Montalegre e Portugal festexan a súa revolución de liberdade e democracia
25 DE ABRIL
Como cada 25 de abril, os habitantes da localidade arraiana de Montalegre celebraron este venres a Revolução dos Cravos, que en 1974 supuxo o principio do fin de medio século de ditadura e represión
A escasos quilómetros da Raia, Montalegre e o resto de Portugal viviron este venres un día “feriado” polo 25 de abril. A diferenza doutros estados, os veciños lusos celebran cunha festa o fin de 48 anos de ditadura do Estado Novo, o período máis escuro da súa historia recente. Conmemoran unha conquista, a da democracia e as liberdades, que “cómpre defender e nunca dar por garantida”.
Con motivo da ocasión, dous “cravos” enormes presidiron a Praça do Município. Aos seus pés puxéronse varios floreiros con caraveis, que a veciñanza foi recollendo e lucindo con orgullo. As flores vermellas, o maior símbolo da revolución xunto coa canción “Grândola, Vila Morena”, do Zeca Afonso, estiveron por todas partes.
Ás 10,00 horas arrancou o acto institucional, no que a Banda Musical da Parafita interpretou o himno nacional ante políticos, cidadáns e os bombeiros de Montalegre e Salto. Posteriormente a xornada incluíu unha “caminhada da liberdade” e un multitudinario almorzo comunitario no pavillón.
Memoria colectiva
Medio século máis tarde, os veciños de Montalegre que viviron o 25 de abril lémbrano coma se fora hoxe. É o caso de António Dias (1951), militar naquel momento en Tomar.
Con apenas 23 anos, recorda que “aquel foi un día diferente. Ás 6,00 horas xa estabamos formados e armados, intuíamos que algo pasaba. Tres horas máis tarde, os oficiais confirmaron o que xa escoitáramos na radio. Permanecimos alerta, pero por sorte todo saíu ben”.
A Mário Mendes (1941), en cambio, o alzamento colleuno traballando nas minas de wolframio de Borralha, en Salto. Tras unhas horas de incerteza, a consolidación da revolución “abriu por fin á porta ás reivindicacións laborais e ás conquistas de dereitos para os obreiros”, afirma este veterano sindicalista.
Malia ser daquela unha nena, Luisa Rodrigues (1961) vivira dende pequena a “marxinalización” froito da oposición da súa familia ao réxime de Salazar. En recordo dos seus pais, que “finalmente puideron vivir nunha democracia”, agora cóntalle a súa historia “á miña neta”.
“Unha obriga cívica”
Preguntada pola importancia de festexar a conquista da liberdade, a presidenta da Câmara de Montalegre, Fátima Fernandes, chama a preservar a democracia “hoxe máis do que nunca” nun momento no que volven “as guerras, os fundamentalismos e o odio aos dereitos das persoas”, polo que celebrar o 25 de abril “é unha obriga cívica”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SIEMBRA APURADA
Las patatas limiás sufren la intensidad de las tormentas
PRODUCTO ESTRELLA
¿Cuándo plantar las patatas en A Limia? Así se preparan los agricultores
Lo último
INFARTO AGUDO DE MIOCARDIO
Iker Casillas reclama 3,7 millones de euros por las secuelas del infarto que sufrió en 2019
"LA DECISIÓN HA LLEVADO TIEMPO"
Vídeo | La reflexión de un joven ourensano tras ver a León XIV: "Me he dado cuenta de que Dios me llama al sacerdocio"