REPORTAJE

Sube o telón do teatro escolar

Jornadas de teatro en Bande
11-5-15
photo_camera Os cativos durante a xornada inaugural.

O salón de actos do colexio Xaquín Lourenzo "Xocas" de Bande abriu onte o telón dos "Encontros de teatro escolar e amateur" que durante toda a semana acollerá as representacións de ducias de escolares da provincia con motivo das Letras Galegas.

Os cativos de quinto e sexto de Primaria do colexio Xaquín Lourenzo Xocas de Bande non ocultaban onte o seu nerviosismo e impaciencia no acto de inauguración dos "XX Encontros de teatro escolar e amateur" da localidade. As verbas do alcalde, José Antonio Armada, nunha breve intervención na que destacou o traballo feito ao longo destes anos e agradeceu a participación dos centros da provincia, fixéronselles longas para os anfitrions e protagonistas da primeira obra, "A aula de tócame Roque".

O divertido texto que narra o que acontece nun aula de adolescentes indolentes e travesos abriu a programación que, durante toda a semana, congregará a uns 350 escolares de 17 colexios da provincia. "Os nenos viven os encontros con paixón e entrega", subliñaba Isabel Suárez, vicedirectora do Instituto Aquis Querquenis, que colabora co colexio e o Concello de Bande na organización dos encontros que xurdiron fai agora vinte anos polo esforzo e dedicación de dous mestres que daquelas exercían en Bande, Conchita Camiña e Paulino Peña, de conmemorar dun xeito diferente a festividade das Letras Galegas. Ano a ano, o evento foise consolidando e hoxe é un privilexio contar cunha semana de exaltación das artes escénicas que, ás veces, non é frecuente ver na programación dos concellos do rural.

Fomentar o uso do galego e reivindicalo nos textos de Shakespeare, adaptacións de Curros Enríquez ou obras inéditas escritas polos cativos, non é o único obxectivo da organización. "Son unhas xornadas de convivencia con outros centros, porque ademáis de vir aquí a representar o seu texto, os nenos teñen a posibilidade de ver outros traballos e compartir xogos e conversas nos descansos", explicaba a directora do CEIP Xaquín Lourenzo Xocas, Esther Molina, quen destacou que "é interesante e moi gratificante ver o compromiso dos cativos. O éxito de que siga habendo encontros é que os nenos se sintan cómodos con esta actividade. E, como docentes, non podemos obviar que estamos traballando habilidades sociais, facetas importantes na nosa vida que servirán para falar en público, preparar unha oposición,...".

Para os nenos, que casi levan dende principios de curso preparando o texto, o vestiario e mesmo a posta en escena, os encontros son"unha das mellores actividades que se fan no colexio", aínda que algún foráneo tamén comentaba a importancia de perder unhas horiñas de matemáticas ou inglés.

Con todo, cada ano o nivel das obras e protagonistas é maior e os cativos esfórzanse por acadar os aplausos. Así o recoñecía un grupo do Instituto banduense que onte pasou polo salón de actos do colexio para ver "o nivel" dos compañeiros antes da súa posta en escena o xoves.

Te puede interesar