Santiago Ferrer fai 50 anos estudando o legado que os romanos deixaron en Ourense

VIDA

O arqueólogo Santiago Ferrer toma as rendas da Fundación Aquae Querquennae Via Nova para impulsar a investigación, renovar a divulgación e afondar no coñecemento do complexo romano de Bande.

Santiago Ferrer, a memoria de Roma.
Santiago Ferrer, a memoria de Roma. | Óscar Pinal

Tras preto de cincuenta e un anos de traballos continuados no xacemento romano de Bande, o arqueólogo Santiago Ferrer asumiu estea no a presidencia da Fundación Aquae Querquennae Via Nova co reto de renovar a divulgación no centro de interpretación e ampliar a investigación cara aos talleres do complexo militar e a mansio viaria. O enclave, un dos máximos expoñentes da arqueoloxía galega, testemuña a evolución dun territorio termal, o impacto das tecnoloxías de xeorradar para cartografar o subsolo e a importancia fundamental dunha das infraestruturas viarias máis espectaculares do noroeste peninsular.

Pregunta. Levan xa máis de medio século de traballos no xacemento romano de Aquis Querquennis (Bande). Como foi esa evolución e o relevo na dirección da Fundación?

Respuesta. Si, levamos alí case 51 anos. Comezou o profesor Antonio Rodríguez Colmenero no ano 1975 e continuou ata a actualidade. Centrámonos fundamentalmente nas escavacións arqueolóxicas do campamento romano; fixemos algunhas actuacións na mansio viaria, pero o groso dos traballos efectuouse no campamento ao longo destas cinco décadas. Como o profesor Colmenero ten xa 90 anos, e quería ir deixando a dirección da fundación en mans doutra xente.

P. E con que obxectivos asume esta nova etapa?

R. O obxectivo é continuar co que viñamos facendo estes anos, o labor de investigación e o de divulgación do xacemento. Na parte de investigación, queremos seguir coas escavacións arqueolóxicas no campamento e, se podemos, amplialas un pouco tamén á mansio viaria. No aspecto da divulgación, queremos acometer unha serie de modificacións no centro de interpretación para darlle unha nova visión, porque levamos anos co mesmo tipo de exposición. Cremos que é conveniente, se a Administración nos acompaña, renovar un pouco os contidos.

P. Cando mira para o conxunto do campamento, lembra como era ao principio? Que sente ao ver toda a evolución?

R. É unha gran satisfacción. Eu empecei nos anos 1986-1987, cando o profesor Colmenero xa levaba practicamente doce anos traballando no campamento. Incorporeime a el o ano en que rematei a carreira, nas escavacións arqueolóxicas da cidade de Lugo, e desde entón sigo acompañándoo no Grupo Arqueolóxico Larouco en todos os labores de investigación que se foron desenvolvendo durante estes anos.

P. Aquis Querquennis é un campamento peculiar porque durante parte do ano queda baixo as augas do encoro das Conchas. Como condiciona iso o traballo dos arqueólogos?

R. Sabemos que durante metade do ano, uns seis meses, o xacemento está cuberto polas augas total ou parcialmente, moitos anos é de xeito parcial, e os outros seis meses está totalmente descuberto. Vivimos adaptándonos a esa peculiaridade e non nos supón ningunha novidade. O único inconveniente é que durante esa temporada de seis meses que coincide co inverno, cando sobe o nivel da auga, fastidia un pouco á hora de promocionar o xacemento.

P. Condiciona máis no aspecto turístico que no científico?

R. Si, porque nós centramos os labores de investigación no verán, que tamén é cando o tempo o permite. Nese sentido non temos ningún inconveniente.

P. Que fai tan singular este campamento dentro do noroeste peninsular?

R. En Galicia contamos con dous campamentos deste tipo, un en Sobrado dos Monxes, o da Ciadella, no que a Xunta fai escavacións con menos intensidade ca en Aquis, e o propio Aquis Querquennis. Teñen practicamente a mesma fisionomía, dimensións e características construtivas, son dous rectángulos dunhas dúas hectáreas e media rodeados dunha muralla pétrea cun foso perimetral e catro entradas ao recinto militar, aínda que cambian un pouco na distribución interna dos edificios. Son dous grandes exemplos da arqueoloxía militar que temos en Galicia. O xacemento de Aquis Querquennis é un dos máis escavados da Península Ibérica e actualmente sabemos o que hai nas zonas que non están escavadas grazas ás prospeccións xeofísicas con xeorradar que practicamos hai dous anos. Temos un coñecemento bastante completo do urbanismo do destacamento militar.

P. Saben que hai no que queda por escavar?

R. Si, a través do xeorradar. Este ano formulámonos, a través das subvencións solicitadas á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, acometer a escavación dun novo edificio, o que identificamos como a fabrica; é dicir, os talleres do campamento militar.

