“Houbo que forzar máis dunha e de dúas pechaduras” en Xunqueira de Espadanedo
SEMANA SANTA
O que antes era unha noite de solteiros, hoxe converteuse nunha áncora de comunidade: o Sábado Longo de Xunqueira de Espadanedo, unha tradición que mudou para poder continuar
Malia que cando un pensa no rural galego pode facerse unha idea certamente homoxénea das costumes, labores e tradicións que o identifican, nada hai máis lonxe da realidade.
O Sábado Longo de Xunqueira de Espadanedo é unha destas tradicións, estreitamente marcadas polo contexto sociocultural da contorna, fondamente ligada á gandería e aos traballos agrícolas. De vello, os mozos solteiros da parroquia adoitaban cear xuntos o Sábado Santo para logo saír a facer trasnadas aos veciños, das cales a raíña era “roubar” os carros, antes moito máis frecuentes, aos veciños e colocalos no Mosteiro de Santa María.
Esa noite, na que o alcohol era o mellor aliado, servía como “rito de paso” para os mozos, que nun ambiente de homes -e para homes-, saían por primeira vez de noite, pasando da infancia a adultez. Nicanor, un veciño da parroquia e membro dos Xuncos, foi un destes mozos que aínda se lembra de facelo de novo. “Adoitábamos comezar cara os 17, cando antes de ir á “mili” te medían, pois nesa idade”, explicou.
“É unha tradición case exclusiva de aquí, é un orgullo e alegría para nós que non se perda”, dixo. “Mudou, porque ten que mudar”, reflexionou Nicanor, ao contar que “antes, aos veciños non lles gustaba que trouxeras os carros, pechábanos e gardábanos. Houbo que forzar máis dunha e de dúas pechaduras”, riuse. As mesmas caras de enfado que antes puñan os veciños aos ver os seus carros á porta do Mosteiro, hoxe son caras de ilusión.
A adaptación da tradición pasou por incluír na “subida dos carros” ás mulleres e cativos, que hoxe xogan un papel fundamental na celebración. María Alonso, presidenta da asociación cultural Os Xuncos, contou que a xornada do sábado foi “de maravilla, houbo moita xente para xantar e para os xogos tradicionais da tarde”. “Logo de cear, cara as 23,00 horas, fomos polos carros unha morea de xente”.
Entre eles estaba Sindy, veciña da parroquia, quen contou que este ano “moita xente nova e moitos nenos animáronse, fixo moi boa noite”. Logo de traer os tres carros principais dende Reboredo, A Graña e o Barrrio, a preto de un quilómetro do mosteiro, “estivemos ata as 3,00 horas da mañá”.
A misa da mañá de onte estivo acompañada pola banda de gaitas Os Xuncos, que tamén actuaron logo dos actos relixiosos. “Moi bonito amencer con isto, onte foi unha noite espectacular”, afirmou o alcalde, Pablo Graña, contento de “ver á xente nova involucrarse na tradición, xente que volve apostar por esto e que fai que isto sexa posbile”, agradecéndolle aos Xuncos “que son quen coidan e mercan os carros para hoxe ter unha postal coma esta”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar