Editorial
EDITORIAL
Plaza de Abastos: paradigmático disparate de Jácome
Hai uns días nunha sala do Liceo, presentado por Nemesio Barxa, primeiro presidente da Asociación Cultural Auriense, Carlos Guitián falaba da súa andaina vital, e como non daquela fermosa experiencia asociativa que naceu en novembro de 1967 ó abeiro da lei de asociacións de 1964 en plena ditadura franquista. E facíao coa emoción de ter vivido ós primeiros pasos do espertar dun galeguismo proscrito ás catacumbas polo réxime que odiaba e menosprezaba a nosa cultura.
Este home miúdo, pero enérxico, relataba que fora en Cataluña nun congreso médico onde a súa conciencia galega espertou e con ela tamén o compromiso de defender a nosa personalidade e ás xentes que falaban unha lingua prohibida pola legalidade do momento. Así relatou, entre anécdotas, e valéndose de recordos e da prensa do momento, como se desenvolvía a vida naquel Ourense e a súa relación cos chamados vellos galeguistas. Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Florentino Cuevillas e un longo número de persoas que apoiaban aquel proxecto, nunha cidade aterida polo frío das prohibicións dun réxime que controlaba todo agromar cultural alleo o "Movimiento". Igualmente contaba como, certo día, canso de ver como os nomes dos nosos pobos, aldeas e vilas eran brutalmente deturpados, tomou a decisión, pincel en man, xunto coa súa dona, de corrixir os nomes espallados pola xeografía ourensá. Iniciativa que logo se espallou por toda a nosa terra poñendo de releve un problema ate o momento calado por medo á represión. O xornalista galego Fernado Ónega, no xornal Arriba, dicía que unha man oculta e anónima corrixe os nomes castelanizados, polo que algo acontece en Galicia cando a xente non se identifica cos nomes oficiais e sigue a chamarlle ós lugares co nome que sempre tiveron.
Carlos Guitián foi neses anos un home teimudo pois, seguindo o seu compromiso coa terra e cos vellos galeguistas, coa súa rebeldía demostrou o seu amor e constancia pola mesma. E optou por loitar pola dignidade da lingua dun país e das súas xentes cando todo o galego era ridiculizado en distintas partes e lugares pola vida oficial gobernante. E nesa loita pola dignificación do idioma incorporou o galego falado e escrito a súa vida profesional e nos informes sanitarios. Participou na vida política como candidato ó Concello polo PSG, Partido Socialista Galego, e posteriormente no BNG, e animou e axudou en cantidade de reivindicacións de temas sociais e políticos que acontecían nos anos posteriores á chegada da democracia.
En fin, Guitián foi para moitos un modelo de persoa que, procedendo dunha familia acomodada, optou por tomar parte a favor dos que naquel momento eran os menosprezados. A charla amable, evocadora e chea de lembranzas, onde saíron á luz cuestións descoñecidas para a maioría social desta cidade á que fixen referencia ó comenzo, foi un acto máis para coñecer e escoitar a unha persoa positiva que con mente lúcida aínda ten hoxe moito que contarnos. Celebro que o próximo 29 de abril, cando este senlleiro ourensán cumpre 90 anos, un grupo de amigos o agasalle cunha homenaxe, pois as persoas comprometidas socialmente coa súa cidade e coa súa terra son merecentes do cariño, aprecio e distinción de todos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Editorial
EDITORIAL
Plaza de Abastos: paradigmático disparate de Jácome
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Extraños compañeros (de cama)
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
Al otro lado del Miño
Mariano Muniesa
PAPELES DEL ROCK
Nanas de la cebolla: Obituario para Steve Cropper (con permiso de Miguel Hernández)
Lo último