Xornadas do Folclore, unha aldea global
VIDA
Onde o mundo enteiro cabe nunha praza e o folclore dos cinco continentes percorre cada verán a provincia de Ourense. Nacidas en 1984 co impulso do grupo Castro Floxo e consolidadas pola Deputación desde 1986, as Xornadas do Folclore inician hoxe a súa XLI edición convertidas nun referente cultural internacional que xa logrou achegar a preto de cen países e multitude de expresións identitarias de todo o planeta.
Máis alá dos escenarios e dos espectáculos nas vilas e cabeceiras de comarca, o certame destaca polo seu profundo tecido humano e impacto social, transformando a residencia da Universidade Laboral cada agosto nunha aldea global temporal onde arredor de 200 participantes conviven, comparten experiencias e realizan intercambio cultural.
Hai dez días no verán ourensán nos que o mundo enteiro cabe nunha praza. Son unha decena de tardes nas que o folclore dos cinco continentes percorre a provincia. Leva pasando máis de catro décadas. E todo comezou en 1984, cando as viaxes do grupo Castro Floxo os levaron a propoñer na súa cidade unha mostra de folclore mundial. Entón, a Deputación de Ourense deu o paso de crear un festival de carácter europeo e, xa desde 1986, afianzalo por toda a provincia constituído como as Xornadas do Folclore, que mañá mesmo inician o percorrido da súa XLI edición.
“A Deputación decidiu que o festival se había de realizar nas vilas máis grandes e cabeceiras de comarca da provincia, e foise mantendo case todas as edicións coa intención de ofrecer este tipo de espectáculos a toda a provincia, para que todos tivesen acceso a este tipo de cultura”. Así fala Xavier Álvarez, desde a organización do certame, que realiza o centro de cultura popular Xaquín Lorenzo, sobre o xérmolo do que hoxe é unha cita de referencia para a axenda de verán da provincia.
Desde aquel 1986, as Xornadas do Folclore teñen elaborado un mapamundi case completo. “Se a ONU contabiliza 193 estados membros, polas Xornadas de Folclore de Ourense xa pasaron arredor de 100 países distintos” ao longo destas catro décadas, explica Xavier Álvarez. Un rexistro que se dispara se se teñen en conta as particularidades identitarias das antigas repúblicas soviéticas, “con todas as súas repúblicas, ao mellor pasaron outras 20 repúblicas distintas, Tuva, Buriatia…, un montón delas que fomos descubrindo porque case nin sabiamos que existían. A nivel folclórico, unha cultura de Siberia ten diferenzas abismais con outra doutro punto de Rusia, non o consideramos países distintos a nivel político, pero si culturalmente”, explica.
De aí que, nestes 40 anos, boa parte dos bailes, traxes e músicas de case cada recuncho do mundo teñan visitado Ourense para amosar o seu folclore. Pero a esencia deste consolidado certame vai máis alá.
Durante eses dez días que os espectadores ourensáns e aqueles que pasan aquí o seu verán gozan cos espectáculos diarios, ó mesmo tempo, a residencia da Universidade Laboral convértese nun intenso punto de convivencia e intercambio cultural.
Sinala Xavier Álvarez un curioso paradoxo demográfico e urbanístico que se dá no barrio de Mariñamansa durante o mes de agosto. “É unha zona de poboación que traballa na industria e no mes de agosto a xente está de vacacións ou marcha para as súas aldeas. Polo tanto, queda practicamente baleira a zona e, cando chegan os grupos, de súpéto hai alí 200 persoas, que é máis da poboación de moitas aldeas”. E iso nótase a nivel económico e social no ir e vir constante aos supermercados, tendas e bares do barrio.
Pero o máis importante non é só o impacto económico, senón o tecido humano que alí se texe. A residencia comunitaria converte os días de estancia nunha experiencia de convivencia inesquecible. “Sanidade, transporte, manutención... Todos eles están alí. Os supermercados, os bares, as tendas notan esa chegada e, por suposto, entre eles establécense relacións. Están vivindo xuntos durante dez días: comen xuntos, van ás actuacións xuntos e conviven. Ao final é crear un pobo alí durante dez días”.
Xeopolítica cultural
Organizar un festival que aspira a mesturar os cinco continentes non é un simple exercicio de axenda e billetes de avión; é un complexo quebracabezas onde a xeopolítica, a diplomacia internacional e a burocracia xogan un papel determinante.
Xavier Álvarez detalla o minucioso proceso que hai detrás de cada edición. “Cada ano, xa rematando este festival, estamos a falar con outros grupos para que veñan o ano que vén. Cando Castro Floxo saímos a festivais de fóra, como estivemos por exemplo en Bélxica en Semana Santa, vemos grupos, e se hai algo que nos interesa, xa o marcamos na axenda”.
