O parque empresarial aumentará nun 28,1% a súa superficie actual

INVERSIÓN

As actuacións contan cunha inversión de máis de 7,5 millóns de euros para satisfacer a demanda empresarial existente

Vista xeral do parque empresarial de Xinzo de Limia.
Vista xeral do parque empresarial de Xinzo de Limia. | La Región

A aposta da Xunta de Galicia polo desenvolvemento industrial na provincia de Ourense materialízase na significativa ampliación do Parque Empresarial de Xinzo de Limia. O Goberno galego, a través da empresa pública Xestión do Solo de Galicia (Xestur), destina máis de 7,5 millóns de euros a un proxecto que non só satisfai a demanda empresarial existente, senón que tamén consolida a comarca da Limia como un polo de atracción económica.

A actuación suporá un incremento do 28,2% na superficie actual do parque, sumando 118.670 metros cadrados adicionais. As obras de urbanización, que se atopan nunha fase moi avanzada, marchan a bo ritmo, coa previsión de que as primeiras empresas poidan iniciar a súa instalación ao longo do ano 2026.

Deste xeito, o novo Polígono 2 do parque de Xinzo de Limia ocupará a totalidade dos 118.670 metros cadrados de ampliación. Desta superficie, 86.521 metros cadrados están xa distribuídos en 23 parcelas, das cales 19 serán de uso estritamente industrial e 4 de uso terciario. Un dos puntos clave do deseño é a súa flexibilidade, xa que o proxecto de urbanización permite a agrupación de parcelas, facilitando a instalación de proxectos de maior envergadura, con terreos dispoñibles de ata 33.464 m² para uso industrial-comercial.

A necesidade desta ampliación, impulsada por Xestur, responde ao esgotamento do solo industrial da primeira fase do parque e á forte demanda manifestada polo tecido empresarial. Neste sentido, Xestur confirmou que xa recibiu consultas de interese por parte de 18 empresas para a comercialización desta nova fase. A suma das súas necesidades de espazo ascende a un total de 86.000 m², o que practicamente cobre a totalidade da superficie industrial dispoñible e subliña o éxito da actuación antes mesmo da súa finalización. A localización estratéxica do parque, situado nas inmediacións da autovía A-52, que conecta Galicia coa Meseta, é un factor decisivo que xoga a favor da súa competitividade.

A cabeza do novo solo industrial

A ampliación do parque de Xinzo de Limia enmárcase nunha estratexia da Xunta de Galicia que busca impulsar o solo industrial na provincia de Ourense. Esta planificación persegue non só reforzar as grandes áreas industriais, senón tamén fomentar o reequilibrio territorial e frear o despoboamento nas comarcas do interior.

Actualmente, a provincia de Ourense conta con 10 parques empresariais promovidos polo Goberno galego en funcionamento, que suman máis de 3,2 millóns de metros cadrados. Non obstante, a dispoñibilidade de solo é moi limitada: apenas quedan 25 parcelas libres repartidas polos diferentes polígonos, o que representa só o 2% do total.

Diante desta situación, a Xunta ten en marcha diversas actuacións que suporán case duplicar a superficie actual de solo empresarial na provincia. O obxectivo é poñer a disposición das empresas 2,7 millóns de metros cadrados de solo industrial nos vindeiros anos. Xunto coas actuacións de relevancia xa en marcha nos parques de San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e esta de Xinzo de Limia, a Xunta está a desenvolver novos proxectos en distintas zonas da provincia. Neste senso, atópase actualmente en tramitación a redacción dos PEOSE (Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial) dos futuros parques empresariais de O Carballiño-Maside e Paderne de Allariz, garantindo así a reserva de solo para o futuro industrial de Ourense.

Contenido patrocinado

stats