Os Farrumecos sairán o vindeiro 24 de xaneiro

Entroido

A asociación O Tangaraño recupera este ano a figura da “Rinchona"

Os Farrumecos.
Os Farrumecos. | LR

Uns dos protagonistas do Entroido no Concello de Xunqueira de Ambía, os farrumecos, volverán ás rúas este 24 de xaneiro co comezo do Entroido acompañados da “Rinchona”, unha figura recuperada este ano pola asociación O Tangaraño.

A cita comezará ás 12,00 hora do mediodía, cando os farrumecos -acompañados da Rinchona- sairán por primeira vez este 2026 pola aldea de Busteliño, percorrendo as casas e os seus recunchos para traer a troula de volta.

A Rinchona, a egua do Entroido, é unha persoaxe tradicional do Entroido de Xunqueira que se recupera logo de anos no esquecemento. Está elaborada cun cranio real de cabalo e cuberta cunha colcha antiga, e acompañada dos farrumecos, a Rinchona volverá a facer das súas -levantando saias e roubando sombreiros- á veciñanza, devolvéndolles “unha parte fundamental da memoria colectiva do Entroido”, apuntan deden a asociación.

Dende a organización agradecen de maneira especial o traballo de Xosé Manuel Seixas, quen será o artífice da elaboración da figura. Así, tamén recoñecen a colaboración imprescindible dos veciños e veciñas que axudaron, sendo memoria viva, á recuepración da Rinchona: Teresa Quintas, Toño Cabillas, Toá Vázquez e Gelucha Estévez, “cuxo coñecemento e lembranzas foron clave neste proceso”. A asociación tamén quixo recoñecer o apoio do rexedor local, “que respalda cada iniciativa da Asociación O Tangaraño”. Entre as figuras protagonistas do Entroido de Xunqueira, destaca Rochi Nóvoa, quen leva anos traballando pola recuperación do seu Entroido traddicional e que grazas “á súa teima e compromiso”, foi posible a recuperación destas figuras.

Se ben a festa comezará á media mañá, os asistentes poderán anotarse para o xantar popular do cocido de Entroido, que será o propio 24 ás 14,00 horas. Pola tarde, os farrumecos e a Rinchona achegaranse á aldea de Sobradelo para percorrer as súas rúas antes da troula final, que comezará ás 20,00 horas coa entrega de premios do concurso de mecos e a festa “rachada”. A asociación convida aos veciños e visitantes a participar no concurso de creación e colocación dos mecos polas aldeas do Concello.

Contenido patrocinado

stats