Con todo, o desexo de traer o mellor folclore mundial choca habitualmente contra muros administrativos que escapan por completo ao control da organización ourensá. O mundo real, coas súas tensións e conflitos, colase nos plans artísticos. “Para traer os grupos, primeiro buscamos que sexan de calidade, que dean un espectáculo apropiado. Non é soamente traer un país por dicir este país nunca veu”.
Como os grupos non dispoñen habitualmente de fondos propios para desprazarse desde puntos remotos de América Latina ou Asia, o festival ourensán integra unha rede de colaboración internacional. “Temos que poñernos de acordo con outros festivais para organizarlles un circuíto. Un grupo de Ecuador ou de Bolivia non ten capacidade económica para pagar os seus billetes para vir un día e marcharse. Entre varios festivais aportamos unha cantidade para axudalos na viaxe; cantos máis festivais nos xuntamos, máis fácil é traer grupos con mellor calidade”, explica Xavier Álvarez.
A esta complexidade económica únense os avatares políticos e as estritas políticas de visados que suman trabas nos procesos burocráticos. Un exemplo é o caso de Rusia, ata hai uns anos habitual dos carteis das Xornadas do Folclore, pero que “desde que empezou a guerra oficial hai catro anos, non temos grupos de procedencia rusa porque están vetados”, lembra Álvarez, traendo á memoria aquel histórico ano 2006 no que coincidiron sobre os escenarios ourensanos un grupo de Rusia e outro de Xeorxia xusto no medio do conflito bélico na liña de Osetia.
Outro exemplo aparece nos países africanos. “Este ano tiñamos comprometido a un grupo de Kenia que non puido vir polos visados, pero conseguimos sustituílo por un de Senegal. É un problema que estamos tendo cos grupos africanos, que non hai forma de que lle dean os visados para viaxar. A este respecto, a mediación de organizacións internacionais como o CIOFF (Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folklore e Artes Tradicionais), dependente da Unesco, que serve de apoio, pero as directrices estatais e europeas pesan coma unha lousa. “Depende sobre todo do Ministerio de Exteriores, e se as embaixadas non queren, pois nada. Co problema que hai en Europa, os italianos que pechan fronteiras... Non é só que nos decidamos que veñan ou non, senón que tamén depende un pouco das directrices de Europa”.
Obradoiros no día a día
A historia dun festival lonxevo tamén se mide pola súa capacidade para capear as catástrofes imprevistas. Un claro exemplo ocorreu na edición pasada, cando a voracidade dos incendios forestais que azotaron Ourense puxo contra as cordas a programación prevista.
Xavier Álvarez relata aqueles momentos de tensión lembrando que aproveitaron para realizar actividades internas. “Os grupos estaban aquí porque tiñan o plan de viaxe establecido; non podíamos dicirlles que marcharan porque os billetes de avión marcaban as datas e nalgúns casos non podían ir aínda para o seguinte festival nin volver para a casa”.
Ante a imposibilidade de actuar nos escenarios habituais, a organización tirou de imaxinación para converter a crise nunha oportunidade de enriquecemento mutuo. “Tivemos que idear algo para facer alí. Organizamos unha especie de obradoiros onde uns grupos ensinaban o folclore aos outros. Iso faise moitas veces e é unha forma preciosa de compartir e de intercambio cultural directo entre eles”.
Lista a XLI edición
A tan só un día de levantar o pano desta XLI edición, o esquema aposta de novo pola variedade con seis grupos repartidos en catro continentes (Europa, Asia, África e América). As agrupacións actuarán en bloques de tres por localidade, ofrecendo un espectáculo dunha hora e media no que cada formación realiza dous pases.
Un dos grandes atractivos é que os grupos participantes actúan como embaixadores culturais de todo o seu país. Por exemplo, o conxunto que chega de Ecuador “vainos ofrecer folclore dos Andes, de orixe africana da costa, da selva amazónica e de orixe española. É como se fosen catro grupos distintos nun só”. Se se multiplican as tres agrupacións asignadas por localidade polos seus dous pases respectivos, o resultado escénico equivale a presenciar un mosaico vivo de ata doce expresións culturais diferentes nunha soa noite en diferentes puntos da provincia.
Con este complexo andamiaxe xa rematado, e coa ilusión intacta dun proxecto que desafiou o paso do tempo, as vilas de Ourense prepáranse un ano máis para apagar as luces cotiás e acender a gran festa da diversidade cultural. Para Xavier Álvarez e o seu equipo, o traballo apenas descansa e en canto o último bailarín emprenda o voo de volta a casa, comezará de novo a tarefa de articular o proceso que volverá traer o mundo a Ourense no vindeiro agosto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último