A ferrería renace en Trandeiras

Reportaje

Render homenaxe aos ferreiros de antano mantendo vivo este oficio tradicional é o obxectivo de Diego Rodríguez, quen converteu a casa familiar de Trandeiras, en Xinzo, nun pequeno taller onde amosar esta arte.

O limiao Diego Rodríguez, no seu taller de Trandeiras que antes foi o fogar dos seus avós (JOSÉ PAZ).
O limiao Diego Rodríguez, no seu taller de Trandeiras que antes foi o fogar dos seus avós (JOSÉ PAZ).

O derradeiro ferreiro tradicional de Trandeiras faleceu hai máis de medio século. Unhas cantas décadas máis atrás houbo un en cada pobo da Limia. Hoxe, en pleno 2020, un bombeiro de Xinzo chamado Diego Rodríguez, de 37 anos, reviviu este mítico oficio para poder ensinar aos máis cativos o valor de forxar pezas únicas e exclusivas, con traballo, dedicación e con todos os sensos postos nese acto: o valor do feito pola man do home. "Comecei a seguir a un mestre toledano que tiña unha ferrería e que, logo da crise do 2008, se reinventou e empezou a facer cursos para a xente. Tamén teño lido libros do 1800 para aprender as técnicas vellas", recorda Diego. "Nese momento fixen algunhas cousas en ferro e forxa artística: barandillas, cabeceiros de cama, banquiños... todo feito a man. Tamén realizo algo de cuchillería para min ou algún amigo", engade. E é que este ferreiro "por afección" -como el mesmo se define- agasalla á xente mais cercana coas súas creacións. "Eu non vendo nada. Se me ven un amigo e me di que lle faga un cuchillo, pois eu fagoo. O meu único obxectivo é recuperar os oficios perdidos e renderlle unha homenaxe aos desaparecidos ferreiros. Este é un traballo lento e arduo. Se quixera sacar un rendemento económico tería que vender as pezas moi caras e ninguén as compraría", conta o bombeiro limiao. "En todos os pobos había un ferreiro que arranxaba as ferramentas dos labregos e facía ferraduras, pero esto acabouse. De aí que eu quixera recuperalo", engade.

Diego ten o seu pequeno taller dentro da que fora a casa dos seus avós. El mesmo fixo algúns elementos necesarios como o fuelle -unha recreación da que existía na Saceda- e herdou outros como os martelos de mans do seu pai e do seu avó. "Esta casa xa ten historia porque unha avoa da miña nai tivo aquí un tear. Aquí xa había tradición de oficios e manualidades", recoñece Diego. "Tamén, por parte do meu pai, un avó del era moi 'manitas'. Pegáballe a todo: ferro, madeira... era un auténtico artista", engade. Dentro deste antigo taller, Diego exhibe a modo de pequeno museo, algunhas das pezas feitas e as súas primeiras "prácticas": un banquiño torneado a man, cabeceiros, ou coitelos feitos con pezas de camión. "Gústame que queden as marcas do martelo, que sexa un coitelo con personalidade e tradicional", conta o ferreiro de Trandeiras. "Segundo sexan pezas de ferro ou aceiro, traballamos dende os 800 aos 1.400 graos", engade.

No proceso de tratamento do ferro, o ferreiro emprega carbón mineral e de uz (brezo) que é o que se fai no monte. "O que me gustaría é que o oficio se manteña un pouco máis no tempo. Disfruto falando cos vellos e que me conten estas cousas, polo que me gustaría que os nenos do futuro -o seu fillo de oito anos xa se iniciou nesta arte- tiveran un ferreiro ao que preguntarlle", asegura Diego, quen quere conformar a asociación "Amigos da forxa" en Trandeiras."Teñen vido de Limisi, familias, fotógrafos... ¡e moitos veciños!".

Contenido patrocinado

stats