Ezequiel Mosquera fará entrega do VIII Pedra Alta
MUSEO DA LIMIA
A cerimonia de entrega será o vindeiro 6 de decembro ás 12,00 horas no salón multiusos do concello de Vilar de Santos
Os representantes da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia, entre os que se atopaba o presidente, Delfín Caseiro; a vicepresidenta Mercedes Veites; o coordinador Antón Jardón e os vogais Alba e Manuel Traveso, presentaron onte pola mañá na tetería Ágora de Xinzo de Limia os detalles da VIII edición do Premio Pedra Alta, que se lle entregará ao ciclista limiao Carlos Canal o vindeiro sábado, 6 de decembro.
Jardón adiantou que Ezequiel Mosquera, organizador da Volta Internacional “O Gran Camiño” e 2º na Vuelta a España de 2010, será o encargado de de facer a laudatio e entregar o premio, que consiste nunha réplica da Pedra Alta -unha estrutura atopada na Lagoa da Antela- achegada de xeito altruísta polo escultor limiao Xosé Lois Carreira, quen tamén estivo presente no acto. O acompañamento musical estará a cargo de Luis Humberto Cao e Baldemoro Pavón.
O acto comezará ás 11,15 horas cunha xornada de portas abertas no Museo da Limia, antes da cerimonia que comezará ás 12,00 horas no salón multiusos do concello de Vilar de Santos. A novidade desta oitava edición é un xantar de fraternidade e promoción de produtos gastronómicos limiaos no restaurante Novaíño, en Sandiás, en colaboración coa Asociación de Artesáns Limiar, para pór en valor os produtos alimentarios que se elaboran na comarca, incorporándoos ao xantar.
O Padroado do Museo recoñece a Carlos Canal coma “un mozo que xa é deportista de elite no mundo do ciclismo, grazas ao seu esforzo e determinación”, e unha persoa mediante a que renderlle tributo “aos limiaos e ás limiás que usaron e usan a bicicleta para os seus desprazamento e lecer”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último