San Xoán residencia Santa Mariña de Xinzo, unha noite de lembranzas máxicas

ESPANTAR ÁS BRUXAS

Polo San Xoán, a sardiña molla o pan, pero tamén se molla a cara cunha auga moi especial. Esa que se prepara coas herbas do verán e dorme ó orballo. Na residencia Santa Mariña de Xinzo xa teñen todo listo para espantar ás bruxas.

A tradición manda lavar a cara con esta auga a maña do 24 de xuño.
A tradición manda lavar a cara con esta auga a maña do 24 de xuño. | Lucía Otero

Hai unha noite no ano, preto do solsticio de verán, na que a forza da natureza cobra un simbolismo especial. Lume, herbas e auga póñense ó servizo da tradición popular para tratar de espantar ás bruxas. É unha noite de renacemento con fortes raigames na cultura galega que leva centos de anos marcando o inicio dun novo ciclo baixo o mandado dos rituais.

Nesta noite celébrase o nacemento de San Xoán Bautista, primo de Xesús e, xunto a el, o único do santoral a quen se lle conmemora a súa chegada ó mundo; se ben hai quen vincula as tradicións desta noite a tradicións paganas máis vellas có propio cristianismo. Sexa como for, o caso é non faltar a estes rituais pois, crentes ou non, non hai que tentar a sorte coas meigas.

Por iso, na residencia de Santa Mariña de Xinzo de Limia, da Fundación San Rosendo, levan días preparándose para acudir puntuais á cita co San Xoán. Coas sardiñas xa listas para mollar o pan, os residentes deste centro reviviron as tradicións da súa infancia para purificarse a través da auga e das herbas que deixarán durmir á xaneira a noite do 23 para lavar a súa cara con elas a mañá do 24 e valerse dese poder da natureza para dicirlle ás bruxas que aquel non é o seu lugar.

Cortando as flores con moito coidado.
Cortando as flores con moito coidado.

Con coidado e esmero, as mulleres de Santa Mariña separaron as flores para botalas á auga ó tempo que compartían entre elas as lembranzas que lles chegan nesta noite máxica. Mentres, rían revivindo os xogos coas flores de San Xoán, que unhas chamaban estraloques, outras toupóns e outras, simplementes, os sanxoáns.

Rosa María Sánchez ou Pilar Otero son da costa. Do Calvario de Vigo, a primeira e de Cangas, a segunda. No seu maxín transcorren estes días as fogatas da súa infancia, unha na zona de Lavadores e outra a pé de praia.

Recordos por San Xoán

Porén, as súas compañeiras ourensás lembran unha tradición máis baseada nas herbas do San Xoán. No seu Campobecerros natal, Esperanza López, non deixou ningún ano de recoller os estraloques e as rosas do sabugueiro para “facer un ramiño e poñelo na porta principal da casa porque a miña mamá dicía que era a tradición para que non entraran as bruxas. Non sei se entraban ou non pero ella tiña esa tradición e deixouma a min”. Non había festa na súa aldea pero si noutra próxima “e invitábannos á sardiñada que facían”.

“Deixábase a palangana coas flores fóra e para o outro día lavabamos a cara”

A música púñana no pobo de María Colmenero. “Viñan os gaiteiros e eu tocaba a lata para que bailaran, ou unha sartén cunha chave, tátara, tátara”, canta lembrando o ritmo da muiñeira coa que espantaban ás bruxas. “Non as había”, asegura contundente. Pero, por se acaso, “deixábase a palangana coas flores fóra e para o outro día lavabamos a cara”. Non vaia ser…

A celebración do San Xoán na residencia de Santa Mariña de Xinzo forma parte do programa de actividades que desenvolven no centro para facer ós residentes partícipes da vida diaria. Deste xeito, conta a educadora social Marta Fernández, “están contentos, felices e axúdalles a pasar o tempo”. Por iso, “celebramos tódalas festas que podemos para que eles tamén poidan lembrar o que facían antes” e, dese xeito, manter viva a súa memoria dos tempos a través das tradicións.

As residentes foron botando as flores na auga.
As residentes foron botando as flores na auga. | Lucía Otero

Neste caso, ademais de comer as sardiñas o propio día, “fixemos unha decoración dunha fogata que puxemos na porta e cada un escribiu o seu desexo nun papel para poder queimalos e que se cumpran”.

Pero son as herbas as que maior protagonismo cobran nesta xornada. Porque lavando a cara coas flores sobre as que caeu o “orballo de San Xoán” completarán ese ritual no que as bruxas, as meigas e os malos espíritos quedan fóra das celebracións; unhas celebracións que na residencia da capital da Limia viviron coa mesma maxia coa que o sol cambia de ciclo nesta noite chea de tradicións.

Contenido patrocinado

stats