“A motivación non prima tanto coma disciplina”

Bodybuilding

Héitor Colmenero é un “Filmmaker” especializado no mundo do culturismo. O natural de Vilar de Santos vén dunha viaxe ós Estados Unidos logo de gravar en dous eventos importantes do sector.

Jose Manuel Muñoz e Héitor Colmenero durante a súa viaxe ós Estados Unidos.
Jose Manuel Muñoz e Héitor Colmenero durante a súa viaxe ós Estados Unidos.

O mundo do culturismo e o “bodybuilding” está gañando cada vez máis sona entre a mocidade, e Héitor Colmenero, a través dos seus vídeos, fai chegar o sentimento que estes deportistas poñen no seu traballo.

Héitor pasou gran parte da súa vida en Vilar de Santos, na comarca da Limia. Fai uns anos decidiu marchar para Madrid para buscar novas saídas laborais que o rural non ofrece. Durante os primeiros anos, nos que traballou na hostalería, nunca deixou de lado a súa afección polo deporte, malia que a súa andaina no culturismo comezou un pouco máis adiante.

Comenzei fai uns seis sete anos”, explica Héitor, “buscando atoparme mellor fisicamente e mentalmente”. “O culturismo non é que algo de primeiras atrape a atención do público xeral”, apunta. “Pero atopeime un mundo que me fascinou”, dixo, e destacou que o que máis o atraeu foi “a disciplina tan férrea e un estilo de vida tan estruturado e ordenado”. Héitor explica que outros dos motivos que o levou a marchar foi buscar “uns hábitos máis saudables, cambiando de entorno e aproveitándoo para centrarme máis na saúde”.

A súa andaina comezou da man dun vello culturista dos 90, un sirio chamado Amar, que o axudou a “desatar a paixón que teño”. “Gran parte da imaxe que se ve dende fóra é a imaxe do xigante”, pero Héitor comenta que o que desfruta disto, realmente o fai “polo estilo de vida, máis aló dos resultados”.

Esta disciplina no día a día repercute máis aló do físico”, comenta, “e si queres aplicalos a outras partes da túa vida vaiche ser máis doado”. “A motivación non prima tanto coma disciplina”.

“De sempre me gustou gravar e contar historias, aínda que fose dun xeito máis amateur”, e aquí explica que esa falta de hábitos fixo abandonar este pasatempo, que converteu no seu traballo por casualidade a través de amizades no ximnasio.

Filmmaking

“Un rapaz co que adestraba habitualmente ofreceume un posto en marketing dixital, no mundo dos adestradores en liña”, e explicou que eran edicións “sinxelas” ó principio. Logo duns meses, atreveuse a falarlle a Sergio Estepa, un dos culturistas máis seguidos no noso país.

Por casualidades, Sergio estaba buscando un novo filmmaker e editor, polo que “ós dez minutos contestoume e envioume uns brutos para ver que facía con eles”. Hoxe continua traballando con él, malia que agora ten máis clientes neste sector e noutros relacionados.

Hai menos dun ano que os resultados de todo o traballo comezaron a verse, e foi nunha viaxe con Bruno Martínez, no que o deportista de “powerlifting” bateu a marca de España de total CAT, que suma os pesos levantados en sentadilla, press de banca e peso morto por cada atleta. Gravou o documental “The Animal”, que comenta que foi o primeiro salto cualitativo.

Recentemente comezou a traballar con Jose Manuel Muñoz, quen ós seus 23 anos conseguiu un top 6 na competición de Míster Olimpia, a máis importante do mundo do culturismo. O momento de auxe está a vivilo agora, tras o viaxe que realizou este mes con Jose Manuel a Estados Unidos, no que participou no Pittsburgh Pro e New York Pro, dous dos eventos máis importantes, e nos que o atleta rematou segundo.

“Isto é o que está dando máis exposición, grazas a él”, apunta Héitor. “Estoulle moi agradecido por confiar en min e permitirme vivir todo isto”. Héitor explica que todos os seus traballos lle dan “a mesma sensación de realización, indiferentemente das visitas e o éxito que acaden”, xa que lles pon “o mesmo cariño e paixón”.

“Para min o éxito laboral e poder vivir do que me apaixona”, apuntou Héitor, que explica que a próxima gran cita será o vindeiro outubro en Las Vegas, onde Jose Manuel competirá no Míster Olimpia, sendo firme candidato ó podio.

Morriña

Respecto a súa vida fóra de Galicia explica que “o que máis boto de menos é falar en galego”, apuntado que a diferenza está no ritmo de vida, algo que comenta que “hoxe sigo sen levalo moi ben”. “O ruído constante para xente coma nós, que medramos nun entorno coma Vilar de Santos, é agobiante”.

Contenido patrocinado

stats