E agora que?

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 22 abr 2026 - 11:07
E agora que?
E agora que? | José Paz

O que pedía dimisións de todos os concelleiros e do alcalde, o que tachaba de inútiles a todos os funcionarios, o que montaba sempre un espolio en cada reunión plenaria, o que non cobraría o soldo de alcalde e o que ía arranxar todos os problemas dos ourensáns en moi pouco tempo, despois desta imputación de hai uns días ten a oportunidade de demostrar que o que lle esixía ós demais cargos públicos vai cumprilo el e deixa a cadeira de mando. Ou sexa: que dimite. Iso sería ser coherente co que predicaba. O demais son contos dun charlatán.

A situación á que chegamos era algo que estaba escrito de antemán. Supoño que moitos ourensáns lembrarán as palabras do Sr. Feijóo cando afirmou que, se chegaba á alcaldía, Jácome sería letal para a cidade das Burgas"

Non sei o que acontecerá despois da imputación. Mais temo que co andado, Jácome non se apeará do cargo de alcalde desta urbe ida a menos. Alguén, despois de coñecer a nova da Xustiza, díxome: “A ver se as cousas se arranxan e no Concello comeza a endereitarse a situación e esa institución recobra o prestixio que perdeu con este señor. A ver cando comeza en Ourense un tempo de normalidade e borramos da historia municipal estes anos de esperpento. A ver cando o goberno da terceira cidade Galicia afronta os grandes problemas que arrastra Ourense para darlle un futuro mellor ós cidadáns”. Quen esto di non deixa de ter razón, pois ate o momento todos estes anos a anormalidade e a improvisación foron unha constante diaria no goberno desta urbe. Mais se se escoitaran as voces da rúa, a música que soaba era que dentro da casa da Praza Maior algo cheiraba a podre, algo se estaba facendo para o uso persoal e non para ós ourensáns. A xente falaba sen ruborizarse de que o alcalde estaba a facer caixa e, xa se sabe: cando o río sona...

A situación á que chegamos era algo que estaba escrito de antemán. Supoño que moitos ourensáns lembrarán as palabras do Sr. Feijóo cando afirmou que, se chegaba á alcaldía, Jácome sería letal para a cidade das Burgas. Xa sei que logo o partido deste señor, para salvar a Deputación, fixo o contrario dúas veces e aínda lle segue a dar osíxeno a quen está na cadeira de mando. Con todo, sabedor de que as cuestións políticas se arranxan na política, e que a Xustiza ten os seus tempos e as súas fisuras, como os números dan de sobra para unha moción de censura, non estaría mal que se presentara cun candidato alternativo que se comprometera a non ir nas listas nas vindeiras eleccións municipais. Ou sexa, un alcalde de paso para arredar a este frautista de Hamelin da alcaldía e comezar a sanear o Concello, pois seguro que haberá sorpresas económicas que sairán á luz e que teremos que pagar todos. Mais, despois das declaracións dalgúns portavoces, moito me temo de que os grupos da oposición van seguir coa súa verborrea fuxindo desa oportunidade. Primeiro veremos que fai o PP. Pois é o máximo responsabel da situación. Xa alguén me dixo que deixe esa matraca. Ou sexa: que deixe de dar a lata coa moción. Polo que a pregunta que lle dá titulo a este artigo queda sen resposta, e terá que ser unha Xustiza tardía a que faga o seu traballo, e veremos se o fai.

O que si é seguro é que os asuntos desta cidade seguirán esperando unha solución. A Praza de Abastos seguirá sen entrar en servizo, os autobuses urbanos seguirán, xunto a outros servizos moi importantes, en precario, o que implica un gasto moito máis elevado para o Concello que pagaremos todos. E vai ti saber como andan as contas dentro desa casa.

En fin, diante este panorama as forzas vivas da cidade, como os colexios profesionais, as asociacións de veciños, as culturais e demais colectivos, están todas nun silencio que arrepía. E xa se sabe: o que cala... Pode que estean a esperar o que non chega, aínda que nas conversas privadas arremeten contra quen hoxe desgoberna a institución. Atrévome a adiantar que todo seguirá igual e xa veremos o que acontece. Porque si a Xustiza non castiga, ate pode acontecer que a figura deste señor salga reforzada e teñamos que seguir nesta situación moitos anos máis.

Contenido patrocinado

stats