e aparecen eles. Unha ducia de mozos cunhas características faldas escocesas con ganas de pasalo ben facendo que o público goce en todas e cada unha das súas actuacións. Son Los Támega, unha charanga considerada a “Panorama das charangas” que levan a súa música desde Verín a todos os recunchos de Galicia e tamén de fora das nosas fronteiras. Se aínda non bailaches con eles, busca na súa axenda de festas, ben seguro que pasarán preto. Jorge Porto, un dos seus fundadores, fálanos da súa traxectoria.

Como comezou a historia da charanga Los Támega?

Fai 22 anos… xa choveu! Comezamos sendo oito persoas e tocando en cada unha das aldeas dos músicos que compoñíamos a formación. Pouco a pouco fomos ampliando fronteiras e sendo máis coñecidos. Con elo, tamén fomos sumando novos compoñentes, outros, por motivos persoais, tiveron que marchar. E así ata hoxe, que somos 12 músicos de Verín, Portugal, Bande, Ourense, Salamanca...

Por que se bautizaron co nome de Los Támega?

Teño que recoñecer que non somos do máis orixinal no panorama musical e que tampouco estábamos alá moi inspirados cando decidimos o nome (risas). Por Verín pasa o río Támega. A formación formouse en Verín. E velaí o tes! Los Támega Charanga, aínda que ao principio o noso nome era charanga Támega… que tampouco é que innovásemos moito (risas), e collemos o testigo dun tío de Agustín e máis meu que xa tocaba nunha charanga.

Coa súa formación foron punteiros en moitos aspectos.

Cando naceu Los Támega eran tempos nos que as charangas estaban formadas máis ben por xente maior cun repertorio clásico que se movía entre pasodobles e vals. Nos metemos teclistas, cantante e outras novidades que facían que chamásemos a atención.

Cando diría que xurdiu o “boom” da vosa charanga?

Creo que fai ao redor dunha década. Desde ese momento xa se nos empezou a considerar a “Panorama das charangas”.

Debúllenos esa definición.

Supoño que a calidade musical dos músicos, o amplio repertorio, o espectáculo que facemos, e a axenda chea de actuación que se prolongan durante todo o ano, aínda que é no verán cando non paramos nin un día. Actuacións tanto na provincia de Ourense, como Pontevedra, Coruña e Lugo, así como en diferentes puntos de España, Portugal e incluso levamos varios anos tocando en Londres, en Portobello Road.

A calidade dos músicos e o voso equipo de instrumentos son imprescindibles para soar como soan.

Na charanga todos temos formación e unha gran experiencia musical. Xente que tocou en orquestras punteiras e outra que ten a súa música en solitario.

E despois está o voso medio de transporte como carta de presentación…

O noso motocultor! Todo equipado cos altofalantes, as luces, tocando por riba del… cando imos polas rúas coa nosa música ninguén queda indiferente.

Imposible con esas saias tan características que levan!

(Risas). Iso veu tras ir a Londres varias veces tocar, concretamente no bar Galicia de Portobello. A xente facíanos a suxestión de poñer saia… o que non pensaba era que o fósemos facer. Así que así nos ves. Primeiro foi con saia e con gravata, e agora coas camisetas co noso logo que é un lobo. Eso si, cando temos que tocar nunha eucaristía, por protocolo, mudamos a saia polo pantalón.

Xa lle preguntei polo nome, a vestimenta e agora quédame saber do su logo. Ese lobo.

Estamos unidos. Somos unha manda. Imos todos a unha. A que a xente goce e formen parte da nosa festa.

Como fan para seleccionar os temas do voso repertorio?

Agustín Porto é o que se encarga de levarnos polo rego, senón sería inabarcable o que todos queremos tocar. Con todo, sempre se teñen en conta as suxestións e cada ano sumamos novidades según o que máis soe nese momento, pero hai clásicos que non poden faltar.

Clásicos como?

Os temas populares que moitas veces as orquestras se esquecen de tocar, pero que fai recordar ao público. Por exemplo, temas populares galegos como “O paraugas do Xosé”.

E os máis modernos?

Desde “Potra salvaje” a “Pedro Pedro Pedro” (risas), ademais das nosas versións, tanto actuais como antiguas.

E que me din dos ensaios, é complicado axustar axendas para xuntarse?

Ensaios ensaios… temos algúns, pero o que máis facemos son xuntanzas con ceas de por medio (risas). Somos unha gran familia que levamos moito tempo tocando xuntos, que nos coñecemos, así que moitos dos nosos ensaios consisten en xuntarnos para pasar un tempo xuntos e, tras a paparota dun bo churrasco, poñemonos a tocar. Aí é onde se pode ver a harmonía e bo ambiente que temos.

Boas vibracións que transmiten ao seu público.

Está claro que se non estivésemos tan unidos, tivésemos tan bo rollo e gozaramos tanto do que facemos, difícilmente poderíamos chegar á xente e transmitirlles o que queremos.

O verán é, sen dúbida, a súa época de máis actividade.

Direiche que o mes de agosto, 31 días, temos 30 datas pechadas. Só descansamos o día 11. Pero o resto do ano, gracias a Deus, tamént emos actuacións tanto no Entroido, data moi importante para nós, como en moitas festas que se fan en diferentes recunchos de Galicia. Xa sabes, Galicia é unha festa durante todo o ano! E nós sumamos máis dun cento de actuacións. E para o 2025 xa temos máis de 70 datas pechadas.

O que si sei e vivín é que Los Támega teñen o seus propios “followers”.

A verdade é que cando chegamos a calquera lugar, aínda que sexa unha aldea de 15 veciños, poden estar agardando por nós 200 persoas. Eso é un orgullo e unha mostra de que o estamos facendo ben.

Cal é entón o voso segredo?

Que temos tantas ou máis ganas co público de pasalo ben! Sempre o damos todos… así é que a xente sempre fala do “bos que somos” ou do “tolos que estamos”.

Sen abrir ningún tipo de debate, que é o que destaca dunha charanga con respeto a outras formación musicais nunha festa?

Dende o meu punto de vista, a diferencia é: todo! Ti chegas a unha localidade e estánte esperando cun licor café en man e facerte sentir como parte da súa familia. E xa non digamos se repites actuación dun ano para outro. Aí si que entramos pola porta grande facernos sentir orgullosos do noso traballo e como se foramos os máis grandes músicos que pisaron a terra.

O contacto co público é máis directo, estamos preto deles e animámolos continuamente. Por exemplo, cando facemos os pasarrúas, ver xente que igual non pode saír da casa para gozar das festas do seu pobo porque é maior ou ten algún impedimento, verte a ti tocar unha peza diante da súa casa, ver como se emociona, pon os pelos de galiña. E agradeceno tanto cos seus xestos, coa súa ollada… non che podo describir esa sensación porque é imposible se non a vives.

Falando dos pobos do rural galego, do despoboamento, e de que vós percorredes moitos puntos da nosa xeografía, que cree que significa unha festa patronal, a vosa presencia, e doutras actuacións en xeral para os veciños?

É algo que notas que agardan con ansia. Os invernos son duros, cada vez hai máis xente maior e a chegada do verán, dos familiares que pasan o resto do ano fóra, ver máis cativos na rúa, como as prazas recobran algo da vida que tiñan antiguamente… fai revivir as aldeas. E xa, cando chegan as festas, non hai familia que non xunte ao redor da mesa, cun menú de cinco pratos mínimo e sobremesas varias, a amigos e familiares para gozar dunha boa charla, dos reencontros, dos recordos do pasado… e aí estamos nós, pondo a música. A música que sempre anima, fai bailar, sorrir e tamén recordar. É como unha paréntese de felicidade no que todo o malo se borra para vivir ese momento de ledicia.

Que sentides cando tendes ao público tan pendente de vós?

Sentimos a súa emoción, a súa vibración. E iso empeza a medrar en ti ata que todos nos contaxiamos e gozamos da festa.

Con todo isto, por se non nos quedou claro, cal é a principal razón para chamar a Los Támega para unha festa?

Ser únicos, ser diferentes. Charangas hai moitas, pero xente que destaque, é pouca. Dito desde a humildade, Los Támega están de moda e oxalá o sigamos estando durante moito tempo porque hai moitas e moi boas formacións en Galicia. Tentamos ir máis alá do musical, achegarnos ao humor, ao espectáculo, a interacción co público… E cada ano ofrecemos algo novo. De feito xa temos medio acabado a innovación do vindeiro ano e que estamos seguros ao 100% que vai sorprender.

Non me pode deixar así, de que se trata?

Ahhhh… non podo desvelar nada, pero seredes os primeiros en sabelo!

Contenido patrocinado

stats