O chuvasqueiro da Limia

MUSEO DA LIMIA

O Museo da Limia loce dende hai un mes unha nova coroza tradicional tecida con xuncos da comarca por Paco Rodríguez, o Paco do Toxal. O veciño de Porqueira recuperou a técnica ancestral desta prenda para preservar a memoria material do rural

Paco Rodríguez (1955), veciño do Toxal, en Porqueira, vestindo a coroza.
Paco Rodríguez (1955), veciño do Toxal, en Porqueira, vestindo a coroza. | Padroado do Museo da Limia

O legado do rural galego garda na súa memoria unha prenda que foi fundamental para sobrevivir aos chuviosos e fríos invernos: a coroza. Hoxe son escasas as persoas que atesouran este coñecemento ancestral. Un deles é Paco Rodríguez Gómez, o Paco do Toxal (1955), quen vén de tecer unha nova peza para o Museo da Limia.

A iniciativa xurdiu tras constatar, nunha visita ás instalacións, que o antigo exemplar da colección sufrira un deterioro irreparábel. O paso do tempo e os danos causados pola auga acabaron por podrecer a estrutura. Ante esta perda, o veciño do Toxal ofreceuse a iguar a falta. O trato coa directiva foi sinxelo: a institución adquiriu un material especial que el precisaba e, sen demorarse demasiado, procedeu á confección.

Veciño natural deste núcleo de Porqueira, Rodríguez reside na actualidade en León. Non obstante, o seu vínculo coa terra mantense intacto, volvendo á aldea con frecuencia e pasando os veráns enteiros para coidar da horta. A súa relación con esta artesanía remóntase a finais dos anos setenta, cando formaba parte de “Galicia canta ao neno”, unha agrupación que percorría as aldeas durante o Nadal cantando panxoliñas e facendo representacións das historias de antes. O grupo precisaba unha coroza para un acto no Museo do Pobo Galego, en Santiago e o seu pai elaborou dúas e el aprendeu o oficio a base de observalo.

A proba de lume chegou na primeira metade dos oitenta. Estando destinado en Lérida e co seu pai difunto, precisou repetir a fazaña para o Centro Galego da cidade. Durante o proceso a técnica resistíase, ata que un veciño do Toxal, José o Valdés, acudiu na súa axuda. “Díxome: ‘Home, é que colocas os dedos ao revés’. Entón puxen os dedos ben e xa me saíron as dúas perfectamente”, lembra o autor. Máis adiante, tamén elaborou outras para participar na feira Fitur.

Décadas despois, esta nova peza supuxo un reto para a súa memoria. Para lembrar a colocación dos dedos, pediu asesoramento a César Ferreiro, quen confecciona estas prendas en Calvos de Randín xunto ao seu sobriño Xosé. A creación destas pezas require seguir un patrón concreto, entrelazando con presión e precisión o esqueleto que suxeitará o resto dos xuncos da comarca. É un labor que esixe resiliencia, xa que os dedos rematan cansos rapidamente ante a tensión do tecido. O resultado: unha peza que non ten prezo pola inxente cantidade de horas que demanda.

A nova prenda respecta a enxeñaría clásica pensada para repeler a auga. A estrutura consta do corpo e das mangas, á espera de tecer a carapucha. Rodríguez detállao: “Leva dúas capas: unha por dentro que vai coas cordas perfectamente matizada, e por fóra leva unha capa que vai como unhas tellas; vai a de abaixo, a de arriba vai caendo sobre a outra sin mollar nada para dentro”.

O traballo do Paco do Toxal transcende a artesanía para ser un exercicio de resistencia. O autor reflexiona sobre a dificultade de manter as raíces nunha sociedade que mudou o orgánico polo sintético. “Se non o vives, dáslle menos valor. Eu intento darllo, intento poñerlle o ollo, aprecialo, e aínda así doume de conta de que non o chego a apreciar de todo”, confesa. Con esta doazón, as novas xeracións dispoñen dunha testemuña da historia dos seus devanceiros.

Contenido patrocinado

stats