Espadanedo acollerá un concerto contra o lume
28 DE SETEMBRO
A asociación “Os Xuncos” celebra un encontro para apoiar ós gandeiros
O mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo encherase de “música e solidariedade” o domingo 28 de setembro, nun encontro de música tradicional organizado pola Asociación Cultural “Os Xuncos” para estar “ó carón dos nosos gandeiros e gandeiras”, para “abrazalos neste momento tan duro” e, recadar fondos que lles axuden “a levantarse”, explican dende a asociación.
“Eles estiveron en primeira liña, e é unha tristeza enorme ver como se quedaron sen alimento para os animais”, explicou María Alonso, presidenta da asociación, apuntando que a recadación será doada integramente para que “o destinen no que precisen”.
O “Concerto contra o lume” naceu coa idea de “xuntarnos co que mellor sabemos facer, música”. Diferentes grupos e bandas xuntaranse nun mesmo escenario para apoiar a quen “o perdeu todo nos lumes de agosto”. “Nós pensamos en chamar a bandas e grupos da contorna, e todos se animaron sen dubidalo”, explicou María.
No encontro, que dará comezo ás 17,30 horas, participarán nove grupos e bandas dende Casto Caldelas, Arnuíde, Esgos, Trives e Vilariño de Conso, Maceda, Xinzo e Xunqueira de Espadanedo, para “coidar ós gandeiros, que son un piar do rural galego”. Se o tempo o permite, o concerto celebrarase no claustro do mosteiro, e senón farase dentro da igrexa.
Entradas
As entradas teñen un prezo de cinco euros, e poden adquirirse na farmacia, no bar Mosteiro, no bar Muíño ou na Tasquiña en Xunqueira de Espadanedo e en Maceda no Mioco e no Marligo, así como directamente das diferentes bandas e agrupacións musicais que participarán no concerto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ESCENARIO PERFECTO
La danza conquista Espadanedo
II MOSTRA DE GANDO
Xunqueira de Espadanedo presumió de riqueza ganadera local
Lo último