A alcaldesa de Vilardevós non racha o pacto de goberno, pero quedou “resentido”

CRISE POLA RPT

Eva Gamote, alcaldesa de Vilardevós, asegura que o voto en contra á RPT do seu socio de goberno, IGV, non rachará a coalición de goberno, e que cederá a alcaldía segundo o pactado

As concelleiras do PSdeG-PSOE en Vilardevós, Elisa Arratibel, Eva Gamote e Marina Lovelace.
As concelleiras do PSdeG-PSOE en Vilardevós, Elisa Arratibel, Eva Gamote e Marina Lovelace. | C.L.M.

A alcaldesa socialista de Vilardevós, Eva Gamote, quixo este xoves “aclarar” o proceso de elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, cuxa aprobación foi rexeitada no pleno do luns cos votos en contra da oposición do PP e de Interior Galego Vivo (IGV), que cogoberna co PSOE.

Se ben o desacordo non vai rachar o pacto entre as dúas formacións, Gamote apuntou que está “resentido”. Afirmou que ela “cumpre cos acordos”, polo que cederá a alcaldía a Tamara Balboa en marzo, como estaba previsto.

A mandataria xustificou a RPT, un documento “técnico, non político, obrigatorio e legal”, porque sen o persoal “necesario” un concello “non funciona nin presta servizos”. Engadiu que ao chegar á alcaldía só tiña “unha auxiliar administrativa”, e que aos traballadores “non se lles pode baixar o soldo nin ser moeda de cambio”.

Sobre o posto de educadora familiar, no que leva en excedencia dende 2017, Gamote lembrou que existe no Concello “dende 1995”, e pediu que “quedara fóra da RPT para evitar suspicacias, pero os técnicos indicaron que era ilegal”.

Dixo que é “mentira” que se queira “subir o soldo” e que teña a praza en propiedade, xa que descubriu que a estabilización dese posto e o da auxiliar fora “irregular”, polo que se revocou o acordo plenario e atópase “concursando” nun novo proceso ao que se presentou.

Rematou defendendo a súa “palabra e transparencia” fronte a “ataques persoais”, e que seguirán “traballando en proxectos” a prol da veciñanza de Vilardevós.

Proceso "consensuado"

Para evitar un conflito de intereses, a alcaldesa delegou o expediente da RPT na concelleira Marina Lovelace, quen detallou todo o proceso, que arrancara “en noviembre, con su consignación en el presupuesto”. Unha elaboración que non foi “gratuita”, senón parte da “hoja de ruta consensuada con IGV desde 2023”.

Contenido patrocinado

stats