Dato xa non mata relato

Publicado: 14 may 2026 - 03:10
Dato xa non mata relato
Dato xa non mata relato

Gonzalo Pérez Jácome leva desde 2019 á fronte do Concello de Ourense cun salario público en réxime de dedicación exclusiva. Quen ocupa un cargo coma este non pode compatibilizalo con actividades privadas agás autorización expresa do pleno municipal. A Fiscalía documenta que o rexedor obtivo durante eses anos 162.000 euros brutos anuais en negocios propios, cantidade superior ao dobre da contraprestación no Concello. Máis dun millón de euros ingresou nunha única conta persoal entre o inicio do seu mandato e 2024, segundo o organismo estatal de prevención do branqueo de capitais. Consta no sumario que Jácome sabía que lle denegarían a autorización se a solicitaba: por iso presentou e retirou a solicitude minutos antes dun pleno en agosto de 2019, pouco despois de ser investido.

A compatibilidade entre cargo público e actividade privada non se lle demanda nin á Fiscalía nin a medios de comunicación. Hai que solicitala diante da corporación municipal, que é o órgano con atribucións para concedela ou denegala. Os posts de Facebook do alcalde nos días seguintes á imputación non abordan este punto en ningún momento. Cita a Shakespeare para equiparar a causa a “ruído político”. Cuestiona a independencia do Ministerio Público, posto de libre designación que cambia con cada relevo na Moncloa. Apunta supostas contradicións nos escritos do fiscal. Vindica a lexitimidade de posuír propiedades privadas. Descualifica a propios e estraños. Todas son respostas a preguntas que ninguén formulou. O marco narrativo cobizado é o da persecución política, ben que a instrución formula outra interrogante.

O cruceiro MV Hondius chegou a augas canarias con varios casos confirmados de hantavirus a bordo. O presidente desta comunidade autónoma, Fernando Clavijo, opúxose ao seu atraque argumentando que os ratos do barco podían nadar ata a costa e contaminar a poboación de roedores locais. Para apoiar esa hipótese exhibiu unha captura de pantalla dunha busca de intelixencia artificial que confundía ratas portuarias con ratos colilargos patagónicos, especie boscosa inexistente nestas latitudes e único reservorio coñecido do virus. O ditame ministerial desmentía punto por punto ese argumento. Clavijo acusou recibo do informe científico, pero seguiu coa súa teima malia que a hipótese fora declarada imposible. O marco narrativo -Goberno que impón riscos ao pobo, presidente que o defende- operaba con plena eficacia independentemente de calquera evidencia.

España leva até seis procesos de regularización extraordinaria desde 1986, que beneficiaron a 1,25 millóns de persoas, impulsadas indistintamente por gobernos do PSOE e do PP. O actual en curso conta co respaldo explícito de empresarios do campo, da construción, do transporte e da hostalería, e mesmo co apoio da Igrexa católica. Alén da conveniencia económica e consenso social, nada disto freou os bulos. Difundiuse que o Goberno pagaría 2.800 euros mensuais a cada regularizado, o que era verificablemente falso. A idea de que os beneficiarios poderían votar en 2027 era imposible pois a medida outorga residencia temporal, non nacionalidade. A leria de que inmigrantes de Alemaña ou Francia acudirían en masa tampouco tiña base, pois o decreto esixe residencia previa en España. Un suposto efecto chamada tamén foi desmentido por estudos académicos independentes e lonxitudianis. O marco narrativo buscado é o da invasión e pillaxe de servizos e recursos do Estado. Ningunha das anteriores regularizacións xerou este nivel de alarma. A diferenza non reside na medida, senón no ecosistema político que a rodea.

Daniel Kahneman documenta a existencia de dous modos de procesamento mental asimétricos no cerebro humano. O primeiro, rápido e intuitivo, interpreta o mundo antes de que o segundo, lento e deliberativo, formule ningunha obxección ao que se nos presenta. Cando os contos sobre axudas imposibles a prol de inmigrantes, ou ratos que nadan cara á costa canaria, chegan ao receptor, o procesamento emocional non espera verificación. Os relatos de ameaza percíbense como verdades antes de ser cuestionados. Un estudo publicado en Science, revista científica de maior impacto mundial, analizou 126.000 cadeas de difusión en Twitter con tres millóns de usuarios e concluíu que as noticias falsas viaxaban seis veces máis rápido que as verdadeiras. A desinformación eficaz apela sempre ao intuitivo, nunca ao reflexivo.

A intoxicación non é gratuíta nin espontánea. Cando PP e Vox incorporaron o principio de “prioridade nacional” aos pactos de Goberno en Estremadura e Aragón, inspirándose na dereita radical francesa, estaban codificando nunha proposta política o que os bulos construíran no imaxinario colectivo. A idea de que os inmigrantes ameazan o sistema de benestar é o terreo sobre o que se erguen as políticas de exclusión. As falsidades non son a consecuencia da polarización. Son a súa materia prima. Que Jácome reaccione ao sumario con Shakespeare e conspiracións, en lugar de argumentos xudiciais, responde á mesma lóxica. Ese primeiro sistema non precisa razóns, só sentimentos. E cando ese terreo está suficientemente abonado, xa non fai falta mentir. Abonda con presentar como sentido común o que antes era indefendible. Chegados a ese punto, o dato xa non mata o relato.

Contenido patrocinado

stats