VIDA - ENTREVISTA

A poesía íntima e desacougante da ourensá Arancha Nogueira

A ourensá Arancha Nogueira atopa na poesía un vaso comunicante do seu lado máis íntimo e desacougante, que ve a luz a través de poemarios como "O único lugar onde ficar inmóbil", que vén de ser publicado este ano. Palabras sinxelas, frases impactantes e poemas para ser releídos. Coñezámola pola súa poesía

A poeta Arancha Nogueira.
A poeta Arancha Nogueira.
A poesía íntima e desacougante da ourensá Arancha Nogueira

A biografía literaria de Arancha Nogueira é longa. Comezou publicando en varias antoloxías e gañando premios xuvenís antes de publicar "Andar descalza", gañador do certame "Francisco Añón" de Poesía en 2013. No 2016, chegou o seu segundo recoñecemento, o primeiro premio do certame de poesía da Universidade de Vigo con "(A)fogar", publicándose nunha antoloxía coeditada por Xerais. Dende entón, un non parar. No 2017 foi recoñecida con varios galardóns como o primeiro premio de poesía do Concello de Ames, o primeiro premio literario "Mazarelos" da USC e o segundo premio de poesía "Xuventude Cre"a, da Xunta de Galicia. Tamén publicou en revistas literarias como "Dorna" ou o "Boletín Galego de Literatura". Este ano publicou a plaquette "A capacidade de descomposición da luz", con Edicións Micromundos, e o poemario "O único lugar onde ficar inmóbil", coa editora luso-brasileira Urutau. Por se fora pouco, Arancha Nogueira ten participado en recitais e encontros como "Cultura que Une", entre Galiza e o norte de Portugal, o "Poemagosto", festival de poesía de Allariz, ou "Mar de Muller", en Combarro e pertece á plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

Cóntenos, cales foron os seus primeiros pasos como escritora?

Escribo desde que teño uso de razón! Desde cativa, gañaba premios no colexio e logo no instituto. Daquela escribía relato; foi a partir da adolescencia cando comecei a escribir (case unicamente) poesía. En Madrid, mentres estudaba a carreira, publiquei en varias antoloxías a raíz de premios pero foi a partir de gañar o certame Francisco Añón e publicar Andar Descalza cando todo comezou a ir máis rodado.Ourense. 27/04/18. Portada do vida á poetisa Arantxa Nogueira.Foto: Xesús Fariñas

Este ano publicou o poemario "O único lugar onde ficar inmóbil" coa editorial Urutau, que nos pode decir del?

É un poemario íntimo e desacougante. Penso que ten moito de xeracional, desa sensación de "estafa" que moitas experimentamos neste momento, e da dificultade de lidiar cunha sociedade na que todo é líquido, como dicía Bauman. Todo isto desde un posicionamento feminista, o cal aumenta a sensación de raiba. Supoño que teredes que lelo para descubrilo!

Ten sido recoñecida con diferentes galardóns, que lle aportan?

En primeiro lugar, recoñecemento e azos para continuar escribindo. Pero tamén cartos, algo do que non se fala moito pero é tremendamente importante. A maioría das escritoras vivimos nunha situación de completa precariedade, na que temos que compaxinar a nosa labor creativa con outros traballos e na que moitas veces se considera que facemos isto "por amor á arte". As remuneracións económicas son imprescindíbeis para facer da vida de escritora unha vida digna, como a de calquera outra traballadora.

Que supón para vostede escribir? 

Escribir é expresión mais tamén é comunicación. É a capacidade marabillosa de ter unha voz, de poder chegar a xente e que esa xente atope historias entre o cosmos que ti creaches. Historias que ás veces nin imaxinas. Esa capacidade de diálogo con lectoras, moitas delas descoñecidas, é unha das cousas máis lindas da escrita. Aínda que no momento de escribir aínda non penso niso: inspírame o que me rodea (moitas veces, para mal), as lecturas que fago, as conversas que comparto...

A qué público se dirixe?

A calquera que queira lerme, claro! Se tivese que definir un tipo de lectora que penso que sería propia, supoño que sería unha persoa crítica e sempre curiosa. Feminista, por suposto. E sensíbel, como non. 

Poesía e tempos actuais, funciona ese maridaxe?

Abofé! Sei que a poesía ten sona de antiga, pero a verdade é que non sei por que, xa que nunha sociedade cada vez máis individualista, de capitalismo e patriarcado salvaxes, pode ser un lugar de resistencia, de identificación e de conforto. A arte en xeral, como sempre o foi, é crítica e pulo para a acción. E unha arma cargada de futuro, que dicía Gabriel Celaya. 

Cal cree que é a principal complicación de escribir poesía?Ourense. 27/04/18. Portada do vida á poetisa Arantxa Nogueira.Foto: Xesús Fariñas

Supoño que a de calquera cousa que se realice con paixón e pondo moito dunha mesma. O deixarse levar demasiado por esa parte da vida descoidando outras, a decepción (propia e allea), a dificultade de facer unha vida diso ou que che tomen en serio (como comentei antes...). Pero facendo balance, penso que trae máis cousas positivas que negativas.

Algún proxeto que poida desvelarnos?

A segunda edición de o único lugar onde ficar inmóbil está en camiño, e polo tanto temos en mente varias presentacións pola xeografía galega (tamén en Ourense). Alén diso, estou preparando algo para unha antoloxía e teño en mente algunhas cousiñas para un vindeiro libro. Aínda non podo contar moito máis!

Onde podemos mercar os seus libros?

Por agora están dispoñíbeis nas librarías Lila de Lilith e Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela, e tamén na páxina web da editora Urutau. Moi pronto teremos máis puntos de venda físicos.