Entre a seitura e a conversa, en Xinzo
Reportaje
Un grupo de seitureiros de Morgade, en Xinzo, decidiu facer o ciclo completo do trigo: dende o arado coas vacas, ata a elaboración do pan. Queren difundir esta tradición galega que, coma outras, perdeuse en parte pola mecanización dos procesos no agro.
Algar, un pequeno pobo de Cádiz, quere que as súas “charlas al fresco” sexan Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A 700 quilómetros, en Morgade (Xinzo de Limia), Ángel, Fidel, José María , Tino, Isaías, Brahím, José, Modesto, Paco e Luis desexan o mesmo recoñecemento para a seitura tradicional, un traballo que en Galicia ía moito máis aló da colleita ou sega a man: tratábase dunha costume popular que reunía e unía á xente nos pobos. “Fálase moito de que nas cidades non hai relacións entre veciños, pero nos pobos, hoxe, como non haxa algo desto, ti vives aquí e non tes relación ningunha co que che vive ao lado… ¡como non haxa un bar!”, lamenta José Losada, o “Xe”.
Ángel Suárez, agricultor de patatas e cereal xubilado, foi un dos artífices da recuperación desta tradición en Morgade. Hai uns anos fíxose con dúas vacas rubias galegas e comezou, un pouco por hobby, a traballar con elas as súas terras. Nesta ocasión, xunto ao seu grupo de amigos quixo facer, por primeira vez, o ciclo completo do trigo do xeito que se facía antigamente: dende o arado tradicional cos animais e a vertedera, ata a elaboración do pan.
O PROCESO
Esta fin de semana foi a quenda de segar, nun terreo de 500 metros cadrados, o sementado hai tres meses: trigo tremesino de primavera e palla alta. “Ao principio pasamos o vertedera para voltear a terra e, pasados uns días, agradouse, é dicir, ablandouse. Todo coas vacas”, explica José Losada, propietario da finca. “Despois sementamos, asucamos, fixemos os regos para tapalos”, apunta Ángel. Ademais, cando o trigo cumpriu certa altura, aricouse: “O obxectivo desto último é sacar as herbas e amontonar o trigo arriba para que non quede ancho”, precisa José. “Aquí non hai herbicida, ¡é todo ecolóxico!”, subliña Ángel.
Co trigo listo para segar e as fouces na man, os limiaos iniciaron os traballos da colleita o sábado ás nove da mañán. Fidel Fernández, coñecido como “Santana” no Servizo Militar, comezou tamén a elaboración dos mollos, pequenos montóns atados e feitos con ramas de trigo, para, posteriormente, agrupalos na finca -o medouco- e levalos, no carro das vacas, á eira. A meda -o conxunto dos mollos ou medouco máis grande- será o paso final antes da malla, o proceso de recuperación do grao. “Por un lado sae o grao e por outro a palla. Cando eu era mozo tocábame levala ao palleiro”, recorda Santana. “É importante que no medouco a espiga non toque o chan”, precisa Ángel.
En cada carro cargaranse nos vindeiros días uns 125 mollos. Tempo atrás, a cantidade de trigo recollido, era sinal de riqueza ou modestia nas familias. “Se se collían un ou dous carros de mollo, era unha familia pobre. De sete ou oito adiante xa se iba considerando e máis de 20 era de gran poder adquisitivo”, explica Xe.
Hoxe en día, as colleitadoras mudaron esta tradición, pois esta máquina é quen de segar e mallar o trigo. Por este motivo, Xe e os amigos de Morgade queren difundir a cultura popular antiga e, sobre todo, non deixar de disfrutar das merendas no campo, unha parte importante desta tradición para repoñer forzas. Con empanada caseira, viño en cuncas, queixo e touciño os seitureiros puxeron punto e final a esta xornada de traballo e conversa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ESQUELAS DE OURENSE
Las esquelas de este domingo, 21 de diciembre, en Ourense
EN CONFIANZA
Carlota Cao, doble premio por su joyería artística
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman