Teresa Rivela, unha vida entre libros no Ribeiro

VIDA

Teresa Rivela, bibliotecaria de Ribadavia, converteu o servizo municipal nun referente de dinamización cultural e fomento da lectura a través dun modelo de xestión baseado en proxectos temáticos, a colaboración con entidades sociais e a captación de recursos estatais. Co impulso a seccións como o manga, obradoiros solidarios e activismo educativo nas escolas, a súa traxectoria de máis de dúas décadas demostra como un espazo público contén a capacidade de romper barreiras de acceso á cultura, concienciar ás novas xeracións sobre os conflitos actuais e crear comunidade no ámbito local. Todo isto avalado polos dez premios María Moliner que xa acadaron.

A lectura como ferramenta vital.
A lectura como ferramenta vital. | Martiño Pinal

Pregunta. Como chegou a Biblioteca á súa vida?

Respuesta. Eu fixen Xeografía e Historia e despois fixen tamén Museoloxía. E bueno, na época que saquei a carreira, pois non había oposicións. Eu quería ser profesora de instituto como moitos na miña familia. Pero naquel momento non había prazas entón presenteime a esta praza da Biblioteca. Empecei, a verdade, coa idea de seguir estudando e presentarme a outra praza, pero gustoume moito o traballo da biblioteca. Sempre me gustou ler libros, meu pai sempre lía moito e sempre estiven en contacto cos libros, a verdade.

P. E cales son esas grandes satisfaccións do traballo na biblioteca?

R. É que sempre me gustou a lectura, entón eu leo moito e tamén cando veñen os usuarios fas comunidade coa xente usuaria que le moito. Entón sempre lle recomendo libros, sempre estou en contacto con iso. E despois, por outro lado, pois sempre me gustou o fomento da lectura nos nenos. Eu penso que se desde pequenos acostumas a que lean e que veñan á biblioteca, o día de mañá van ser os futuros usuarios. Entón, para min, é fundamental o fomento da lectura nos nenos. E hoxe en día, como hai os móbiles, os ordenadores, películas, series... Hai moitísimas cousas que fan máis difícil atraelos ao mundo da lectura.

P. Moitos estímulos…

R. Claro, moitos estímulos. Entón, a intención sempre foi facer cousas que sexan atraentes para eles, para que veñan á biblioteca, que lles apeteza ver cousas. Por iso, xa desde o principio empecei a facer exposicións para os nenos. Incluso fago montaxes, ás veces, nas que poden facer fotos, poden participar en concursos, sempre intento darlles algún premio, por exemplo, no Nadal ou o carné de lector... Sempre fago cousas que poidan gustarlles. Por exemplo, cando preparo actividades de fomento da lectura, fago eu os contacontos, pois sempre intento involucralos tamén. Unha vez, por exemplo, fixen unha actividade, un proxecto sobre reciclaxe, todo relacionado coa Axenda 2030. Entón trouxemos tapóns e fixemos figuras para facer unha montaxe na exposición.

Teresa Rivela, unha vida entre libros no Ribeiro
Teresa Rivela, unha vida entre libros no Ribeiro | Martiño Pinal

P. Cales son os principais programas e iniciativas que teñen na biblioteca?

R. Cando empecei a traballar aquí, que xa levo 23 anos, quería crear un fondo de biblioteca que fora interesante. Empecei a solicitar subvencións, por exemplo, para crear a sección de cómics, porque na casa do meu pai sempre tiña moito cómic tamén, ademais de libros. Entón empecei a crear a sección de cómics; foi a época do boom tamén do manga, que iso atraía moitísimos nenos, entón creei a sección de manga. Ao principio eran proxectos coa idea de dar a coñecer o fondo bibliográfico novo da biblioteca, pero despois fun avanzando e facendo outros proxectos relacionados coa actualidade sempre. Fixen un proxecto que foi gañador tamén do premio María Moliner sobre valores. Unha noite, de repente, pensei: “E se fago un calendario de Advento, cada día imos abrir unha pestaña e vai ser un libro relacionado con algún valor”. O compañeirismo, o amor aos animais... Cada día era unha cousa distinta. Pois un ano foi de valores, despois outro ano enteiro dediqueino á Axenda 2030. Outro proxecto foi o de protexer os océanos, no que empregamos os tapóns... A verdade, a exposición quedou preciosa. Outra vez pois era viaxar a través dos libros polo mundo, entón fixen un mural todo con monumentos así moi coñecidos, coloquei alí algo para que puideran eles facerse unha foto... Bueno, sempre cousas así. Dunha vez tamén fixen un proxecto no que quixen dar a coñecer aos nenos a historia e o patrimonio histórico-artístico de Ribadavia. Porque ás veces vivimos aquí e non nos damos conta do que temos. Puxen en xigante a figura do Castelo, o don Pedro e a doña Ana, que son significativos das festas, todos os libros relacionados con Ribadavia, tanto de adultos como de pequenos. E, de feito, ese proxecto foi tan bonito que o levei tamén ao asilo de Ribadavia e á fundación Nosa Señora dos Anxos. Gustoulle moitísimo tamén á xente maior.

P. Van xa 10 premios María Moliner. Como os recibe?

R. É unha alegría para min, porque claro, son uns premios a nivel nacional. Que o Ministerio de Cultura, entre todas as bibliotecas de España que nos presentamos, premian o noso proxecto… Pois sempre che gusta que cho recoñezan. Pero a min o que máis me gusta é que por riba che dan diñeiro para poder comprar fondo bibliográfico. E incluso con parte deses fondos bibliográficos xa preparo o seguinte proxecto.

Sesión de contacontos.
Sesión de contacontos. | La Región

P. En que consistía o proxecto deste ano?

R. Pensei que era bo darlles a coñecer o que pasa, porque os nenos danse conta de todo. Nesta época en que estamos coa guerra de Ucraína, coa de Palestina, con tantos conflitos, a idea era facer un proxecto anual con distintas actividades para darlles a coñecer o que estaba pasando e que empatizasen coas persoas que o sofren. Entón contactei con Save the Children e mandáronme unha actividade que se chama Marcapáxinas Solidario e trouxemos ós nenos dos campamentos e preparei un contacontos relacionado con esa temática no que lles explicaba como xurdiu a idea de facer o o alimento terapéutico que fan.

R. Despois preparei outros contacontos sempre segundo a idade relacionados coa temática de nenos que pasan por unha zona de guerra. Por exemplo, “El viaje”, que é un conto moi chulo no que o pai morre na guerra e a nai cos fillos teñen que iniciar unha viaxe cara a Europa. Iso failles entender a diferencia entre estar na túa casa a de repente ter que escapar e buscarte a vida, para que empaticen con esa situación e non os vexan só como migrantes que chegan aquí en patera.

Exposición sobre a protección dos océanos.
Exposición sobre a protección dos océanos. | La Región

R. Despois o libro “La bibliotecaria de Basora”, para explicarlles como é a nosa biblioteca e que pasa cando nunha zona de guerra teñen que poñer a salvo os libros. Todos eses contos están baseados en feitos reais. E tamén “El viaje de Zoe”, baseado na experiencia dunha familia que se tivo que vir de Arxentina por problemas de traballo. Intento facerlles entende, que se dean conta de que hai nenos que non teñen os seus privilexios. E fago tamén outras actividades máis relacionadas cos adultos. Por exemplo, o 8 de marzo sempre o dedico a escritoras mulleres ou a algunha situación en concreto. Este ano centreino no dereito á educación cun mural coa cara dunha muller con burca, busquei información de mulleres activistas de Oriente que están perseguidas e libos relacionados coa temática, algúns incluso de préstamo interbibliotecario con bibliotecas máis grandes. Para dar a entender que aínda hai mulleres no mundo ás que lles faltan moitísimos dereitos.

P. Cal é o perfil e intereses dos usuarios da biblioteca?

R. Préstase moitísima novela. Novela de adulto, infantil e manga é o que máis se presta. Eu sempre intento ter de todo. Á hora de facer as miñas desideratas e a selección ao longo do ano, intento ter información de todo tipo. Por exemplo, agora temos libros sobre como educar ao teu can, moito libro de autoaxuda, que me piden moitísimo. Cando foi a época dos drons, trouxen un libro de drons; agora que está de moda o Ozempic, pois quero ter un libro sobre iso; sobre horta ecolóxica... Sempre intento ter libros sobre temáticas actuais.

P. Que desafíos e retos que afronta unha biblioteca nunha vila?

R. O principal é que na biblioteca estás soa. E iso implica ter que buscar colaboracións. Por exemplo, desde sempre colaboro cos colexios para facer as actividades, é unha colaboración fundamental. Teño moita colaboración de persoal da Casa da Cultura e tamén da OMIX, que é un fondo importantísimo para min. De feito, hai uns anos tiven unha voluntaria alemá coa que fixemos un proxecto precioso. Eles teñen un voluntariado que se chama Corpo Europeo de Solidariedade; un día falando con eles xurdiu a idea de facer contacontos de cada país. Pedínlle a cada un deles que escollera un conto típico do seu país. Falamos coa directora da escola de teatro de Ribadavia e deulles clases de teatro para escenificar o conto do seu país e trouxemos os nenos de Ribadavia e dos colexios dos arredores. Foi un proxecto superbonito. Cando fixen a exposición de reciclaxe, pedín a colaboración de Ecoembes. Mandeilles un mensaxe e mandáronme colectores, folletos, libros... Mandáronme de todo. Ou co Ministerio de Transición, ou con fundacións da Axenda 2030 que me mandaron libros para regalar aos nenos. Ás veces non pedimos e non sabemos, pero a xente colabora.

Actividade de promoción da reciclaxe.
Actividade de promoción da reciclaxe. | La Región

P. Desde a súa perspectiva, como recibe os últimos datos do informe PISA sobre a baixa comprensión lectora?

R. Eu creo que o interese é o mesmo, o que pasa é que sempre son os mesmos. Hai anos facía actividades abertas de fomento da lectura e decateime de que sempre viñan os mesmos nenos cos mesmos pais. Os nenos dependen dos pais e se os pais os traen á biblioteca con 4 ou 5 anos, eles veñen. Por iso foi a idea de empezar a facer actividades cos colexios, porque así dabas a oportunidade de que viñeran todos os nenos e tivesen acceso aos libros. De feito, despois de facer as actividades no colexio, aos poucos días sempre acaba vindo algún pai co neno dicindo que non lle calaba con ir á biblioteca. Eu non vexo diferenza. Todo depende de onde se incentive. Na miña casa na mesilla de noite de meu pai sempre había cómics, libros e xornais. Meu fillo, por exemplo, de pequeno sorprendíase de que os compañeiros de clase non coñecesen os xornais. E iso que non lle gusta ler, aínda que agora de maior si que vai lendo un pouquiño máis.

R. Vexo na biblioteca que moitos len ata os 12 anos máis ou menos; algúns máis veñen por manga, e logo desaparecen e volven aparecer aos 20 e pico anos cando están na universidade ou estudando oposicións. Ademais, moitos pais que nunca viñeron á biblioteca entran con medo, pensan que é algo moi intelectual. Cando entran e ven o expositor da entrada con libros de cociña, de autoaxuda ou de hortas, ven que hai cousas que lles poden interesar aínda que non sexan novelas e pérdenlle o medo e saben que poden vir cando queiran.

P. Se só puidera recomendar un libro, cal sería?

R. De adultos a min gustoume moitísimo “El hombre en busca de sentido”, de Viktor Frankl. É un libro baseado en feitos reais, porque o escritor pasou pola experiencia de estar no campo de concentración de Auschwitz. Sempre me interesou moito esa temática e este ano por fin fun a Cracovia e visitei Auschwitz e Auschwitz-Birkenau, e creo que tería que ir todo o mundo para decatarse da barbaridade que son as guerras. E a nivel infantil, “El viaje” gustoume moito.

Contenido patrocinado

stats