Mari Carmen, de Calvos de Randín, leva 50 anos en Barcelona: “Alí está a miña vida e familia, pero a tranquilidade da Limia é o mellor do verán”
ENTREVISTA
En 1976, recén casada, Mari Carmen Pérez González (Lobás, Calvos de Randín, 1955) emprendeu a viaxe da emigración cara á cidade suíza de Locarno, aínda que pouco despois se trasladaron ata Barcelona
Mari Carmen e o seu marido acabarían fixando a súa residencia en Barcelona. Na cidade condal traballou durante décadas en, primeiro na costura e despois na limpeza dun colexio ata a súa xubilación. Malia levar medio século instalada en Cataluña xunto aos seus fillos e netos, Mari Carmen nunca faltou á súa cita estival coa comarca, onde mantén a súa vivenda en Xinzo para desfrutar da calma e do reencontro familiar.
Pregunta. Como foi marchar de Galicia?
Respuesta. Marchai de Lobás no ano 1976, recén casada. Primeiro fomos a Suíza, á zona de Locarno, onde estivemos uns seis meses traballando nun restaurante. Despois volvemos ao pobo e de aí marchamos xa para Barcelona, onde levamos case 50 anos. Alí traballei moitos anos cosendo, ata que a espalda me dixo basta, e despois entrei a traballar na limpeza dun colexio ata que me xubilei. Alí fixemos a nosa vida e criamos aos nosos dous fillos.
P. Como se vive ese sentimento galego na casa despois de tantas décadas residindo na capuital de Cataluña?
R. Na casa sempre se falou galego, así que os meus fillos e os meus netos enténdeno perfectamente. Eles criáronse alí e son cataláns, pero encántalles vir aquí no verán; de feito, os netos estaban desexando vir á Limia. Para min Barcelona é unha cidade moi cómoda, vivimos no barrio do Clot, preto dos nosos dous fillos, e estou moi a gusto. Pero o vínculo con Galicia mantense vivo a través da familia e deses costumes que nunca se perden.
P. Por que optaron por Xinzo en vez de regresar a Calvos de Randín?
R. Mercamos o piso en Xinzo hai xa moitos anos porque as aldeas van quedando baleiras e sen servizos. Na aldea xa non hai médica, nin carnecería, nin panadería, e cando vas cumprindo anos necesitas ter certos servizos á man. Xinzo é moi cómodo, tes os médicos preto, podes pasear tranquilamente e tes todo o necesario sen ter que desprazarte. É a mellor opción para vir pasar as vacacións coa familia.
P. Como está sendo este mes que está botando na Limia?
R. En xullo pasámolo moi mal porque o meu marido estivo ingresado dúas veces. Afortunadamente mellorou e puidemos viaxar para pasar o mes de agosto aquí cos netos. Vir á Limia apórtanos moita paz, descanso e a tranquilidade que necesitamos antes de volver á rutina en Barcelona.
Contenido patrocinado
También te puede interesar