CULTURA

O Museo da Limia inaugurará a súa biblioteca no mes de abril

<p></p>
photo_camera Os compoñentes do Consello Asesor do Museo da Limia de Vilar de Santos.

O Consello Asesor reuniuse en Vilar de Santos para perfilar a súa actividade de cara a este ano 2018

O Consello Asesor do Museo da Limia de Vilar de Santos reuniuse durante esta fin de semana para conformar o seu programa de actividades de cara a este ano. Na xuntanza estiveron presentes, entre outros, o presidente do Padroado do Museo, Delfín Caseiro; o coordinador, Antón Jardón ou o alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón.

Un dos puntos máis importantes dos que se trataron foi a posta a punto da Biblioteca da Limia, un espazo que albergará obras de autores da comarca relacionados coas humanidades e tamén coa Baixa Limia. Neste senso, está previsto que a apertura oficial do espazo teña lugar a finais do mes de abril. O Consello Asesor estudará, ademais, a maneira de incorporar na biblioteca a presenza de creadores do ámbito da escultura, da pintura ou do cine, así como doutros materiais editados que garden relación coa comarca limiá.

Conversas na taberna

Na xuntanza de Vilar de Santos, o vicepresidente da Xunta Directiva, André Taboada, explicou a programación e o contido do formato "Conversas na taberna". Trátase dunha serie de foros de debate promovidos dende o propio Museo da Limia.

Este ano as conversas tratarán sobre a pataca, cultivos alternativos ao tubérculo e o 60 aniversario da desecación da Lagoa de Antela.

Por outra banda, o Consello Asesor acordou seguir traballando no plan de promoción da mostra mediante campañas de publicidade coordinadas co Concello e tamén a través das redes sociais. Nesta liña activarase un plan de afiliación de socios.

Premio Pedra Alta

O destinatario do segundo Premio Pedra Alta decidirase na xuntanza que terá despois deste verán. Os membros do Consello comezarán xa a facer as primeiras sondaxes.

Promoción da obra do limiao Antón Tovar 

O Consello Asesor do Museo da Limia decidiu secundar a iniciativa do Concello de Xinzo para propoñer que o Día das Letras Galegas de 2019 se lle adique ao limiao Antón Tovar. Ao longo deste ano traballarase na promoción e divulgación da vida e obra deste escritor nado en Rairiz de Veiga. Por este motivo, a directiva do Museo iniciará unha serie de contactos con responsables do Consistorio de Xinzo para acadar esta finalidade. Tamén se instará dende Vilar de Santos a que Rairiz de Veiga recupere o premio de poesía que leva o nome de Antón Tovar, e se lle adicará o terceiro concurso de Creación Literaria e Plástica, un certame que vén organizando o propio museo en colaboración co Centro de Cultura Popular do Limia. 

Te puede interesar