P. Estas novas ferramentas axilizan o traballo arqueolóxico?

R. Si, permiten descubrir as estruturas urbanísticas do campamento e cubrir as lagoas que tiñamos nas zonas sen escavar. Grazas a elas temos un coñecemento a nivel urbanístico de todo o campamento.

P. Nestes case corenta anos traballando en Aquis, hai algún achado ou descubrimento que lembre con especial emoción?

R. A nivel de descubrimentos, tódolos anos hai novidades, aparecen pezas cerámicas novas, algunha moeda... Pero o máis espectacular que apareceu no campamento foron os restos dunha estatua de bronce bañada exteriormente en ouro. Non apareceu enteira, só anacos do nariz, parte dun ollo, parte do pelo e da coiraza. Identificámola cunha imaxe do emperador Domiciano, porque foi o único que sufriu a “damnatio memoriae” (condena da memoria) durante a época de ocupación do campamento romano. Hoxe pódese ver no Museo Arqueolóxico de Ourense e é unha peza moi coñecida.

P. Falaba antes desa vertente turística. Notan que hai cada vez máis interese pola arqueoloxía?

R. Si, ultimamente hai máis interese. Notámolo sobre todo nos meses de agosto e setembro, que son o forte do turismo en Galicia, porque vén moitísima xente visitar o campamento. Ademais, temos o complemento das augas mineromedicinais e, cando o encoro está baixo, a xente combina o lecer de gozar das augas coa visita ás ruínas do campamento e mesmo remata o percorrido achegándose á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande.

P. Falemos agora das súas orixes. Vostede é de Valdeorras, unha comarca cunha importante pegada romana. Ata que punto influíu iso na súa vocación?

R. Sempre tiven vocación de arqueólogo, desde o principio. Cando estudaba no instituto do Barco de Valdeorras tiñamos un profesor de Ciencias Naturais, don Ricardo Mosquera, que formaba parte dunha agrupación chamada Os Escarbadores, que nas fins de semana facía pequenas escavacións no castro de Valencia. Convidounos aos alumnos a participar os domingos e, como eu son de Vilamartín e quedábame a apenas dous quilómetros da casa, decidín ir probar. De aí veume a afeción. Primeiro rematei a carreira de Maxisterio, pero non me gustaba moito o ensino; o meu era a Arqueoloxía. Convencín ós meus pais para ir estudar a Santiago e comecei a carreira.

P. E desde aquela xa nunca se desligou da profesión.

R. En canto comecei a carreira tiven a oportunidade de participar co profesor Rodríguez Colmenero nas primeiras escavacións de urxencia que se facían na cidade de Lugo. Desde aquel ano 1986 xa me dediquei practicamente en exclusiva á profesión de arqueólogo.

P. Traballou sempre man a man con el.

R. Formeime na Universidade de Santiago de Compostela e con el tiven a oportunidade de adquirir os coñecementos prácticos da arqueoloxía. Empezamos escavando en Lugo, nas prazas de Santo Domingo e de Ferrol. Despois ofreceume continuar con el como membro do Grupo Arqueolóxico Larouco e, como me gustaba o mundo romano, aceptei. Seguín nas escavacións de Lucus Augusti, compaxinándoas coas do castro da Saceda no seu pobo e comecei tamén como axudante en Aquis Querquennis. Estiven así ata os anos 1999-2000, cando asumín a dirección das escavacións arqueolóxicas de Aquis Querquennis, cargo que manteño ata hoxe tanto no campamento como na mansio. E sempre estiven ligado ó mundo romano.

P. A súa traxectoria tamén estivo moi ligada ao estudo da Vía Nova, unha das principais de Galicia.

R. En Galicia non hai unicamente a Vía Nova; dentro das vías principais existen outras tres. Unha é a Vía XVII, que comunicaba tamén Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga) polo sur; outra é a Vía XIX do Itinerario de Antonino, que as unía pasando por Lucus Augusti (Lugo); e logo está a Vía XX, Per Loca Maritima, que comunicaba os establecementos costeiros. Esa numeración consecutiva débese á sistematización que fixo no século XIX o enxeñeiro Eduardo Saavedra. En época romana non tiñan nomes, agás a Vía XVIII, que si era coñecida como Vía Nova, tal e como aparece reflectido nos miliarios dedicados aos emperadores Tito e Domiciano. Esta vía cruzaba polo interior de Galicia e da provincia de Ourense para unir Bracara con Asturica.

P. Somos conscientes os galegos de todo o patrimonio que temos?

R. O territorio galego, e sobre todo a provincia de Ourense, é rico en xacementos arqueolóxicos de época romana, polo que queda bastante por descubrir. Pero eu creo que cada vez hai máis interese polo mundo da arqueoloxía. A sociedade vai cambiando e hai unha maior conciencia e coñecemento sobre o noso patrimonio; non só o romano, senón tamén o castrexo coa cantidade de castros que se están a investigar hoxe en Galicia, o megalitismo coas súas mámoas, e mesmo a arqueoloxía medieval, que ultimamente tamén está empezando a despuntar.

Contenido patrocinado

stats