A arracada, unha xoia da coroa para Vilar de Santos
O Centro de Cultura Popular do Limia e a Deputación veñen de publicar unha separata de Bieito Pérez Outeiriño sobre unha peza emblemática e datada no século III antes de Cristo.
Na sala de acceso ao Museo de Vilar de Santos, nunha vitrina de cristal e sobre un manto de cor verde, brilla de xeito especial a réplica da arracada, unha xoia áurea do periodo castrexo e mostra da ourivería galega e do norte de Portugal. A peza, descontextualizada, foi atopada por un veciño -Benito Saburido- nun entorno coñecido co nome de Albariño, en Vilar de Santos, no ano 1924.
Sobre esta peza, da que se conserva a orixinal no Museo Arqueolóxico Provincial -logo de ser adquirida pola Administración Xeral do Estado no ano 79-, o arqueólogo e facultativo de museos natural de A Merca, Bieito Pérez Outeiriño, escribiu unha separata que vén de ser publicada dentro do proxecto da Revista Lethes polo Centro de Cultura Popular do Limia e a Deputación de Ourense. Esta iniciativa forma parte dun plan do Museo da Limia e do seu padroado para achegar o patrimonio cultural á sociedade: “O patrimonio se ten un valor non é o económico. Sempre se tende a falar do que vale, pero non. Trátase dun valor cultural”, asegura Pérez Outeiriño.
Bieito comezou a estudar a arracada na década dos 70 e continuando coas achegas que xa fixera o ourensán Florentino López Cuevillas nos anos 30. “A peza ten unhas características moi interesantes no travesaño e unhas aves que son mostra dunha simboloxía importante. É singular por cuestións técnicas, constructivas e decorativas. Esto animoume tamén a profundizar na ourivería castrexa”, conta o arqueólogo ourensán.
A peza, de ouro e única na provincia, estaría datada entre os séculos III e I antes de Cristo. “É semellante, en canto á súa forma, a pezas do norte de Portugal”, sinala Bieito. Neste caso, empregábanse como pendentes que penduraban cunha cadea. Do mesmo xeito, remataban nun triángulo. “Culturalmente é o mesmo, voltamos á cultura castrexa”, engade o arqueólogo.
O arqueólogo apoiouse tamén para os seus estudos na ourivería castrexa e nas arracadas de Galicia. “Hoxe trabállase con outros métodos e tecnoloxía que, na época na que eu o fixen, non existían”, lembra Bieito. “A arracada de Vilar de Santos ten moita información aínda agochada e por descifrar”, engade.
Unha das incógnitas pasaría por coñecer a quen pertenceu e en que momentos se empregaba, é dicir, se se trataba dunha peza ritual ou ceremonial, ou un distintivo de etinia ou clase. Tampouco se sabe se eran homes ou mulleres os que a levaban. “Penso que con esta separata contribúese a difundir o interese que ten esta peza. Está descontextualizada -que apareceu sen ningún outro elemento preto-, por desgraza, pero está vencellada e leva o nome de Vilar de Santos”, cunclúe Pérez Outeiriño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último