Opinión

A torre de Sandiás e a revolta irmandiña

Os restos da torre de Sandiás, visibles dende a autovía A-52 e mais a Nacional 525, foron lugar de enfrontamento nas liortas do rei Alfonso Enríquez, o duque de Lancaster e as máis que xustificadas iras dos Irmandiños, acompañado polo enigmático e conflitivo Pedro Madruga. 

As non sempre completas e fidedignas investigacións efectuadas por historiadores parecen confirmar a presenza dos romanos nas chairas terras do concello de Sandiás, confirmada polos importantes achados de diversos miliarios e reforzada pola presenza da calzada romana que cruza o concello e que comunicaba ás importantes poboacións de Braga con Astorga.

A fermosa explanada da Limia atopábase, no seu día, protexida por catro construcións de carácter defensivo: Sandiás, A Pena, Forxa maila actualmente desaparecida de Celme, esta última con asento no concello de Rairiz de Veiga.

A torre do Castro, tal e como é coñecida polos veciños de Sandiás, construíuse sobre os restos dun antigo castro situado estratexicamente no lugar, que permitía un control total visual sobre o territorio circundante.

Variadas e fermosas lendas relatan a fundación deste castelo, sen dúbida, un dos máis historiados da provincia, que o relacionan con Bernado de Carpio no século IX. Nembargante, ata o século XII non se documenta a súa fundación con carácter real. O nome do concello parece orixinario de Sancho Díaz (San-Díaz) ou de Sancho Ioannes, primeiro señor desta terra. Os habitantes desta terra participaron, ao igual cos seus veciños, nas guerras fronteirizas pola posesión do condado da Limia nas liortas existentes entre o monarca Alfonso VII, rei de Castela e León, e o seu homónimo portugués, Alfonso Henríquez. No ano 1386 sufriu o asalto do duque de Lancaster, pretendente á coroa de Castela. No século XV foi posesión de Alonso Pimentel, conde de Benavente, figura significativa da nobreza castelán en Galicia. Na revolta Irmandiña, aínda insuficientemente estudada, reveláronse as xentes tanto de pobos como das vilas ante os continuos desmandos e males cometidos polos poderosos nobres, prelados, señores e donos dos castelos, o que ocasionou unha grande revolta que derrubou con saña a maior parte destas edificación militares así como as torres existentes en Galicia, entre elas a que comentamos, obrigando a fuxir aos seus propietarios cara a Portugal. Na primavera do ano 1469 a nobreza unida contraatacou vencendo ós Irmandiños, obrigándoos a reconstruír algúns castelos e torres polos mesmos autores da súa desfeita. Na guerra hispano lusitana, durante o século XVIII, a edificación de vixilancia volveu a adquirir certa relevancia por ser punto de concentración das tropas para a súa distribución ao longo de diferentes puntos da fronteira, durante o episodio coñecido como a Guerra de Sucesión española (1704-1715).

A primitiva traza do castelo desapareceu por mor do derrube dun dos lenzos, de tres metros de espesor, que afectou gravemente á seguridade da verticalidade da Torre do Homenaxe. Contaba, no seu día, de soto, tres andares maila terraza superior. Dende o seu pé admírase unha fermosa panorámica da antiga lagoa da Antela así como do val da Alta Limia.

Te puede interesar