Tempo de vendima en Celanova
Os alumnos do Sagrado Corazón recrearon no centro educativo unha das tradicións máis arraigadas do mes de setembro
O mes de setembro é o da volta á rutina e, no campo, marca o inicio da vendima, unha tradición cun forte arraigo en Galicia e á que renderon homenaxe no colexio plurilingüe Sagrado Corazón de Celanova, cunha xornada especial de lecer, traballo e cultura no seu patio.
Os xardíns do centro, que normalmente son un espazo de xogo, transformáronse nun espazo de viticultura e as vides, con diferentes variedades serviron para que os rapaces aprendesen, de primeira man, de onde vén o viño e como é o proceso. Deste xeito poden conectar coas raíces da terra e, ó mesmo tempo, aprender as tarefas do campo tal e como as facían os seus avós.
A xornada estivo chea de curiosidade e traballo en equipo. Os máis novos non paraban de preguntar, e os mestres respondían con paciencia mentres lles ensinaban como cortar os acios ou por que se esmagan as uvas. Os maiores encargáronse da recollida, mentres os máis pequenos gozaban coa parte máis divertida: “pisar” a uva coas súas mans para extraer o mosto, que todos puideron probar. A roupa e as mans cheas de zume eran a proba dunha mañá diferente e chea de aprendizaxe.
Contenido patrocinado