Galería | Niñodaguia reivindica o saber e legado do oficio cacharreiro coa VI Fornada Tradicional
OLAS COCIDAS
A VI Fornada Tradicional maridou as olas cocidas como antano cos callos, a música e o baile
A aldea de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, regresou onte ao seu pasado máis esplendoroso coa recreación do antigo proceso de cocción da cerámica, no marco da VI Fornada Tradicional. As apañadeiras volveron cargar nas súas cabezas os cestos coas pezas, recollidas o venres nun emotivo percorrido nocturno baixo a luz dos fachós, e fóronas transportando ata o forno comunal. Alí, o lume foi facendo o seu labor coa mesma paciencia coa que os cacharreiros traballan o característico “barro amarelo” autóctono.
A xornada festiva, declarada de interese etnográfico, arrancou cuns parlamentos ante os numerosos veciños e visitantes presentes, vestidos con roupa de época. Agustín Vázquez, mestre oleiro e presidente da asociación de veciños, reivindicou que a olería tradicional de Niñodaguia debería estar catalogada como “patrimonio cultural”, e afirmou que é “triste” que se perda un oficio que foi “sustento da humanidade”, e que actualmente xa só practican na vila o seu fillo, José, e Elías González, en Gundivós. O cacharreiro tamén se lembrou de Estrella, unha apañadeira finada recentemente e homenaxeada onte, membro dunha “xeración esclava, de mulleres que coidaban de nós e dignificaban a nosa provincia”.O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, chamou a pór o tradicional “de actualidade, xa que non hai un hoxe sen un onte”, e avanzou que a Deputación traballa para declarar a olería de Niñodaguia como Indicación Xeográfica Protexida en 2027. Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, falou da cacharrería como “emblema” da artesanía galega, e lembrou que a Fornada forma parte dos eventos que a Xunta recoñece no marco dos Días Europeos da Artesanía.
Finalmente, Pablo Graña, alcalde dende finais de 2025, recordou o “sorriso” de Estrella e a tódalas apañadeiras e cacharreiros “que loitaron por nós e xa non están”, e prometeu pór a olería de Niñodaguia “no mapa de Europa”.
Callos e música
Mentres os cacharros se cocían no forno, arredor de 250 persoas desfrutaron doutra exquisitez feita ao lume, un menú a base de callos. Foi o anticipo dunha tarde de marcado carácter musical, que arrancou cun fiadeiro, e continuou cun obradoiro de baile tradicional da man de Artur Puga. Tamén abriu as portas o museo da olería local e, xa á noite, a cea deu paso a unha animada foliada.
Niñodaguia pechou así un sábado de festa, pero tamén de reinvidicación do orgullo cacharreiro, froito dunha arte transmitida de xeración en xeración, e que foi moldeando a identidade deste pobo coa mestría do seu barro.
Contenido patrocinado