Opinión

Pop e rock galego en feminino

Éun pracer escoitar os novos traballos que me foron chegando de solistas e grupos galegos que seguen loitando contra vento e marea por ter un espazo importante dentro do dificilísimo mercado do disco e dos concertos. Estou agardando con expectación polo novo traballo íntegramente en galego da querida Lucía Pérez, do que xa nos ofreceu un adianto recentemente coa impecable versión de “A Rumboia” no programa navideño de nenos da TVG, onde anunciou colaboracións importantes como a da sempre estupenda Susana Seivane. Canto me alegro desas fusións de estilos que noutrora serían impensables e que por sorte cada día son máis frecuentes.

Como tamén é máis frecuente ver que os nosos artistas triunfan fóra das fronteiras do “Telón de Grelos”, como é o caso de Lydia Botana, cun impecable disco titulado “Vuelo” do seu proxecto “Bolboreta”, cunha proposta internacionalista na que a mestizaxe é o sinal de identidade e o preciosismo é carta de presentación, cunha deliciosa estética enriba do escenario que fai que te enamores dela e da súa música desde os primeiros acordes saídos do colorido acordeón que a acompaña sempre. Non esquece tampouco a artista o seu labor pedagóxico cos máis pequenos, cunha proposta de música infantil titulada “De aquí para alá”, que a leva a impartir docencia, e participar en cursos, obradoiros e simposios de pedagoxía musical en calquera parte do mundo. Todo un luxo nacido en Culleredo e que seguramente moitos galegos e galegas aínda non descubriron, un luxo cheo de cor, de positividade e de excelentes cancións nas que conta con colaboracións de artistas húngaros, marroquís, nixerianos ou arxentinos; con letras que falan do respecto á terra e ás persoas, independentemente do lugar de onde procedan, nun mundo sen fronteiras e con igualdade. Case nada.

E sigo falando de mulleres, neste caso da que dá título ao último disco da banda boirense “The Lákazans”, grupo do que falo con coñecemento de causa porque o teño seguido nalgúns dos seus concertos en directo, onde demostran que son unha das bandas máis potentes do solo patrio. O novo disco destes bos amigos titúlase “Sandwina”, en claro homenaxe ás mulleres fortes, que choran, que rin, que gozan e que sofren; mulleres como a vienesa Kate Brumbach, que dedicou a súa vida ao circo facendo levantamento de peso e consagrándose como a muller máis forte do mundo, batendo a marca masculina que ostentaba o que ata entón era o home máis forte, Eugen Sandow. E esa xustamente era a intención de Lákazans cando buscaron título para o seu novo disco, a imaxe dunha muller non soamente destacada pola súa forza física, senón por facer oco e conquistar un mundo dominado por homes; como o conquistan as dúas vocalistas do grupo, Sabela e Almudena, mandando no escenario con forza, beleza, sutileza e poderío.

Despois de cinco anos traballando e con máis de 300 concertos ás costas, aquí chega de novo  “The Lákazans”, con música potente, con maior presenza da percusión e cun son que eles buscan entre o antigo e o moderno, conservando, ao seu dicir, a esencia do blues e o country tradicional. Non sei que teñen as terras de Boiro que botan ao mundo bandas como esta ou como “Agoraphobia”, grupo feminino de culto para moitos e moitas incondicionais do rock alternativo que están impactando co seu “Incoming Noise”.

Te puede interesar