Tributo a Carlos Canal, o "rapaz de aldea" que compite na elite do ciclismo
PREMIO PEDRA ALTA
O exciclista Ezequiel Mosquera entregou en Vilar de Santos o VIII Pedra Alta, que concede o padroado do Museo da Limia, ao xoven deportista limiao
O ciclista Carlos Canal Blanco (Xinzo de Limia, 2001) recibiu este sábado, nun ateigado salón multiusos do Concello de Vilar de Santos, o premio Pedra Alta que concede o padroado do Museo da Limia. A organización quixo nesta oitava edición render homenaxe a un limiao que, malia a súa idade, xa forma parte por dereito propio da elite mundial do seu deporte, ao tempo que se pon en valor a bicicleta como medio de transporte sostible e de fondo enraizamento na comarca.
O integrante do equipo Movistar pechou así a súa mellor tempada na "Champions League" do ciclismo -2º na Coppa Agostoni, 3º en Dunkerque, 4º no Tour de Valonia e top 20 no mundial de Ruanda, un dos máis duros da historia- cun premio “moi especial” para el por ser “valorado na casa e querido pola veciñanza. Sinto o apoio incondicional de limiaos e ourensáns cando compito polo mundo”.
O deportista aproveitou a súa intervención para agradecer o padroado por escollelo entre as 12 candidaturas deste ano, así como a presenza de representantes institucionais da comarca e provincia. Tamén lembrou á familia, “os pais son os primeiros patrocinadores que ten un deportista”, e a Xulio Conde, director técnico do CC Maceda, onde entrou con 14 anos. Por último, Canal animou a todos a usar a bici, un medio “sostible e saudable, temos unha orografía perfecta para desprazarnos nela”, aludindo á chaira limiá.
“Un bo rapaz de aldea”
O premiado recibiu a réplica en granito da Pedra Alta, obra do escultor Xosé Lois Carreira, da man de Ezequiel Mosquera, exciclista galego, e subcampión na Vuelta a España 2010. O de Teo definiu a Canal como un “rapaz de aldea e bo rapaz que ten as virtudes precisas para competir cos mellores do mundo: calidade e capacidade de traballo”.
Ao inicio xustificou o premio o coordinador do padroado, Antón Jardón, quen falou do sentido de pertenza que “acompaña a tódolos limiaos”, así como da necesidade de “substituír o autoodio por autoestima, reivindicando o noso, especialmente a memoria colectiva, para entendermos o presento e o futuro”. Como colofón, o presidente do padroado, Delfín Caseiro, lembrou a historia de superación, coa bicicleta como medio de transporte popular na Limia a mediados do XX, do “Cego da Pereira”.
Trala interpretación do himno a cargo de Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón, un xantar popular puxo o broche a esta xornada de deporte e orgullo limiaos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Nueva tecnología
Los seguros, otra ventana de oportunidad en el negocio de la IA
POLÉMICA FIESTA
Sortean entradas para el tardeo en el jardín de As Burgas
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Zapatero y la moral socialista