Espadanedo avanza proxectos para o entorno do mosteiro

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

Luis Menor: “De cara ao vindeiro ano, falamos de afianzar a cooperación institucional con proxectos culturais”

Luis Menor e Pablo Graña.
Luis Menor e Pablo Graña. | LR

O novo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, vén de manter a súa primeira reunión de traballo co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. A xuntanza tivo lugar esta mesma semana no despacho da Deputación, co fin de dar continuidade e reforzar a colaboración entre ambas administracións.

Menor apuntou que a reunión serviu para “repasar toda a colaboración exercida pola Deputación nos principais proxectos que atinxen ao Concello de Xunqueira de Espadanedo”, que na actualidade superan os 800.000 euros.

“De cara ao vindeiro ano, falamos de afianzar a cooperación institucional con proxectos culturais”, como é o caso dunha nave que foi adquirida coa axuda da Deputación, “e que agora axudaremos para reformala, acondicionala e poñela en valor”, explicou Menor.

A reunión tamén serviu para avanzar en proxectos deportivos e de humanización no entorno o mosteiro. “Múltiples proxectos que están en marcha e que serán realidade proximamente para mellorar a condición deste Concello cun gran potencial turístico”.

Graña agradeceu ao presidente da Deputación “o gran compromiso que mantén co noso municipio”, avanzando que se materializará “con proxectos moi claros que nos axudarán a mellorar a vida da nosa veciñanza e seguir medrando como concello e no noso potencial como unha das zonas clave da Ribeira Sacra”.

Contenido patrocinado

stats