Primeira xornada en Xinzo da nova feira Expofamilia

SAÚDE E BENESTAR

Ao longo de todo o sábado sucedéronse diversas charlas, ponencias e actividades para todo tipo de familias, pais e nais, pero tamén para os máis pequenos da casa

Efectivos da Garda Civil amosando os seus vehículos aos máis novos, onte en Xinzo (foto: Marcos Atrio).
Efectivos da Garda Civil amosando os seus vehículos aos máis novos, onte en Xinzo (foto: Marcos Atrio).

A I Feira da Saúde e do Benestar na Familia de Xinzo de Limia, Expofamilia, viviu este sábado no pavillón municipal de deportes a súa xornada inaugural desta cita que aspira a se converter en referencia futura e punto de encontro para as familias.

Pola mañá destacou a celebración das “Xornadas de seguridade para a familia”, na que a Guardia Civil fixo demostracións con cans adestrados e expuxo os medios cos que contan as especialidades de Tráfico, Seprona e Pegaso, entre outras. Ademais tamén impartiu unha pequena demostración sobre seguridade infantil en vehículos.

A outra cita destacada do día foi á ponencia que deu á tarde Carlos González, figura relevante no mundo da pediatría e da crianza respectuosa, e que falou sobre “Necesidades afectivas”. Hoxe intervirá de novo na feira cunha charla titulada “Autoridade e límites”, de 11,00 a 12,30 horas.

Unha das charlas celebradas este sábado en Expofamilia (foto: Marcos Atrio),
Unha das charlas celebradas este sábado en Expofamilia (foto: Marcos Atrio),

Expofamilia é unha iniciativa de Fusión Fitness, o grupo de pais e nais La Tribu e do Concello limiao. Mari Salgado, unha das organizadoras e membro de La Tribu, explica que esta nova feria xurdiu a raíz da “necesidade que vimos como mamás de xuntar un pouquiño as cousas dedicadas á infancia. Malia estarmos nunha vila pequena, temos recursos para todo, pero se non os coñeces, non podes chegar a eles”.

Alén disto, para Salgado o importante é “dar a coñecer novos métodos de crianza, un pouco máis respetuosos e de acompañamento, grazas non só ás diversas actividades senón á presenza de asociacións que visualizan os distintos tipos de familias que existen hoxe”.

Expofamilia celebra este domingo o seu segundo e último día, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00 horas.

Contenido patrocinado

stats