Opinión

O profesor queimado

Desde sempre os compañeiros de estudos se xuntaron para lembrar as experiencias vividas naqueles anos de xuventude. Desde sempre se falou que o bacharelato de antes era o mellor. Que o rancio autoritarismo converteuse en libertinaxe. Que os tempos mudaron e imos a pior. Así, mergullados nas lembranzas, non quero nen podo esquecer as clases do benquerido Camilo Brandín, cando na Escola Universitaria de Ourense nos falaba dos tipos de mestres que había daquela nas escolas. Aínda que non estabamos moi atentos ás clases, aquilo chamara moito a nosa atención. Penso que dalgún modo, cada un tentaba identificarse con algún profesor dos que se nos presentaba. A dia de hoxe, pasados 25 anos, despois da LOGSE (1990), do intento fallido da LOCE(2002), da LOE (2006) coa profunda reforma que daría forma á LOMCE (2013), a tipoloxía do profesorado ampliouse. Tantas leis son froito do enorme poder que posúe a educación na mau dos gobernos. Demasiados exemplos existen no mundo. A educación pode chegar a ser un medio de conformar unha sociedade con unha ideoloxía concreta. Agora que tanto se fala do declive ideolóxico, os gobernos aplican as súas maiorías para impor os seus criterios. Interesa moi pouco que as persoas pensen por si mesmas, e teñan un criterio propio. Aínda vivindo en países demócratas, resulta moi tentador conducir ás persoas cara unha opción, apoiada polas leis educativas, co obxectivo de que ese goberno permaneza o maior tempo posible no poder. 

O novo tipo de profesor, froito de tanta loita lexislativa é a do “profesor queimado”. Cando a convivencia nos centros está ameazada, despois dos alumnos, que son os primeiros que sofren estas situacións, está a profesorado. A falta de autoridade supón unha ausencia de normas que conducen a unha situación absurda, imposible de xustificar. Por fortuna, o profesorado sobrevive a todos eses ataques grazas á súa vocación, pero é fundamental a axuda das familias. A participación de nais e pais nos órganos consultivos, supón un enriquecemento na convivencia e na labor do profesorado. Sería desexable que volvesen a ser órganos de goberno, pois así naceron e funcionaron. Para que iso mude, o pacto pola educación tería que materializarse canto antes. E non ten moitas trazas que iso aconteza.

Na actualidade o profesor queimado non acada a autoridade de abaixo cara arriba. Carece dos medios axeitados para iso. A confianza dos alumnos e das familias no profesorado é determinante para optimizar a aprendizaxe. Como consecuencia desa confianza agroma a autoridade, desde abaixo. O profesor debe transmitir valores, avaladas por actitudes, moito máis que conceitos refrendados en enciclopedias. Sen unha dinamización das escolas, con proxectos de innovación nos que os alumnos son participantes activos, voltaremos á memorización de contidos e á recitación de retahílas sen sentido. E para iso, os alumnos excusaban ir ás escolas. Por outra parte, con tan só 5 horas lectivas resulta imposible avanzar sen o estudo persoal nos fogares. As familias sofren unha crise interna transitoria, cando se decatan que os nenos precisan da súa axuda cada día. Decátanse de que o tempo que tiñan antes para outras actividades lúdicas, agora son dos nenos. Cando a situación se asimila con naturalidade, o alumno crea recusos de autonomía, e todo volta a ser máis sinxelo. Se polo contrario a crise se enquista, o profesor queimado ten máis traballo e os resultados non son satisfactorios.

Un pacto pola educación axudaría a que os profesores queimados, e tristemente desmotivados, voltasen con ilusión ás aulas. Ese pacto segue a depender dos poderes políticos, que non coñecen, nen recoñecen ao “profesor queimado”.

Te puede interesar