La Región fomenta a tradición dos Maios entre os escolares

Xornal Escolar

La Región convoca un certame que premiará a creatividade dos alumnos de Primaria na elaboración dun maio tradicional, expresión plástica ou a composición de coplas orixinais en galego

Festa dos Maior
Festa dos Maior

Co obxectivo de manter viva unha das manifestacións culturais máis senlleiras da provincia, La Región e o Xornal Escolar convocan aos lectores máis novos e ao profesorado de Educación Primaria de Ourense a participar no concurso “Pequenos Maios, Grandes Tradicións”. Esta iniciativa busca fomentar a creatividade e o traballo en equipo nas aulas a través da interpretación artística desta festa popular.

Os centros educativos teñen a oportunidade de inscribirse desde hoxe mesmo ata o martes 28 de abril ás 12,00 horas, utilizando o formulario dispoñible no portal web de Press Club ou mediante o código QR dos anuncios promocionais. A organización confirmará a participación das clases e categorías o mércores 29 de abril a través das páxinas do Xornal Escolar.

A proposta divídese en tres modalidades que permiten abordar a tradición desde diferentes perspectivas. A primeira categoría, denominada Maio tradicional, céntrase na manualidade e esixe a construción dun maio pequeno con materiais naturais como follas ou flores, respectando unhas dimensións máximas de 20x20cms. A segunda opción é a de Expresión plástica, onde o alumnado debe representar elementos da festa nunha cartolina tamaño A4, tamén incorporando elementos da natureza. Por último, a categoría de Coplas pon o foco na lingua galega, premiando a creación de versos orixinais que non superen as seis estrofas e que se entreguen en formato PDF.

O esforzo dos escolares terá unha recompensa moi especial, xa que o primeiro premio de cada categoría consistirá nunha excursión para toda a clase á Ribeira Sacra, que inclúe un paseo en catamarán e un picnic. Ademais, todos os grupos participantes recibirán diplomas de recoñecemento e todos os traballos formarán parte dunha exposición no Centro Comercial Ponte Vella os días 2, 3 e 4 de maio.

Contenido patrocinado

stats