Un sentimento profundo... parabéns UDO!

Publicado: 02 jun 2026 - 05:41
Himno UD Ourense
Himno UD Ourense | La Región

AUnión Deportiva Ourense acadou un merecido ascenso a pesar de que non era este o obxectivo a principio de tempada e a pesar tamén das erráticas decisións de última hora da Real Federación Española de Fútbol.

É o momento de lembrar o longo camiño percorrido pola UDO dende as categorías inferiores do fútbol provincial e, sobre todo, de agradecer o labor das distintas directivas, dos distintos equipos técnicos e dos moitos xogadores que defenderon a camiseta vermella durante todo este tempo.

Cinguíndonos a esta tempada que acaba de rematar, hai que felicitar a tódolos compoñentes do equipo por tan meritoria campaña, dende os máis veteranos ata os de máis recente incorporación e, por enriba de todos ao adestrador Borja Fernández, que manexou con mestría -como se puido ver nos partidos de promoción de ascenso- un grupo de xogadores que non estaba deseñado para tan altas metas como as acadadas.

A participación en primeira federación non vai ser doada e precisará do apoio non so dos socios actuais senón dos moitos afeccionados que encheron o campo nos partidos de promoción

Cómpre destacar e agradecer tamén o papel da afección, dos socios que acoden a tódolos partidos da casa e especialmente aos que fan notar a súa animosa presenza nos partidos xogados lonxe do campo do Couto. A participación en primeira federación non vai ser doada e precisará do apoio non so dos socios actuais senón dos moitos afeccionados que encheron o campo nos partidos de promoción, aos que debemos animar para que pasen a retirar os carnés co obxecto de incrementar de xeito significativo a base social ourensanista.

Xa padecemos hai anos as consecuencias de metérmonos en aventuras e proxectos megalómanos; ademais acabamos de ver casos moi próximos que nos deben servir de advertencia para actuar con prudencia e sentidiño. Continuando a mesma liña de traballo que nos trouxo ata aquí e sendo conscientes das nosas posibilidades, poderemos seguir sentíndonos orgullosos do noso equipo na nova categoría que vimos de acadar.

Ao pouco tempo de iniciar a súa andaina, alá polo ano 2015, a Coral De Ruada quixo apoiar este proxecto gravando un himno para a UDO; compúxoo o noso director Xoán Antón Vázquez Casas sobre unha letra que eu mesmo escribín e que comeza: Un sentimento profundo / un orgullo, unha emoción… Que así sexa por moitos anos. Parabéns.

Contenido patrocinado

stats