O Convento do Bon Xesús da Limia, declarado BIC pola Xunta

SÉCULO XVI

A Xunta declara Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento o Convento do Bon Xesús de Trandeiras, en Xinzo de Limia, recoñecendo o valor histórico da súa arquitectura do século XVI e a contorna patrimonial do complexo

Convento de Bon Xesús de Trandeiras.
Convento de Bon Xesús de Trandeiras. | Miguel Ángel

A Xunta aprobou a declaración do Convento do Bon Xesús da Limia, situado no lugar de Trandeiras (Xinzo de Limia), como ben de interese cultural (BIC) na categoría de monumento. Este recoñecemento, ao que se lle deu luz verde no Consello da Xunta, pon en valor a excepcional riqueza arquitectónica, artística e histórica desta edificación do século XVI.

O decreto culmina un expediente iniciado en febreiro de 2025 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A nova protección transcende o propio edificio principal e abarca un amplo conxunto patrimonial que inclúe a igrexa, o claustro, os restos das antigas dependencias conventuais e os muros perimetrais. Ademais, o expediente integra o bosque da contorna e construcións auxiliares de interese, como unha alvariza, infraestruturas hidráulicas, varias pías para o curtido de coiro descubertas en recentes escavacións e un forno que foi restaurado recentemente.

Erixido no século XVI e rexido no seu momento pola orde franciscana, o mosteiro constitúe un dos lugares máis emblemáticos da comarca da Limia. Na actualidade, a propiedade está dividida: os restos do mosteiro e as súas dependencias pertencen ao Concello de Xinzo, mentres que a igrexa -que mantén o culto relixioso e goza dun bo estado de conservación tras décadas de rehabilitacións- é da Diócese.

Con esta incorporación, Galicia eleva a 805 o número total de BIC.

Contenido patrocinado

stats